As praias son moito máis que area

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

Como lle explicarías a alguén que non a teña visto xamais como é area da praia?
Como lle explicarías a alguén que non a teña visto xamais como é area da praia? monica ferreiros

Nelas viven de forma natural seres vivos adaptados de xeito tan particular a este medio que non poderían sobrevivir en ningún outro ambiente

05 jun 2019 . Actualizado a las 12:11 h.

Falta moi pouco. Pouquísimo. De aquí a un pouco chegará por fin o fin do curso, e con el os mellores días das vacacións de verán: os do seu comezo. Traxes de baño e toallas recibirán a partir de entón, para a gran maioría, moita máis atención que os cadernos. As horas xunto á auga en compañía dos amigos substituirán ás que ata agora transcorreron nas aulas. É verdade que haberá quen teña que dedicar bastante tempo semanal a recuperar esas materias que, por un motivo ou outro, se lle atascaran. Pero seguro que atopará máis dun intre para achegarse á piscina, o río ou a praia para compartir sol, baños, charlas e risos coa súa cuadrilla.

Non hai mellor momento en todo o ano para dedicarte a non facer máis nada que estar tombado. Ou para investigar con espírito explorador canto tes ao redor. E para ler, escoitar música, facer deporte, practicar sendeirismo, viaxar... Cando comeza, o verán aparenta ser tan longo que parece ter sitio para todas estas actividades, e moitas máis!

A maioría de nós identifica esa estación de calor coa praia. E a esta imaxinámola como unha ancha franxa de area xunto ao mar, máis ou menos chea de bañistas, co seu vixiante, o seu aparcadoiro, o seu chiringuito... Como debuxarías unha praia? Máis aínda: como explicarías que é unha praia a quen, por calquera motivo difícil de concibir, nunca tivera sequera escoitado esta palabra? Este é do tipo de exercicios que, aínda que a priori parecen case absurdos, resultan logo en grao sumo estimulantes para pensar acerca dos lugares nos que transcorre a nosa vida.

 

A AREA

Vexamos: terías que comezar por atopar palabras adecuadas para describir o mar. Isto xa che suporía un esforzo creativo considerable. Unha vez resolto do mellor xeito, mencionarías, a continuación, as ondas, a escuma, a brisa, as gaivotas, os corvos mariños, os golfiños, os barcos de pesca, os peixes de mil e unha especies... incluso as baleas. Que máis?

Logo deberías falar da area: sabes de onde provén? Acertaches: depende. Nalgunhas costas, unha parte moi importante da súa composición é de orixe orgánica, pois é o resultado da rotura, en anacos cada vez máis pequenos, das partes duras de infinidade de moluscos ou corais. Noutras, éo na súa maior parte froito da erosión das rocas.

Tamén terías que comentar algo acerca do que deposita o mar sobre esa area. Algas. Cunchas. Restos doutros seres vivos como esqueletos de ourizos, ovos de raias, plumas de chocos, cangrexos ou plumas de aves. Tamén madeiras cubertas de percebes, anacos de artes de pesca... E plásticos, claro. De todo tipo. De todas as cores e formas. Tamén de todos os tamaños. Si: terías que dedicar un intre a explicar a esa persoa por que as praias, sendo tan fermosas como as estás describindo, e tan atractivas como para merecer a visita de millóns de persoas de todo o planeta, se ensucian cada día con tanta porcallada plástica.

 

OU MÁIS QUE AREA?

Logo terías que facerlle ver en que se diferencian as praias amobladas para o seu uso como mero lugar de baño (apunta: estrada de acceso, aparcadoiro, paseo, farol, banco, papeleira, ducha, escavadoras para remover a súa area e retirar o lixo... e sigue ti) daquelas que conservan as súas calidades naturais, coa súa paisaxe da contorna sen alterar, zonas preservadas do abuso das multitudes, con abundante biodiversidade en forma dunha flora e fauna típicas destes lugares...

Sabías, por certo, que na area das praias, se se lles deixa, viven de xeito natural moitísimos seres vivos? Que ademais case todos eles están adaptados de xeito moi particular a ese tipo de medio, tan esixente, ata o punto de que non poderían sobrevivir en ningún outro tipo de ambiente? Que, por exemplo, en Galicia, temos varias plantas que en todo o mundo viven exclusivamente nas dunas costeiras do noroeste ibérico?

Se este verán vas á praia, xa sexa unha soa vez ou con frecuencia, proba a pensar un intre acerca de todo isto. E a comentalo coa túa cuadrilla. Foi sempre así esa praia? Se nalgún momento cambiou, como e por que cres que ocorreu? Se foi a través dunha obra pública, cales foron os criterios ou os modelos, aos que quería parecerse, de quen decidiron modificala? Por que non lles bastaba tal e como era? Como che gustaría que fora a ti? Paréceche ben tal e como é, ou colocarías máis cousas nela? Ou talvez retirarías unhas cantas das que hoxe contén?

E para rematar: consideras que unha praia non ten que ser máis que unha chea de area xunto ao mar para que poida ser gozada polos humanos, dotada de todos os servizos para este único obxecto? Ou cres en cambio que tamén debe ser, incluso que sobre todo debe ser, un espazo para compartir con quen viven nela de xeito natural, é dicir, con esa flora e fauna case únicas? Por que?

Explora despois esa praia. Pasea por ela, e pregúntate moitas máis cousas sobre o que vaias atopando. A través das respostas e dúbidas que che vaian xurdindo, descubrirás que unha praia é moito máis que area.

As tres zonas do litoral

Anímate, no teu paseo pola praia, a descubrir as tres zonas nas que se divide. E de paso, as criaturas que viven en cada unha delas. Ou as que sobreviven, se é que a praia sufriu excesivas modificacións. Son estas:

Zona supralitoral. Permanece sempre máis aló de ata onde chegan as mareas máis altas. É ás veces salpicada, incluso alagada, polas ondas cando coinciden preamares e tormentas. Pero permanece case sempre en seco. Atoparás nela numerosas plantas, e nelas infinidade de invertebrados.

Zona mediolitoral. As mareas cóbrena e descóbrena dúas veces ao día. Nas rocas descubrirás diversas especies de algas. Na area, en baixamar, poderás rexoubar o que deixou a última subida da marea. Onde haxa restos orgánicos atoparás infinidade de diminutos invertebrados dedicados a descompolos para comelos. Esas pequenas criaturas son, á súa vez, alimento de non poucas aves. Busca, ademais, pegadas de lontra na area húmida.

Zona infralitoral. Permanece sempre baixo a auga, salvo co gallo das mareas baixas máis vivas. Nela aparecen numerosos peixes que se alimentan de plancto ou de outros máis pequenos. Son á súa vez pescados por aves como corvos mariños ou carráns.

O fogar da píllara das dunas

Moitas das nosas praias mellor conservadas son fogar da píllara das dunas. Case da cor da area no dorso, pero co peito e o ventre case brancos, os machos locen unha pequena mancha negra na fronte e outras dúas en cada ombro, mentres que as femias son moito máis discretas. Cada parella fai o seu niño na mesma area, apenas unha cunca tapizada de anacos de cunchas.

En Galicia, as píllaras están moi ameazadas, e non crían en ningún outro tipo de ambiente. Por iso son obxecto de moita atención e coidado por parte, entre outros, da Universidade de Santiago de Compostela e numerosas organizacións conservacionistas, como a Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife (que elixiu ademais esta especie como ave do ano 2019), a Sociedade Galega de Ornitoloxía ou a Sociedade Galega de Historia Natural, entre outras. Cada vez máis concellos, doutra banda, desenvolven medidas para a protección das píllaras. Destaca neste sentido o labor que desde hai anos desenvolve o do Grove. A Xunta de Galicia aprobou hai tempo un plan de conservación concreto para estas aves.

 

Non son un vertedoiro

Cada vez máis persoas apúntanse, durante os seus paseos polas praias, a levar consigo unha bolsa para ir recollendo a maior parte posible dos restos de plástico que van atopando. Á vez que fan exercicio, liberan a estes ecosistemas, e ao mar, dos efectos moi nocivos da progresiva descomposición deses materiais.

A organización Ecoembes, entre outras, organiza periodicamente actividades de recollida de lixos en praias e outros espazos naturais, enmarcadas no proxecto Libera, en colaboración coa Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife. A próxima gran quedada estatal será o 15 de xuño. Se queres botar unha man, podes informarte en:

  • https://proyectolibera.org/ 

CADERNO DE PRAIA

Unha idea: ademais do traxe de baño, a toalla, a crema protectora, etcétera, leva cada día á praia un caderno para apuntar nas súas páxinas canto vaias atopando ou suceda alí: as criaturas que descobres nas pozas das rocas, as conversacións cos amigos, as sensacións ao entrar nas ondas, as aves que voan sobre a liña do horizonte, os cambios meteorolóxicos, preguntas, dúbidas... Ao final do verán terás feito un diario que, pasado o tempo, che recordará de xeito moi especial estes meses marabillosos.