Cando as aves fan as maletas... ou non

Antonio Sandoval

LA VOZ DE LA ESCUELA

Andoriña común
Andoriña común

Ao chegar o outono, algunhas marchan cara ao sur, outras chegan do norte e hainas tamén que quedan entre nós todo o ano

09 oct 2019 . Actualizado a las 14:49 h.

É tempo de cambios. O verán parece cada vez máis afastado, pero á vez o inicio de curso resulta aínda recente. Nas árbores as follas comezan a amarelecer, vense cada vez menos bolboretas e libélulas nos campos, aparecen cogomelos nos prados, as noites empezan a ser máis longas que os días, os paraugas despréganse con maior frecuencia... E mentres unhas aves nos abandonan ata a vindeira primavera, outras chegan a facernos compañía durante os meses máis fríos do ano.

Entre as que nos deixan, a maioría marcharon hai poucas semanas. Para elas, en outubro convén ter cambiado xa Europa por África. En canto ás que van chegando desde o norte, algunhas fano aínda sen demasiada présa. Ás veces parece que esperan a que as primeiras xeadas as animen a partir. E tamén están as de hábitos sedentarios, que prefiren non moverse de onde naceron, ou afastarse moi pouco dos lugares que mellor coñecen.

POR QUE VIAXAN?

Porque, claro, que impulsa a unha ave migratoria a facer as maletas e marchar de viaxe?

Os motivos son varios, e a miúdo un pouco diferentes segundo de que especie falemos. En xeral, todas senten en outono e primavera dentro dos seus pequenos peitos unha sensación que as invita a partir. Os científicos alemáns que comezaron a investigar ese instinto viaxeiro chamárono Zugunruhe. Sentiches ti algunha vez algo parecido?

Logo está a necesidade de atopar lugares adecuados para sobrevivir. É dicir, ricos en alimento e con suficientes refuxios. No norte, ese tipo de lugares son moi abundantes durante a primavera, pero moi escasos en inverno. Nas zonas tropicais, aínda que son moito máis abundantes todo o ano, tamén hai moitas máis aves coas que competir por eles, e máis tipos de depredadores e parasitos. E por isto moitas especies acoden a criar ao norte e regresan ao sur en outono.

Nas latitudes máis tépedas, como a nosa, o que temos é un pouco unha mestura de ambas as opcións. As aves que soportan mellor o frío quedan ou veñen ata aquí, e as que prefiren a calor abandónannos ata dentro de seis meses.

Unhas e outras contan cun excelente manual de viaxe para non perderse e chegar onde desexan. Tamén, misteriosamente, as que o fan por primeira vez! No seu caso, ese manual está escrito nos seus xenes desde o mesmísimo ovo. Grazas a iso, moitos paxaros nados en maio ou xuño son capaces de voar cara ao sur por si sos, sen axuda dos seus pais, en setembro e en outubro.

Imaxinas que ti tiveses algo así? É máis: con que tipo de habelencias similares cres que vimos ao mundo os seres humanos? Que outras aprendemos segundo imos crecendo? Cales cres que son as máis importantes de todas elas?

O SEU MANUAL DE VIAXE

En canto ás aves viaxeiras, o seu manual explícalles, entre outras cousas:

  • Como saber cando chegou o momento de comezar a viaxe.
  • Como orientarse no ceo nocturno, en concreto segundo a situación da estrela polar.
  • Como orientarse segundo a situación do sol ao pórse.
  • Como seguir as correntes magnéticas que percorren o planeta.
  • Como guiarse polo olfacto.
  • Como recoñecer a inminencia de mal tempo e as formas da paisaxe.
  • Como aprender a recoñecer moitos tipos de sons, por exemplo o daqueles lugares máis ricos en alimento.

Cada especie ten o seu propio manual. Nos dalgunhas faltan algúns deses capítulos, mentres que outros teñen moitas páxinas.