Os medos ante unha separación

Posibles reaccións por tramos de idade e claves para axudar os fillos

Os nenos poden responder á separación dos pais illándose dos demais
Os nenos poden responder á separación dos pais illándose dos demais

Por moi ben que se fagan as cousas no proceso de separación, en ocasións os fillos mostran reaccións negativas que preocupan en gran medida aos seus pais. Por exemplo, estados de ánimo de apatía, tristeza, angustia ou medo; ou ben reaccións agresivas, violentas, de mal humor ou ira no ámbito familiar ou escolar. Con certa frecuencia responden illándose dos demais, con problemas de atención na aula, diminución do rendemento escolar ou incluso con manifestacións psicosomáticas (dores de barriga, de cabeza, tics…). Estes síntomas adoitan ser pasaxeiros e forman parte das fases de dó normais ante o shock que se produce ao asimilar a separación ou divorcio dos pais. En todo caso, o que é importante é atender afectiva e emocionalmente as inseguridades e medos que subxacen a esas reaccións. No seguinte cadro recóllense algunhas claves para axudar a superar o proceso por tramos de idade.

 

Recordemos: a separación por si mesma non ten por que supor un trauma para os fillos. Pero a actitude dos dous proxenitores (hostil e rancorosa ou, pola contra, cordial e colaboradora) vai ser determinante para que superen o proceso de xeito positivo.

 

COMO O VIVEN OS MENORES DE 3 ANOS?

Os nenos tan pequenos non son capaces de comprender o que ocorre ao seu redor. Pero si perciben a tensión, a angustia ou a tristeza do proxenitor co que viven.

 

Se o seu coidador principal está demasiado tenso, non lles ofrecerá a atención e o estímulo necesarios para o seu desenvolvemento cognitivo e emocional.

 

Tamén poden sentir a perda dunha das súas figuras de referencia: botan de menos a súa voz, as súas caricias, os seus xogos...

 

Como axudarlles?

 

Os bebés necesitan a presenza activa de ambos os proxenitores para un desenvolvemento harmónico: pai e nai deben dedicarlles tempo e atención para que o apego a ambos se estableza de forma positiva.

 

Cumprir o horario de rutinas regulares ofrécelles estabilidade e sensación de seguridade.

 

 

COMO O VIVEN DE 3 A 5 ANOS?

Os nenos desta idade reaccionan con frecuencia con respostas psicosomáticas. É dicir, o seu corpo expresa un malestar profundo que non saben converter en palabras. Dores de barriga ou de cabeza, vómitos, pesadelos... poden ser algunhas das súas expresións.

 

Como axudarlles?

 

Hai que explicarlles a situación dun xeito sinxelo, concreto e claro.

 

Deben saber que os seus pais continuarán ocupándose deles e os seguirán querendo.

 

Tamén, reiterarlles que eles non son responsables nin teñen nada que ver coa ruptura.

 

E mostrarlles o lugar onde vivirá o outro proxenitor (o seu propio cuarto, se é o caso) e informalos de cando van estar con el.

 

 

COMO O VIVEN DE 5 A 7 ANOS?

A esta idade os nenos, máis conscientes do motivo da separación, poden sufrir conflitos de lealdades. Isto fainos reaccionar á defensiva, e negarse mesmo a manter a relación cun deles.

 

Poden ter fantasías de reconciliación.

 

Como axudarlles?

 

Hai que tomar un tempo para responder as súas preguntas acerca do por que e o como da separación.

 

Tamén multiplicar as mostras de afecto e atención.

 

E recordarlles que os seus pais quérenos igual que antes.

 

 

COMO O VIVEN DE 8 A 12 ANOS?

Nesta idade teñen un sentido máis estrito do ben e do mal, polo que é fácil que tomen partido por un ou outro, mostrando o seu enfado con quen crean culpable da separación.

 

Algunhas posibles reaccións: empeoramento do comportamento, baixón no rendemento escolar, baixa autoestima, sentimentos de perda...

 

Como axudarlles?

 

É necesario permitirlles ter frecuentes contactos co adulto con quen non convivan habitualmente.

 

Tamén axudarlles a manter hábitos de vida regular.

 

E animalos a expresar os seus sentimentos (medos, dúbidas...).

 

Hai que evitar culpar á ex-parella ou vitimarse.

 

 

COMO O VIVEN DE 13 A 18 ANOS?

Ao sentimento de perda da infancia, propio da adolescencia, úneselle a inseguridade que provoca vivir a separación dos pais.

 

Algunhas reaccións emocionais típicas: rebeldía, dificultade de concentración, desexo de estar máis tempo ou de ir vivir co proxenitor co que non conviven, chantaxes emocionais...

 

Como axudarlles?

 

Xa son adolescentes, así que se pode falar abertamente da ruptura con eles.

 

Débese ter en conta a súa opinión nos temas que lles concirnan (visitas, vivenda habitual...).

 

Hai que escoitalos e saber estar dispoñibles para ofrecerlles apoio cando o necesiten.

 

Hai que evitar falar mal da ex-parella.

 

 

COMO O VIVEN DE 18 ANOS EN DIANTE?

É típico pensar que os fillos maiores de idade non sofren a separación dos seus pais. Pero esta suposición é equivocada, xa que as emocións de inseguridade, confusión ou anoxo ante a separación dos pais tamén se experimentan nestas idades.

 

Como axudarlles?

 

Hai que evitar abusar do soporte emocional que poden ofrecer os fillos maiores de idade (converténdoos en pano de bágoas).

 

Non se debe permitir que haxa unha inversión dos papeis, polo que os fillos se converten nos responsables de coidar a un pai incapaz de cumprir as súas funcións ou de actuar con madurez.

 

 

 

Escuela de padres 

-TEMA DO MES: Separacións e divorcios.

 

-ETAPA: Todas as idades.

 

-A FRASE: «O fracaso da parella conxugal non ten por que obstaculizar o triunfo da parella parental» (Poussin e Lamy, autores do libro «Custodia compartida»).

 

-ALGUNHAS CLAVES: Os nenos deben manter os lazos con ambos os proxenitores e coas familias materna e paterna.

 

-COMPORTAMENTOS QUE SE DEBEN EVITAR: Situar os fillos nunha situación de conflito de lealdades entre papá e mamá.

 

-PARA SABER MÁIS: «Cuando la familia cambia. Guía para ayudar a nuestros hijos a una adaptación positiva ante un proceso de separación o divorcio». Área de Familia e Infancia, Ayuntamiento de Burgos, 2013: https://bit.ly/2SRG3ic

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

Os medos ante unha separación