Chéirase o escándalo

En 1983 publicouse o descubrimento asombroso de que as árbores se avisan unhas ás outras da presenza de ameazas coma insectos que poden acabar con elas

As árbores da fraga de Cecebre falaron entre elas ao coller vida na novela «O bosque animado», de Wenceslao Fernández Flórez
As árbores da fraga de Cecebre falaron entre elas ao coller vida na novela «O bosque animado», de Wenceslao Fernández Flórez

Se o noso olfacto fose sensible a todas as substancias químicas que as plantas liberan ao aire percibiriamos un escandaloso barullo, máis aínda na primavera. O descubrimento de que fabrican e liberan substancias para comunicarse entre elas está producindo unha revolución na comprensión do mundo vexetal.

ÁRBORES FALANTES

Na actualidade hai máis científicos traballando que os que existiron no resto da historia humana, así que non debería estrañarnos que tantas investigacións estean a provocar numerosas revolucións. Onde resulta máis evidente é nos campos da tecnoloxía (novos materiais, computación, etcétera) e da saúde (reprodución asistida, rexeneración de tecidos…). A botánica non parecía sospeitosa de agochar grandes sorpresas, pero o certo é que en 1983 publicouse un descubrimento asombroso: as árbores avísanse unhas ás outras de que un insecto devorador de madeira anda solto pola zona. É coma se as atacadas polo animal gritasen: «Perigo! Defendédevos!».

Talvez pola idea xeneralizada de que as plantas son organismos máis aburridos que os animais, a noticia resultou tan curiosa que se estendeu rapidamente e os medios de comunicación presentárona baixo a idea das árbores falantes. O concepto é tan fascinante que foi levado ao cine no 2007 na película titulada O incidente. Nesa ficción as plantas reaccionan contra a especie humana liberando substancias que inducen ás persoas ao suicidio, pois o obxectivo é protexerse fronte ao perigo ambiental que significamos.

O que anunciaba un daqueles primeiros descubrimentos científicos é que as follas dos salgueiros sans que crecen preto doutros infectados por eirugas fabrican substancias tóxicas que as volven incomestibles para o insecto. A investigación demostrou que non había contacto físico ningún entre os salgueiros, así que só podían comunicarse a través do aire. Poucos meses despois, outro grupo de investigadores traballou con pradairos e álamos novos: encerráronos en caixas herméticas de plástico para estudar se eran substancias gasosas as que levaban as mensaxes a través do aire. Efectivamente, é o que descubriron, e que a mensaxe que alertaba para inducir a fabricación das substancias protectoras tamén era emitida se se danaban e mecanicamente as árbores (por exemplo, se se cortaban as follas con tesoiras).

Naquela época houbo certa resistencia a crer estes feitos, e algúns incrédulos afirmaron que se trataba dunha esaxeración, que seguramente eran erros orixinados durante os procedementos de investigación. Con todo, nos últimos anos demostrouse que a comunicación das plantas a través de substancias químicas volátiles (as que se liberan ao aire) é un proceso xeneralizado no mundo vexetal, e que practican unha grande cantidade de especies, algunhas tan dispares como a cebada e o millo (cereais), a faba (unha leguminosa), a artemisa (unha planta de flor) ou o amieiro (unha árbore).

VARIADA LINGUAXE

As plantas xeran unha enorme cantidade de substancias volátiles (flores, froitos maduros, herba recentemente cortada, etcétera), algunhas de significado coñecido, como atraer insectos, aves e mamíferos que favorecen a reprodución, ou avisar do ataque de eirugas, ácaros, pulgóns e outros insectos. Pero existen moitas outras con funcións que se están comezando a comprender e que se liberan ao aire en cantidades tan pequenas que só se poden detectar con modernos sensores.  

As plantas, por exemplo, avísanse tamén se están sufrindo unha infección bacteriana. De feito, é sabido desde a Antigüidade que fabrican substancias antimicrobianas: o craveiro é unha especia que ten substancias deste tipo, e que xa se engadía aos alimentos cociñados e ás carnes para evitar a aparición de mofo.

Descubriuse tamén que diferentes partes das plantas (raíces, follas, flores) poden liberar distintas mensaxes químicas. Cando as fabas silvestres están a ser devoradas por escaravellos, a planta produce distintas substancias volátiles. A que se fabrica nas follas ten o obxectivo de avisar da ameaza a outras follas, xa sexan da mesma planta ou das veciñas; grazas a iso sintetizan e acumulan substancias repelentes. Pero, ademais, as flores desas plantas (aínda que os insectos non se alimentan delas) tamén fabrican un néctar cunha fragrancia que serve para atraer insectos que se alimentan de escaravellos. A mensaxe que envían a eses depredadores sería algo así como: «Teño comida gratis! Sírvase vostede mesmo!».

O olfacto é un dos sentidos máis primitivos no reino animal, e non debería estrañar que as plantas tamén parezan telo, pois apareceron sobre a Terra millóns de anos antes que os animais. Aínda así resulta sorprendente o comportamento da rubideira parasita chamada Cuscuta. Cando as súas sementes xerminan, os abrochos rastrexan o chan do seu arredor ata que cheiran a presenza dunha planta do seu agrado (se se lles ofrece trigo e tomateira, sempre elixen a segunda). É entón cando crecen cara a ela e, ao chegar, abrázana e perforan cos seus filamentos, que actúan como agullas, para alimentarse do zume.

actividades 

Os Museos Científicos Coruñeses lanzan todos os cursos escolares unha convocatoria para premiar traballos de investigación realizados por alumnos de educación primaria e secundaria. Anímate a pensar e deseñar unha investigación sobre este tema para levala a cabo o próximo curso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Chéirase o escándalo