A mocidade rebélase contra o cambio climático

En moitos lugares de todo o planeta a xente nova está a organizarse para reflexionar, protestar e propor un novo rumbo para protexer o medio ambiente de cara ao futuro

Manifestación de mozos contra o cambio climático en Berlín (Alemaña) o pasado 22 de febreiro. Protestas similares, nos chamados Venres polo Futuro, víronse noutras cidades europeas, como a encabezada pola sueca Greta Thunberg en Hamburgo á semana seguinte
Manifestación de mozos contra o cambio climático en Berlín (Alemaña) o pasado 22 de febreiro. Protestas similares, nos chamados Venres polo Futuro, víronse noutras cidades europeas, como a encabezada pola sueca Greta Thunberg en Hamburgo á semana seguinte

Este venres, 15 de marzo, a mocidade de todo o planeta plantarase de novo ante o cambio climático. Un paradoxo destes tempos é que cantos máis e máis novos se comportan con sensatez e compromiso, moitos adultos, entre eles non poucos responsables públicos e privados, fan exactamente o contrario.

En todo o planeta os primeiros reúnense, e saen á rúa, para compartir e expresar a súa preocupación polas causas e consecuencias do cambio climático. Á vez, os segundos seguen empeñados en prestar atención só aos seus intereses particulares, sen inquietude ningunha polas consecuencias, agora e no porvir, de moitas das súas accións. Son como eses nenos consentidos que se negan a aceptar calquera tipo de norma, xa sexa na familia, o colexio, a cuadrilla ou o deporte: incomódanse e protestan a berros cando se lles explica que hai comportamentos que non se poden admitir. Neste caso, porque van en contra do ben común. De algo tan de todos, e tan fundamental, como son o equilibrio da temperatura global, a calidade do aire e da auga, a conservación da biodiversidade... É dicir, o coidado do noso presente e o noso futuro. Da nosa vida.

Colle un papel. Traza nel, por exemplo, cinco liñas verticais paralelas. Imaxina que o espazo que queda entre cada dúas delas son dez anos. Entre todas suman así cinco decenios. Onde estarás neses momentos da túa vida? Como será entón o mundo? Como che gustaría que fose? Paréceche ben que cho imaxinen e constrúan só eses adultos, ou prefires facelo tamén ti, no teu caso coa axuda do teu entusiasmo xuvenil e responsable?

Si, xa sei que mentres les isto oes esas voces que din que é o que hai ou que é moi difícil cambiar as cousas. Son expresións moi antigas! Escoitáronas cantos mozos decidiron, ao longo da historia, cambiar a mellor o seu mundo e o de todos. Se fixesen caso, hoxe non teriamos tantas vantaxes das que gozamos, en comparación coas moitas xeracións que nos precederon. Unhas vantaxes, convén non esquecelo, que están sempre en risco, porque só se conservan se se defenden acotío. Tanto ante quen as dan por supostas, coma se fosen inamovibles e non se senten por iso involucrados na súa preservación, como ante quen as consideran un obstáculo para a súa cobiza.

NECESITÁMOSTE

E por iso ese futuro, ese tempo de dentro dunhas décadas, necesítate, necesítanos, agora mesmo. Desde alí, pídenos aquí que, con todas as nosas mans xuntas, tomemos o volante deste vehículo que viaxa cara a el, e corrixamos a súa actual traxectoria. Quen ata agora o conduciron leváronnos, ao principio por ignorancia, pero cada vez máis a propósito, cara á peor crise ambiental da historia da humanidade. Unha crise anunciada e certificada mil e unha veces pola ciencia, e só negada ou posta en dúbida por quen, no seu egoísmo criminal, antepoñen os seus beneficios a curto prazo, ou a súa ambición particular de poder, ao benestar común de hoxe e sobre todo do porvir.

En multitude de lugares de todo o planeta a mocidade está a organizarse para reflexionar, protestar e propor ese novo rumbo. Para que o futuro lle espere con esperanza, e non con temor. Para ser dona do seu propio tempo.

Mostrámosche aquí algunhas claves deste movemento, para que se che apetece te apuntes a apoialo, do xeito que creas máis eficaz.

 Greta Thunberg: os venres, polo futuro

Todo comezou en agosto do ano pasado en Suecia, cando unha nena de 15 anos, Greta Thunberg, decidiu acampar fronte ao Parlamento daquel país para protestar pola falta dunha resposta real ante o cambio climático. Eses días unha onda de calor afectou a unha grande parte do país nórdico, provocando numerosos incendios forestais que arrasaron 20.000 hectáreas. Durante tres semanas, Greta dedicouse a comunicar a través das redes sociais o que facía e por que. Aos poucos comezou a captar a atención dos cidadáns máis novos do seu país primeiro, e despois de todo o mundo. O 8 de setembro, tras ese primeiro paso, mantivo a súa protesta cada venres. E o mesmo comezaron a facer moitos outros coma ela, en cada vez maior número, ao longo do inverno. Unha das concentracións máis importantes tivo lugar o mes pasado en Bruxelas. En Madrid o 1 de marzo moitos mozos e mozas concentráronse ante o Congreso dos Deputados. A próxima gran convocatoria a nivel internacional é o 15 de marzo.

Para comprender os motivos que levaron a Greta a iniciar a súa protesta, o mellor é escoitalos da súa propia voz, nesta charla que se gravou en xaneiro en Estocolmo.

Ese mesmo mes foi invitada a expor as súas ideas no cume económico mundial de Davos, en Suíza. Antes fixérao no Cume Internacional sobre Cambio Climático que se celebrou en Polonia. Viaxa sempre en tren, pois decidiu non voar, por coherencia cos seus principios.

ELIXIR ANTE O CAMBIO

Greta Thunberg decidiu acampar fronte ao Parlamento sueco mentres o seu país vivía a campaña electoral previa ás eleccións que tiveron alí lugar o 9 de setembro. A súa intención era que as causas do cambio climático non quedasen á marxe dos compromisos que os diferentes partidos adquirisen cos seus votantes. Que se falase delas, e das medidas necesarias para afrontalas.

Os adultos de España están esta primavera convocados ás urnas o 28 de abril e o 26 de maio. En abril elixirán aos seus representantes no Congreso e o Senado, e, en consecuencia, quen gobernará no país. Un mes despois tocaralles votar os gobernos dos seus municipios e os Parlamentos de varias comunidades autónomas. Ese mesmo día terán lugar ademais as eleccións ao Parlamento Europeo.

Canto se falará nesas campañas electorais sobre o cambio climático e o resto do problemas ambientais, a nivel tanto estatal como local e europeo? É difícil sabelo, pero o certo é que en anteriores convocatorias, a pesar de ser este un tema crucial a medio e longo prazo para toda a sociedade, apenas se lle prestou atención. Hai incluso quen insiste en consideralo un tema sen interese. Greta respondeu así a esta actitude no Cume Internacional sobre Cambio Climático de Polonia: «No 2078 celebrarei o meu 75.º aniversario. Para entón, se teño fillas ou netos, talvez me pregunten por que a nosa xeración non fixo nada cando aínda había tempo para actuar».

En que medida os partidos políticos pensan só no curto prazo, ou en falar de temas que lles beneficien só en termos de estratexia electoral? Talvez é que necesitan que se lles recorde con moita maior frecuencia que as súas decisións de hoxe afectan a quen vivirán mañá. Por este motivo, elevar a voz cada venres contra o cambio climático e o resto das agresións á nosa contorna pode ser clave precisamente durante estes meses.

O exemplo do Porriño

Un dos centros educativos pioneiros en España nas mobilizacións internacionais de cada venres en contra do cambio climático é o CEIP Antonio Palacios, do Porriño. Xa hai case un mes este mesmo periódico informaba acerca das súas actividades neste sentido. Alí os estudantes contan co apoio da súa profesora Miriam Leirós, moi comprometida con este tema. Esta era a noticia.

E é que non son poucos os docentes que se puxeron a disposición dos seus alumnos para axudarlles en todo o necesario na organización das súas mobilizacións para o próximo 15 de marzo. A propia Miriam Leirós explica as claves de como facelo nesta ligazón

Ao mesmo tempo, numerosas personalidades académicas de todo o país expresaron o seu apoio aos estudantes nesta carta aberta.

PÁXINAS WEB E REDES SOCIAIS

  • Na páxina web http://juventudxclima.es atoparás información sobre as diferentes mobilizacións previstas para este 15 de marzo en toda España, como inscribir unha nova, etcétera.
  • Se desexas coñecer o tipo de actividades que se porán en marcha este e outros venres no resto do planeta, visita: https://www.fridaysforfuture.org/
  • Ademais, podes buscar información nas redes sociais a través das etiquetas #FridaysForFuture, #TeachersForFutureSpain, #15MClimático ou #climatestrike.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

A mocidade rebélase contra o cambio climático