Máquinas que falan entre elas

No 2018, por primeira vez hai máis liñas de telefonía móbil que persoas en todo o mundo

Os robots cirurxiáns coma o Da Vinci funcionan grazas á baixa latencia da rede 5G
Os robots cirurxiáns coma o Da Vinci funcionan grazas á baixa latencia da rede 5G

Hoxe en día case todos levamos un móbil no peto, aínda que seguro que coñecemos a alguén que non ten, sexa porque non o necesita ou simplemente porque non o quere ter. O nivel de implantación da telefonía móbil é moi alto na nosa contorna, pero é fácil imaxinar que é menor noutras partes do mundo.

Segundo datos da GSM Association (www.gsma.com), a organización que agrupa ás empresas do sector das telecomunicacións e celebra anualmente o Mobile World Congress en Barcelona, o 67 % das persoas do mundo usan telefonía móbil, e tres cuartas partes delas úsana para acceder a Internet. Europa é a rexión con maior porcentaxe de implantación desta tecnoloxía.

O que resulta máis rechamante do último informe publicado é que no 2018 o número de liñas móbiles dedicadas a comunicación entre persoas é maior que a poboación mundial total. É a primeira vez que ocorre, e tócannos a 1,03 liñas por cada habitante do planeta. Se temos en conta só as persoas conectadas, serían ao redor de 1,5.

Moitos usamos varias tarxetas de forma máis ou menos consciente. Nalgúns casos as dúas SIM están no mesmo móbil, unha para os asuntos persoais e outra para os de empresa. Noutros están en dispositivos distintos asociados a un mesmo usuario: unha tableta, un dispositivo de localización, un punto de acceso mifi ou o equipo de conexión que cada vez levan máis coches. E as cifras non paran de medrar. Estímase que para o 2025 o número de liñas será de 1,14 por cada habitante do mundo, aínda que non se espera que cambie moito a porcentaxe de poboación conectada.

O resto das SIM móbiles serven para que as máquinas se comuniquen entre elas. Úsanse en terminais de venda, parquímetros ou dispositivos GPS, por pór uns poucos exemplos. Espérase que nos próximos cinco anos o número destas liñas se multiplique case por tres, e cheguen a conectarse máis de 25.000 millóns de equipos.

GASTANDO POUCO

O motivo dun crecemento tan espectacular é a chegada da rede 5G. É unha actualización tecnolóxica importante, na que cambia o rango de frecuencias de traballo e os protocolos de comunicación, para adecuar os dispositivos conectados ao que vén chamándose Internet das cousas (IoT, polas súas iniciais en inglés).

Un requisito necesario para algúns equipos IoT é que o consumo das súas conexións sexa realmente baixo, o que non é posible coas redes 3G e 4G. Nestas, os equipos necesitan falar continuamente entre eles para garantir a conexión, e iso gasta moita enerxía. Unha aplicación típica é a recollida de datos en lugares illados que non dispoñen de rede eléctrica, como no medio dun campo.

Coa rede 5G é posible medir e enviar valores de temperatura, humidade, precipitacións ou insolación durante moitos anos sen ningún tipo de mantemento. Tamén haberá un aumento da velocidade de transmisión de datos e da seguridade, como en cada actualización da rede. Neste caso, a taxa de envío multiplicarase por máis de cen. En contornas industriais e oficinas, pode chegar incluso a substituír con vantaxe ás redes cableadas e as wifi.

Latencia

A característica que máis axudará ao incremento de dispositivos conectados é a baixa latencia da rede 5G. A latencia é o tempo que tarda en empezar a chegar unha mensaxe ao receptor, e é un concepto distinto ao de velocidade. Nas redes actuais fai falta un tempo relativamente longo para negociar e iniciar a comunicación. Incluso o envío dun pequeno paquete de información ten un retardo importante. A baixa latencia permite desenvolver aplicacións con resposta inmediata, o que se denomina tempo real.

Seguro que algunha vez, ao falar por teléfono, notamos o incómoda que é unha liña que ten retardo, e o tempo que se perde para lograr entenderse. Con baixa latencia, a sincronización é perfecta, e así é posible interpretar un concerto cos músicos repartidos por todo o mundo ou realizar operacións a distancia cun robot cirurxián como o Da Vinci (www.davincisurgery.com).

En congresos como o MWC Barcelona (https://www.mwcbarcelona.com/) é habitual ver exposicións que mostran os novos límites que terá a rede.

actividades 

Ideación

Nos procesos de creación hai unha fase chamada ideación ou xeración de ideas. Trátase de pensar novas ideas e solucións que respondan a un problema sen preocuparse demasiado de que sexan ou non realizables (iso avalíase nunha fase posterior).

Proba a facer estes dous exercicios, mellor se é nun grupo de catro ou cinco compañeiros. Non valores as propostas ata o final. Simplemente anótaas.

  • Escribe unha lista dos aparellos que che rodean: espertador, lámpada, dispositivos musicais ou de xogos, mobles, electrodomésticos… Pensa e escribe ao seu lado que novas funcións se che ocorre engadir a cada un: responder á voz, adaptarse a cada persoa que o usa, que falen, que detecten o noso estado de humor, que nos recorden o máis importante…
  • Escribe agora outra lista con posibles axudas que vexas útiles: suxerir música agradable, axudar nas tarefas de casa, coidar persoas, avisar se estou moito tempo sentado, sacar o can… Escribe á beira de cada unha que dispositivo che parece máis adecuado para facer esas funcións.

Cando acabes, repasa as dúas listas. Case seguro que algunha idea é nova e orixinal. Talvez acabas de idear algún dispositivo que merece a pena que empezos a pensar como se pode desenvolver. Ánimo!

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Máquinas que falan entre elas