Semáforos urbanos de contaminación

Fran Armesto

LA VOZ DE LA ESCUELA

A actividade vital dos liques disgrega crea unha superficie máis aceptable para a chegada doutros organismos
A actividade vital dos liques disgrega crea unha superficie máis aceptable para a chegada doutros organismos Carlos Ocampo

Os liques, que acumulan substancias tóxicas, son indicadores da calidade do aire nas cidades

13 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A botánica sempre estivo ao beneficio das cidades. Árbores, plantas e flores, por exemplo, serviron para decorar e humanizar a contorna urbana. Nestes momentos, cando a contaminación do aire é un dos temas ambientais que máis preocupan, os liques ponse ao noso servizo. Un grupo de especies, por certo, bastante descoñecido pero repleto de sorpresas.

A abundancia dalgunhas especies de liques pode ser indicativa do grao de contaminación da contorna, pois acumulan pasivamente as substancias tóxicas, o que lles pode producir a morte. Dise por iso que son bioindicadores da calidade do aire. Aínda que existen en case todos os ecosistemas, faltan no centro das cidades, onde os gases que conteñen óxidos de nitróxeno e de xofre son os causantes da súa morte. A actividade vital dos liques ás veces redúcese a unhas horas diarias, e permanecen paralizados o resto do tempo. Débese a que pasan moito tempo secos, e sen auga non é posible facer a fotosíntese. Neste estado algúns poden resistir varios meses e soportar temperaturas de entre -196 graos Celsius e 100. Por iso é polo que o seu crecemento tamén é moi lento. Algúns acadan ata 4.000 anos de vida, polo que foron útiles para estimar a idade das rocas onde viven.

 

TRES REINOS

Os liques nacen da asociación entre fungos e algas, ou entre fungos e cianobacterias. Mostran unhas características, comportamento e reprodución completamente diferentes aos dos seres dos que proceden. Son, seguramente, o exemplo máis perfecto do que significa unha simbiose biolóxica, cando varios organismos diferentes se fusionan de xeito que ningún sae prexudicado. A relación é tan íntima que non se descubriu ata 1867. Antigamente considerábanse plantas, aínda que agora se inclúen no reino dos fungos. Cando o tema parecía resolto, no 2016 descubriuse que en moitos liques hai un terceiro tipo de organismo que tamén vive en simbiose, un fermento.

 

PIONEIROS

Son os primeiros organismos capaces de colonizar en calquera superficie terrestre e asentarse nela, desde as rocas recentemente saídas das erupcións volcánicas ata as cortizas das árbores ou as superficies de construcións humanas. A consecuencia da súa actividade vital (nutrición, respiración, etcétera), as substancias que liberan comezan a disgregar as rocas sobre as que asentan, o que contribúe a crear unha superficie máis aceptable para a chegada doutros organismos como carrizas e fieitos, aos que adoitan seguir pequenos invertebrados. Ademais son capaces de fixar o nitróxeno atmosférico, o que serve de abono a outros vexetais que non teñen esta capacidade. Os liques levan na Terra desde hai 280 millóns de anos.

 

DIVERSOS

Poden ter forma de folla, de escamas ou de minúsculos arbustos. Algúns parecen codias sobre as rocas, outros masas de po e tamén os hai xelatinosos. Tamén as súas cores mostran esa diversidade, pois hainos vermellos, verdes, negros, amarelos, brancos, azulados, etcétera. Na actualidade, o inventario de liques de Galicia aproxímase ás 600 especies, aínda que no mundo describíronse unhas 13.500. Os liques que forman codias poden crecer de 0,1 a 10 milímetros de radio ao ano. Só o fan pola marxe, mentres que o centro adoita morrer e disgregarse. Os de forma arbustiva, de 2 a 4 milímetros ao ano. Mentres que os foliáceos chegan aos 20 ou 30.

 

CURIOSOS

Os liques recollen a humidade de forma pasiva, como o papel secante, e poden absorber ata 35 veces o seu propio peso en auga. Hai poucos anos realizáronse probas de resistencia dos liques ás condicións extraterrestres. Durante dous anos sobreviviron na estación espacial internacional sometidos a radiación, falta de aire ou cambios bruscos de temperatura para estudar a súa capacidade de supervivencia nunha futura base lunar ou marciana (os exemplares que se estudaron eran españois). Os liques tamén serviron para a obtención de alimento, tinguiduras, perfumes e medicamentos. Posúen unhas substancias, os ácidos liquénicos, cuxas propiedades antibióticas e antitumorais están a investigarse.

 

COSMOPOLITAS

Os liques poden vivir onde ningún dos seres que os forman poderían facelo por separado. A diferenza de fungos e algas, son resistentes á case total desecación (chegan a soportala durante varios meses), motivo polo que poden sobrevivir en desertos de area ou de xeo, e soportan iluminacións extremas. Podémolos atopar tamén en altos cumes de montaña, en selvas tropicais, no ambiente urbano ou sobre as rocas da costa, onde a luz, a temperatura e o sal forman unhas condicións difíciles de soportar. Algunhas especies sobreviven mesmo sobre a cuncha dalgúns caracois, sobre o cacho de tartarugas terrestres ou sobre o pelo dalgúns animais como os preguiceiros.

 

actividades

Ciencia cidadá

Participa na identificación das especies biolóxicas que viven no teu lugar de residencia a través da plataforma NatuSfera, na dirección: https://natusfera.gbif.es/

 

Proxecto LiquenCity

Determinando os liques (http://liquencity.org/) que hai nunha cidade ou en cada un dos seus barrios, pódese pescudar o grao de contaminación ao que estamos expostos. Utiliza esta dirección para aprender a recoñecer as especies que son máis interesantes para esta actividade: http://liquencity.org/que-especies-buscamos/