Seguimos en tempo de eleccións

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

Á esquerda, cartel electoral do candidato del Partido Popular Europeo, Manfred Weber, e á dereita o da candidata do Partido Socialdemócrata de Alemaña, Katarina Barley, en Lauf (Alemaña)
Á esquerda, cartel electoral do candidato del Partido Popular Europeo, Manfred Weber, e á dereita o da candidata do Partido Socialdemócrata de Alemaña, Katarina Barley, en Lauf (Alemaña) PHILIPP GUELLAND

O vindeiro día 26 clebraranse comicios locais e europeos, e autonómicos nalgunhas comunidades

15 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Así que o día 28 de abril pasaron as eleccións xerais, cos resultados de todos coñecidos, e mentres a lexislatura está a pórse en marcha malia que aínda non se constituíu o Parlamento e está pendente a sesión de investidura do novo xefe de Goberno, estamos metidos de cheo noutro período electoral no que haberá que decidir tres cousas: quen goberna nas corporacións locais e quen serán os próximos alcaldes en todos os concellos de España, que partidos gobernarán e quen serán presidentes nas doce comunidades autónomas que celebran estas eleccións ao mesmo tempo que as locais e, finalmente, quen serán os representantes españois no Parlamento Europeo.

Todo iso ocorrerá o 26 deste mes, un grande día para a democracia. Vexamos como se vai desenvolver, seguindo o esquema formal que xa empregamos cando presentamos hai pouco as eleccións xerais e no e-studio de noticias que podedes atopar na web de Prensa-Escuela:

  • https://www.prensaescuela.es/tiempos-de-elecciones/

 

ALGO IMPORTANTE

En cada proceso electoral queda constituída unha Xunta Electoral Central, que é a encargada de organizar e controlar o desenvolvemento da votación. O corpo electoral en cada convocatoria queda fixado no censo electoral, que é a lista pormenorizada na que aparecen, unha por unha, todos as persoas que teñen dereito a votar. Nese censo determínase o colexio electoral e a mesa en que ten que votar cada un, porque non se pode facer onde a calquera se lle ocorra. Isto é necesario para garantir que non haxa fraude.

Cada mesa electoral está formada por un presidente e dous vogais elixidos pola Xunta Electoral mediante un sorteo entre todos os habitantes dunha circunscrición que cumpran certos requisitos. Na mesa tamén pode haber apoderados dos partidos políticos, representantes oficiais destes que poden comprobar canto suceda no transcurso da votación.

A mesa dispón dunha listaxe completa do censo da súa circunscrición e cada votante que acode a ela dispón dun cartón, que lle enviara a Xunta Electoral, no que se indica exactamente a mesa na que toca votar. Cando o votante se achega, o presidente pídelle a súa identificación, compróbaa e comproba tamén a listaxe do censo. Entón o votante deposita o seu sobre na urna e o presidente marca na listaxe que exerceu o seu dereito. Deste xeito garántese que a identidade do votante é a correcta e que só poida votar unha vez.

Ao final do día, cada mesa fai o reconto dos resultados e o número de papeletas de voto dentro da urna ten que ser igual ao de votantes sinalados nas listas do censo despois de ter exercido o dereito a votar.

 

1. Eleccións locais

É o momento de elixir concelleiros e alcalde do noso municipio. Procédese así.

Quen elixen? Corpo electoral. Nas eleccións locais son os veciños maiores de 18 anos empadroados en cada municipio. En cada caso a circunscrición electoral é o termo municipal de cada concello. Unha peculiaridade que presenta este corpo electoral é a de que poden figurar nel persoas que non teñan a nacionalidade española, pero que pertenzan á Unión Europea, estean empadroados nalgún municipio español e teñan manifestado o seu desexo de ser incluídos no censo. Esta circunstancia é importante en moitos concellos do sur e de Levante que acollen a numerosos xubilados europeos. Tamén os cidadáns doutros países non pertencentes á Unión Europea cos que España teña asinado acordos de reciprocidade poden ter acceso a este privilexio. No censo consta a relación nominal de cada un dos electores con dereito a voto. Faise público con anterioridade á data electoral.

Que se elixe? Contido do voto. Nas papeletas das votacións municipais aparece unha lista de persoas que aspiran a ser concelleiras en nome dun partido político. O que presenta a lista é o partido e preséntaa como un conxunto. Non son as persoas as que tomaron individualmente a iniciativa, senón que foron elixidas polo seu partido para formar parte dela. Hai candidatos titulares e suplentes nun número que depende da poboación do municipio. A lista de titulares debe coincidir co número de concelleiros que teña asignado cada municipio. A estes pódeselles engadir un número de suplentes. O primeiro da lista aspira a ser o alcalde. O votante non pode engadir ningún nome nin tachar nin cambiar a orde.

Reconto de votos. Unha vez pechados os colexios electorais, prodúcese o reconto de votos e aplícase o sistema de d’Hondt para establecer o resultado (véxase a web mencionada). O limiar mínimo de votos establecido nas eleccións municipais para ser admitido no reconto é do 5 %. Inmediatamente despois constitúese a corporación municipal, que é o conxunto de todos os concelleiros elixidos, e a súa primeira actuación é a elección do alcalde. Votan todos eles e é elixido o que obteña a maioría absoluta, é dicir, o 50 % máis 1 dos votos. Os concelleiros que cada partido teña obtido sempre votan polo cabeza da súa lista ou, se estableceron unha coalición con outro partido, polo cabeza da lista que se determinou na coalición. Se ningún candidato obtivese a maioría absoluta pasaría a ser alcalde o cabeza da lista máis votada.

 

2. Eleccións autonómicas

Doce comunidades autónomas elixen parlamentarios e a través deles aos seus presidentes.

Quen elixen? Corpo electoral. Nas eleccións autonómicas fórmano os españois maiores de 18 anos, empadroados nalgún municipio desa comunidade autónoma. As circunscricións electorais son as provincias.

Que se elixe? Contido do voto. Elíxese os membros dos Parlamentos autonómicos. Estes só dispoñen dunha Cámara, a de deputados. O sistema de elección dos deputados autonómicos é basicamente igual ao da elección de deputados do Congreso (véxase a páxina web https://www.prensaescuela.es/tiempos-de-elecciones/). As circunscricións electorais son tamén as provincias. O Parlamento autonómico, unha vez constituído, en primeiro lugar elixe o presidente da comunidade co mesmo sistema que se elixe o presidente do Goberno no Congreso dos Deputados das Cortes Xerais.

Reconto de votos. A diferenza das locais, nestas eleccións non existe un limiar mínimo de votos establecido para todas as comunidades autónomas: cada unha establece o seu. En Galicia é do 5 %.

 

3. Eleccións ao Parlamento Europeo

Quen elixen? Corpo electoral. Celébranse cada cinco anos de forma conxunta en todos os países membros, aínda que non exactamente na mesma data. O corpo electoral constitúeno todos os cidadáns da Unión Europea que poden exercer o seu dereito ao voto ben no seu país orixinal, ben no seu país de residencia.

Que elixen? Contido do voto. Cada partido ou coalición de partidos presenta unha lista pechada, igual en toda España porque a circunscrición é única para todo o territorio nacional. Elíxese a lista pechada. A circunscrición electoral é única e abarca a totalidade da nación.

Reconto de votos. Ao reconto de votos aplícaselle tamén o sistema d’Hondt e non hai limiar mínimo. O número de parlamentarios que se elixirán en España é de 59, se o brexit é xa unha realidade, pero este número pode variar.

 

 actividades

As eleccións máis próximas aos alumnos son as municipais. Por iso é aconsellable centrar nelas as actividades de aula. Seguir o seu desenvolvemento, presentar os seus resultados analizar as posibilidades que os resultados poidan ofrecer, representar nun cadro aos concelleiros elixidos e os grupos que forman, dirixir unha carta ao novo alcalde.