De traballos académicos e políticos trampulleiros

LA VOZ DE LA ESCUELA

Nos textos do ámbito científico, as coincidencias con outros textos xustificadas adoitan ser menos que nos humanísticos
Nos textos do ámbito científico, as coincidencias con outros textos xustificadas adoitan ser menos que nos humanísticos BENITO ORDOÑEZ

Os programas informáticos de detección de plaxio poñen contra as cordas a coñecidas personalidades da actualidade e serven de aviso para estudantes

03 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa me tarda que nesta campaña -chámanlle pre-, pero só é un eufemismo- os políticos volvan falar de másteres, teses e currículos académicos. Co quente que estivo o tema por aló despois do verán! Dimisión de ministra incluída e grandes presións sobre os principais influencers políticos do momento: o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o líder da oposición, Pablo Casado. Sobre o primeiro pesa a sospeita de que plaxiara a súa tese de doutoramento, malia ter pasado o escrutinio dos programas que detectan as trampas. O segundo négase a amosar os seus traballos de máster, o que non fai outra cousa que alimentar as dúbidas sobre a súa orixinalidade. Tampouco parecen querer tirar partido destas debilidades os outros dous líderes con significativa representación parlamentaria, Albert Rivera e Pablo Iglesias. Mentres non saia a escena o esperado asunto, igual temos que pensar que andan a non menealo porque todos eles teñen medo a quedar coas vergoñas ao aire.

Os máis informados lembrarán que o ventilador púxose a funcionar co caso de Cristina Cifuentes, que tivo que dimitir como presidenta da Comunidade de Madrid por ter conseguido un título académico con atallos e negalo. Comezouse a falar doutros políticos que alardeaban de másteres e outros graos que non tiñan acabado ou que acadaran daquela maneira. Algúns líderes apresuráronse a puír os seus inchados currículos e houbo máis dimisións, aínda que ningunha tan soada ata a de Carmen Montón sendo ministra de Sanidade, tras admitir que plaxiara o seu traballo de fin de máster. Case nada!, aínda que precedentes, aos que se tiña referido Sánchez dende a oposición, habíaos por exemplo na política alemá.

Os cazadores de recompensas de todos os bandos foron logo polas pezas maiores. Moveuse noutras direccións o ventilador e saíron á luz as dúbidas sobre os traballos de Casado e as sospeitas sobre a tese de Sánchez, ata que de repente calaron todos e…

A TESE E PLAGSCAN

O caso é que isto de andar copiando de acá e de acolá non é nada novo. Universitarios e estudantes de secundaria teñen sucumbido dende tempos inmemoriais á tentación de despachar os traballos pola vía rápida. Modernamente, copiando de Internet e pegando directamente no procesador de textos, ás veces sen nin ler o que copian. Mesmo xurdiron lugares de intercambio e empresas en liña que ofrecen a cambio de diñeiro servizos que chegan á elaboración de teses de grao. Así que para as universidades e outras institucións de ensino o tema das trampas para aprobar é vello, e xa tiñan andado camiño dabondo para evitalas e descubrilas.

De feito, os programas antiplaxio teñen xa certa traxectoria nas institucións educativas. (Xa o sabes: copiar pódeche saír caro). E un dato: o presuposto da Universidade de Santiago deste ano prevía 28.943 euros para pagar 7.500 licenzas dun dos máis coñecidos, o Turnitin, que tamén emprega a Universidade de Oxford.

Pedro Sánchez someteu a súa tese ao escrutinio de varios destes programas, pero o que máis repercusión mediática tivo foi o PlagScan, que é o máis empregado nas universidades europeas. A Moncloa sostivo que a súa análise só dera un 0,96 % de coincidencias, o que debería ter rexeitado toda sombra de dúbida. Pero os distribuidores do programa explicaron que ese resultado só podía entenderse activando varios filtros e empregando fontes inadecuadas que, se non se aplicaban, daban un 21 % de coincidencias. A diferenza non é pequena, pero significa isto que o presidente plaxiara? Non necesariamente, pero ante unha porcentaxe coma esta o profesor debería fixarse noutros detalles para determinar se houbo copia ou non.

Para que non te cacen

Non copies. Viper, Turnitin, PlagScan e outros moitos programas similares basean a súa eficacia na comparación do texto cunha base de datos cada vez máis ampla. Pero non é o único que fan, así que partir dun orixinal e mover de sitio os sintagmas ou poñer a proba a túa proverbial habelencia cos sinónimos non te librarán de ser descuberto. Ademais, esa base documental vai aumentando con cada novo traballo comparado. O grupo Russell (formado por 24 universidades inglesas punteiras en investigación) falaba hai medio ano dunha estatística que medra: de 1.689 plaxios descubertos no bienio 2014-2015 a 2.284 no 2016-2017. É que a xente copia máis? Ou, como adoitan reflectir estes datos, o que acontece é que a ferramenta é cada vez máis eficaz? Neste caso, o mellor truco é: non copies.

Pero como funcionan estes programas? Os seus resultados non se poden tomar por definitivos, senón só coma orientadores. Por exemplo, a Universidade de Georgetown, de indubidable prestixio, no curso 2017-2018 investigou 164 positivos das análises, dos cales só a metade (85) resultaron ser plaxio a ollos dun comité de expertos.

CÓMO SE CITA

E é que en moitos casos o que falla é a falta de habelencia do estudante para presentar correctamente o seu traballo. Citar o escrito (libro, artigo, tese…) de outro é absolutamente lícito, pero o texto citado ten que ser literal e quedar enmarcado entre comiñas. Ademais, hai que dar a referencia exacta de onde se tirou a cita: no caso dos libros, por exemplo, non abonda co autor, o título e a editorial, senón que é preciso tamén especificar o ano de edición e a páxina. Os erros en calquera destes datos farán saltar o programa anticopia.

Pode que, tras mergullarse moito nun tema, acabe un parafraseando o que lera sen decatarse: o anticopia si que o verá. Por suposto, non se lle escaparán falsas citas ou citas inventadas para dar a impresión de que se consultaron moitas fontes, non sendo certo. Pero aínda chega máis lonxe e detecta inconsistencias sintácticas, é dicir, expresións que non cadran co estilo do traballo.

No caso da tese do presidente Pedro Sánchez, semella que a alta porcentaxe de coincidencias débese ao costume moi estendido, pero de dubidosa ética, de publicar como traballos independentes partes da tese con pequenas variacións para engrosar o currículo, algo que moitos ven como un mal necesario na competida carreira do investigador, na que os méritos dependen máis da cantidade que da calidade.

En resumo, non copies. Pero se o vas facer, polo menos non vaias a El Rincón del Vago, que iso xa existía antes ca ti.

actividades

Velaquí unha listaxe non exhaustiva de programas antiplaxio. Investiga como funciona cada un deles.

Viper

Turnitin

PlagScan

Plagium

Plag Tracker

Paper Rater

Small SEO Tools

Anti-Plagiarism

Urkund