Tempo de carnaval

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

O domingo fareleiro adiantou o entroido en Xinzo
O domingo fareleiro adiantou o entroido en Xinzo Santi M. Amil

O entroido é a festa máis popular de Galicia

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 23 de xaneiro La Voz de Galicia informaba de que o entroido de Xinzo de Limia conseguira ser declarado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo festa de interese turístico internacional, distinción que só conseguiron en España os carnavais de Tenerife e de Cádiz. O entroido é a festa con raíces máis populares en Galicia, aquela en que máis participa a xente e a que maior caudal de tradicións implica. É esta unha parcela na que o campo gaña á cidade. A vistosidade, orixinalidade e creatividade do medio rural gana con moito ás celebracións máis esvaídas e constrinxidas das cidades. Os modelos rurais de celebración son variados. Todos parten dalgúns elementos básicos comúns, pero cada un posúe tradicións, repertorios de actuacións, traxes, máscaras e disfraces que o identifican e singularizan.

Aínda que agora nos custe crelo, o entroido foi unha festa proscrita nos duros tempos da ditadura. Era considerado irreverente e pecaminoso e a súa celebración estaba relegada a descafeinados bailes de disfraces nos casinos e sociedades culturais da época. Nada de xolda popular nas rúas nin críticas punzantes aos poderes fácticos. Os gobernadores civís encargábanse de velar por que a súa parcela permanecese libre de tan execrables excesos. Deste xeito a represión conseguiu desterrar a súa celebración de case toda España, salvo en contados casos que proviñan de arraigadas tradicións. Galicia foi un destes casos nos que as brasas populares se conservaron ocultas baixo as cinzas da moraliña da época e por iso, cando chegaron tempos mellores, as celebracións do entroido rexurdiron con novos bríos e esplendor.

INTERESE TURÍSTICO

Ao longo e ancho de Galicia, cada vila ou cada aldea ten o seu entroido, pero hai, polo menos, nove que destacan porque foron sinalados pola Administración autonómica como festas de interese turístico: o entroido de Maceda, o folión tradicional de Manzaneda, o entroido de Vilariño de Conso, o de Viana do Bolo, o dos Xenerais do Ulla, o de Cobres, o de Laza, o de Verín (ten o carácter de festa de interese turístico nacional) e o de Xinzo de Limia. Este ano tocoulle a este último a honra de ser elevado ao triunvirato dos mellores entroidos españois ao ser declarado festa de interese turístico internacional, xunto cos carnavais de Tenerife e de Cádiz.