Na busca da resposta correcta nos exames tipo test

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

No exame tipo test, le ben as instrucións antes de comezar e responde primeiro as preguntas que saibas
No exame tipo test, le ben as instrucións antes de comezar e responde primeiro as preguntas que saibas Tevarak

Algúns trucos para obter un resultado bo nos exames tipo test

15 may 2019 . Actualizado a las 08:54 h.

Vaia por diante que o mellor truco para sacar unha boa nota nun exame tipo test (ou de calquera outra modalidade) é preparalo ben, con tempo suficiente para estudar todos os temas, aclarar ideas, relacionar coñecementos e fixar conceptos. A partir de aí, hai que admitir que hai un grupo de estudantes que locen neste tipo de exames: saben sacarlle partido ao que saben e responder con acerto, intuición e tranquilidade. Con todo, hai outro tipo de alumnado que o pasa verdadeiramente mal á hora de enfrontarse a estes tests: ponse nerviosos, léanse coas respostas e parece que non dan pé con bóla… En definitiva, non son capaces de demostrar todo o que saben. Especialmente para eles, estes trucos poden resultarlles de utilidade para detectar a resposta correcta, que adoita presentarse camuflada entre tres, catro ou máis opcións parecidas, pero incorrectas. 

1. Le moi ben as instrucións xerais. En concreto, asegúrate de que queda clara a seguinte información:

  • Se sempre hai unha resposta correcta ou pode que todas sexan falsas.
  • Se é posible que haxa máis dunha resposta correcta e, xa que logo, haxa que marcar máis dunha.
  • Se as preguntas non respondidas contan como incorrectas.
  • Se hai penalización por respostas incorrectas (e cantos puntos restan).
  • Canto tempo hai para facer o exame. En todo caso, o reloxo encima da mesa adoita ser de grande axuda.
  • Se se pode utilizar unha folla para facer anotacións en sucio, esquemas… 

2. Responde primeiro ás preguntas que saibas.

  • Salta aquelas nas que dubidas a resposta ou esixen maior tempo de reflexión ou razoamento. A idea é que asegures eses puntos de respostas correctas e deixes o maior tempo posible para as máis difíciles.
  • Das preguntas que saltas, marca aquelas que cres que poderías responder pero que necesitas algo de tempo para pensalas.
  • O risco de responder a todas as preguntas en orde é que te bloquees nalgunha especialmente difícil e deixes preguntas que sabías sen responder ou con erros por un exceso de ansiedade que che impida pensar con claridade. 

3. Agora continúa coas máis difíciles pero que saibas responder. 

  • Volve ao principio e responde as que marcaches como que probablemente podes responder ben. Dedícalles un tempo razoable para dar a resposta correcta. Se ves que algunha delas encalla, pasa á seguinte.
  • Nesta segunda volta xa terás respondido a todas as preguntas que sabes.
  • Só quedan por responder as que tes dubidosas ou das que directamente non tes nin idea. É o momento de preguntarte canto tempo queda e de calcular os puntos que sumaches, para valorar se paga a pena arriscar coas non contestadas no caso de que penalicen.

4. Decide se responder ou non ás preguntas nas que dubidas.

  • Se non hai penalización por respostas incorrectas (o máis infrecuente), non hai nada que dubidar: responde a todas, incluso aínda que non teñas nin idea. 
  • Se hai penalización por respostas incorrectas e tamén por preguntas non respondidas, igual que no caso anterior, hai que responder a todas as cuestións.
  • Se penalizan as respostas incorrectas, pero as preguntas non respondidas non quitan puntos… só debes responder se tes certa probabilidade de acertar. E esta posibilidade de éxito elévase cando podes descartar unha ou máis opcións porque xa sabes que son incorrectas. Se non es capaz de descartar ningunha resposta e calculas que alcanzas o aprobado coas que contestaches ben, mellor déixao así e non te arrisques a baixar nota.

5. Repasa as respostas.

Se tes tempo, revisa as túas respostas e asegúrate de que liches ben os enunciados. E, por suposto, mira de ter posto o teu nome ao exame! 

Ante preguntas complicadas

1 Le e relé a pregunta con calma. Unha simple coma ou un adverbio poden cambiar todo o sentido da frase. 

2 Intenta buscar a resposta na túa cabeza sen ler as opcións. Este esforzo pode evitar que te equivoques ao escoller a resposta correcta. 

3 Le todas as opcións. Aínda que che pareza a primeira vista que sabes cal é a correcta, talvez haxa outra parecida pero máis exacta. 

4 Teñen moitas probabilidades de ser falsas:

  • Respostas que gramaticalmente non encaixan ben coa pregunta.
  • Os valores extremos: en respostas numéricas, valora primeiro as respostas intermedias antes de decidirte polo valor máis baixo ou máis alto (que pode darse, por suposto).
  • As opcións con palabras absolutas (nunca, sempre, xamais). 

5 Teñen probabilidade de ser certas:

  • A que escolles por instinto entre dúas que entre as que dubidas.
  • As respostas máis longas (a persoa que elaborou o test quere que a resposta sexa totalmente correcta, e para logralo talvez tivera que engadir máis detalle).
  • A opción «Todas as anteriores» se polo menos dúas das respostas che parecen correctas. 

Escuela de familias 

TEMA DO MES: Exames finais.

ETAPA: Educación obrigatoria.

A FRASE: «O xenio faise cun 1 % de talento e un 99 % de traballo» (Albert Einstein).

ALGUNHAS CLAVES: Levar todo o material necesario e controlar o tempo durante o exame.

ERROS QUE EVITAR: Ir ao exame sen ter descansado o suficiente.

PARA SABER MÁIS: A revista «¿Y ahora qué?» ofrece numerosos recursos para decidir que e onde estudar, aspectos prácticos da vida estudantil, saídas laborais das distintas carreiras e outra información interesante. Na súa páxina de Internet pódese consultar o artigo «Exame tipo test: claves para aprobar con nota», na ligazón http://yaq.es/reportajes/test