As grandes viaxeiras do planeta

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

Cirros comúns
Cirros comúns MARCOS MÍGUEZ

Para os afeccionados á observación de aves, esta é unha época intensa polas migracións, sobre todo no hemisferio norte

03 abr 2019 . Actualizado a las 11:56 h.

Na primavera suceden tantas cousas á vez que é difícil decidir cara a onde mirar, que escoitar, por onde pasear ou en que momento deterse a pensar para asimilar tanto espectáculo natural. Non é necesario acudir a unha contorna salvaxe para presenciar como a forza da vida se abre paso un ano máis. No alto dunha arboriña urbana rodeada de tráfico podes atopar, por exemplo, un xílgaro cantando a todo pulmón desde unha poliña na que comezaron a agromar unhas follas tan pequenas como tenras.

Para os millóns de afeccionados á observación de aves de todo o mundo, esta é unha época en grao sumo intensa, sobre todo no noso hemisferio norte: ás actividades propias da reprodución de infinidade de especies diferentes súmanse as viaxes de moitas outras máis, que nestas datas abandonan os seus fogares de inverno para dirixirse cara a aqueles outros nos que instalarán os seus niños, situados ás veces máis aló do círculo polar ártico.

Para esas aves viaxeiras que van tan ao norte, a primavera é case unha carreira de obstáculos. Deben dirixirse cara alí atravesando miles de quilómetros de continentes e mares, así como todo tipo de situacións meteorolóxicas, e non poucas ameazas en forma de depredadores naturais ou molestias causadas por humanos nos seus lugares de descanso. E todo iso, con precaución de non chegar aos seus destinos demasiado pronto, coa tempada de calor aínda non comezada, pois non atoparían alimento nin para si mesmas. Nin demasiado tarde, pois acharían os mellores territorios xa ocupados!

Todo é para elas, xa que logo, cuestión de cálculos e de dispoñibilidade de refuxios seguros e nos que alimentarse para recobrar enerxías para a seguinte etapa. Tamén de equilibrios climáticos. E de contar, ás veces, coa mellor bandada. E de experiencia, sorte e vontade. Se o pensas ben, todo isto é un pouco o que calquera humano necesita tamén para viaxar pola súa vida, estación tras estación. Seica por isto nos gusta tanto, a cada vez máis persoas, deternos a mirar os voos das aves.

Pero é que ademais son moi fermosas, claro. Cantan, teñen formas e cores moi vistosas e diferentes, cada unha ocupa un ou varios tipos de paisaxes... A súa presenza, de tan vivaz e fácil de observar, axúdanos a comprender moito mellor os lugares que compartimos con elas. Tanto as glorietas ou tellados das cidades como as campiñas, bosques ou rías.

Así é como as contemplamos e, de xeito inevitable, terminamos por preguntarnos moitas cousas. No caso das máis viaxeiras, á humanidade intrigoulle desde sempre como conseguen facer eses longos percorridos sen perder a súa ruta. A ciencia vai revelando que se serven da situación da estrela polar, das correntes magnéticas que percorren a cortiza terrestre, da luz polarizada do sol, dos recendos do mar... E que os datos que obteñen desas observacións interprétanos do xeito máis eficaz, cun tipo de intelixencia analítica que aínda estamos a comezar a comprender.

Outras fan viaxes verdadeiramente incribles, capaces de unir recunchos do mundo moi remotos e afastados entre si. Algunhas pasan por Galicia, ou moi preto de aquí, nalgún momento deses desprazamentos planetarios. Nestas páxinas presentamos só unhas cantas.

Virapedras común

Virapedras común
Virapedras común

Vive nas nosas costas todo o inverno, ata que, chegada a primavera, acode ao Ártico a criar a súa familia. Algúns exemplares que pasan connosco os meses máis fríos vanse logo nada menos que ao extremo norte do Canadá.

Carrán ártico

Carrán ártico
Carrán ártico

É unha ave mariña que nunca verás terra dentro. Pasa fronte ao noso litoral nas súas viaxes de primavera e outono, ás veces en nutridas bandadas. Moitas parellas crían en Islandia ou Escandinavia, e vanse logo, no noso inverno, á Antártida, onde nese momento é verán. Un estudo de varios exemplares nados nos Países Baixos revelou que nos seus desprazamentos chegaban nada menos que ata os mares de ao redor de Nova Zelandia. É dicir, aos nosos antípodas.

Pedreiro cincento

Pedreiro cincento
Pedreiro cincento Mick Sway

Este pequeno paxaro é capaz dalgunhas das viaxes máis asombrosas que se coñecen. Algúns dos que pasan na primavera e o outono por Galicia, ou preto de aquí, teñen como destino o norte de América. E iso que son aves terrestres, para as que caer ao mar é unha morte segura. No inverno regresan desde alí a África. As que crían en Alasca fan unha viaxe máis sorprendente aínda: cruzan desde alí ao norte de Rusia e atravesan toda Asia e Oriente Medio ata chegar tamén ao sur do deserto do Sahara.

Asubiador

Asubiador
Asubiador Becky Masubara

As rías de Ortigueira ou de Vigo acollen cada inverno numerosos exemplares desta bonita especie de pato. Cando chega a primavera, vanse moi lonxe: algúns dos seus poliños nacen a máis de 5.000 quilómetros de aquí, en lugares como os deltas dos ríos Ienissei, Obi e Pechora. Busca onde están e como son estas paisaxes.

Cirrio común

Cirros comúns
Cirros comúns MARCOS MÍGUEZ

Deica pouco máis dun mes os cirrios estarán sobrevoando o teu pobo ou barrio. Son esas aves escuras, de ás en forma de fouce aberta, que renxen mentres voan sobre os tellados e algunhas persoas confunden coas andoriñas. Veñen de pasar o inverno sobre a selvas e sabanas de África. Pero sen pousarse. Si: por incrible que pareza, desde que abandonan os seus niños europeos estas aves non se pousan ata que de novo regresan ao noso continente.

Unha páxina web sobre as migracións das aves

Apunta: http://www.migraciondeaves.org/. Nesta páxina web, creada pola Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife atoparás moitísima información acerca das aves migratorias que utilizan o noso país nas diferentes estacións. Forma parte dun proxecto iniciado no 2011 que reúne datos de 355 exemplares.

Cantas aves viaxeiras coñeces?

Entre toda a clase, elaborade unha lista das aves viaxeiras que coñecedes. Cantas delas viven preto de onde vivides e estudades? Cales son as vosas veciñas só no inverno ou só no verán? Cales aparecen máis nada que durante as súas viaxes? Onde pasan os outros momentos do ano? Como viven os nenos deses países? Como son os seus centros escolares?

Como se estudan as migracións?

Imaxinade que a vosa clase foi elixida como centro de estudo das migracións das aves da vosa comarca e do resto de Galicia. Sabedes cales son os métodos de investigación máis utilizados para este tipo de proxectos? Oístes falar do anelamento científico? Sabiades que nalgúns casos se utilizan as últimas tecnoloxías para seguir os pasos destes animais a través dos continentes? Buscade toda esta información, e veredes cantas sorpresas.

Ríos de aves

Algúns lugares do planeta son famosos entre os observadores de aves polas cantidades de exemplares que os atravesan nas súas viaxes migratorias. Para estes animais funcionan como pasadizos entre continentes que lles evitan voar moi mar dentro. Ou, no caso das aves mariñas, como esquinas de terra que dobrar. Destacan polas súas cifras o estreito de Xibraltar, por onde circulan cada ano máis de 300 millóns de aves, ou Falsterbo, en Suecia, por onde o fan máis de 500 millóns, un número similar ao que se rexistra en Eilat (Israel). O mellor cabo para observar aves oceánicas de toda Europa témolo en Galicia. É o de Estaca de Bares, no norte da provincia da Coruña. Investiga por que, e que especies son alí as máis numerosas.

Organiza as túas excursións paxareiras

A través desta guía poderás coñecer os mellores destinos para observar aves en Galicia cada mes do ano. Inclúe as coordenadas de cada un deses lugares, para chegar a eles con total comodidade, e poderás gozar todo o posible das aves que os frecuentan. Nas túas visitas, recorda sempre a quen che acompañen que deben respectar ao máximo tanto estes animais como os seus hábitats. Non esquezas os teus prismáticos!