Peixes e pescados

Francisco J. Franco del Amo

LA VOZ DE LA ESCUELA

Foto de archivo de un pesquero entrando en el puerto de Burela
Foto de archivo de un pesquero entrando en el puerto de Burela PEPA LOSADA

A porcentaxe de especies mariñas explotadas ata niveis insustentables non para de medrar

27 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

De todos os caladoiros históricos nos que pescou a frota pesqueira galega talvez o máis famoso sexa o do Gran Sol, situado fronte ás costas de Irlanda. O nome deste tradicional banco de pesca deriva da pronuncia do orixinal en francés, grand sole, que significa ‘gran linguado’. Curiosamente, o nome non fai referencia ao tipo de peixes que se capturan nel, senón que alude á forma do cume dunha montaña submarina situada no centro do caladoiro. A composición do fondo, con zonas de area combinadas con outras de chan rochoso, fai que sexa especialmente propicio para utilizar as artes de arrastre. Por iso o caladoiro fíxose tan popular e concorrido, especialmente polos pesqueiros do porto da Coruña, o máis próximo a aquelas augas.

As parellas de bacas de arrastre galegas comezaron a frecuentar o caladoiro do Gran Sol en 1928. Naquela época os barcos, con casco de madeira, utilizaban caldeiras de vapor alimentadas con carbón. Como o caladoiro estaba situado a dous días de navegación das costas galegas, era necesario que os buques transportasen grandes cantidades de combustible, que almacenaban incluso sobre a cuberta. En 1946 o carbón comezou a ser substituído polo gasóleo e os barcos aumentaron considerablemente o seu radio de acción. A partir de 1978 case todas as bacas do Gran Sol tiñan cascos de aceiro e en 1980 os barcos de vapor deixaron de pescar.

O escaso poder de tracción dos primeiros barcos que navegaban cara ao Gran Sol non lles permitía capturar grandes cantidades de peixe branco. Rendibilizaban as súas viaxes grazas á abundancia de rapante e peixe sapo, e tamén grazas ás ocasionais capturas de xarda, en cuxa pesca ocupaban os últimos días de viaxe porque este peixe consérvase moi mal en xeo. Cando as condicións físicas dos barcos melloraron, a actividade pesqueira no Gran Sol centrouse sobre todo na captura de pixota, pescada e ollomol. A partir de 1977, ano en que a antiga CEE impuxo a España a redución do seu esforzo pesqueiro, o número de barcos galegos que pescaban no Gran Sol comezou a descender. No porto da Coruña, a frota de arrastreiros que traballaban en caladoiros comunitarios pasou de 111 a principios dos anos oitenta do pasado século a tan só 28 a finais de 1992.

Batallas pesqueiras

As zonas do mar ricas en recursos, aquelas nas que resulta máis rendible pescar, coñécense como bancos pesqueiros ou caladoiros. A maior parte están situados sobre a plataforma continental, unha zona próxima á costa moi rica en nutrientes. As sustancias nutritivas proceden dos volcáns submarinos e emerxen desde as profundidades debido a un fenómeno natural coñecido como afloramento. Os bancos pesqueiros máis importantes do mundo, como o do Perú, o do suroeste e o do noroeste de África ou os das rías galegas, coinciden con zonas nas que se produce este fenómeno oceanográfico.

A economía de moitas nacións dependeu historicamente da explotación dos mellores caladoiros. Por iso a pugna por controlar os máis importantes ten provocado graves enfrontamentos ao longo dos tempos.

Foi famosa a chamada guerra do bacallau, un conflito diplomático entre Islandia e o Reino Unido que tivo lugar nos anos setenta do pasado século e que estalou cando o primeiro destes países decidiu ampliar a súa soberanía marítima unilateralmente ante o temor de que as potencias estranxeiras esgotasen os seus caladoiros.

A mediados de xullo de 1994 tivo lugar outro soado enfrontamento pesqueiro. Varios países da Unión Europea encerelláronse entre si a propósito do uso de redes de deriva para a pesca do bonito. E en marzo de 1995 o apresamento do buque arrastreiro español Estai por parte dunha patrulleira canadense marcou o inicio da chamada guerra do fletán, un conflito que afectou os dereitos de pesca nos Grandes Bancos de Terra Nova.

PEIXES A ESGALLA

Os grandes bancos da costa americana comparten fama co Gran Sol. Neles, ademais do afloramento de augas abisais prodúcese outra circunstancia excepcional: ao xuntárense as correntes fría do Labrador e tibia do Golfo permiten o crecemento masivo de plancto, que é a base da cadea alimenticia oceánica. Por iso estes caladoiros coñécense e explótanse desde antigo.

Cando Giovanni Caboto, alias John Cabot, navegante veneciano, regresou da súa viaxe ao Novo Mundo, patrocinado polo rei inglés Henrique VII, contaba que nos Grandes Bancos da costa de Terra Nova os peixes eran tan abundantes que podían ser recollidos directamente coas mans.

 

Sinais de alarma

Segundo o informe da FAO «O estado mundial da pesca e a acuicultura 2018» (https://bit.ly/2NWcKK1), a porcentaxe de poboacións de peixes que se atopan dentro de niveis de captura bioloxicamente sostibles pasou do 90 % en 1974 ao 66,9 % no 2015. Con todo, a porcentaxe de poboacións explotadas a niveis bioloxicamente insostibles incrementouse do 10 % en 1974 ao 33,1 % no 2015. Datos estremecedores moi a ter en conta se queremos seguir comendo peixe e vivindo da pesca.