Como favorecer a comunicación de sentimentos e emocións na aula

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

O condutor da discusión dirixida facilita que cada un poida manifestar libremente o seu sentimento
O condutor da discusión dirixida facilita que cada un poida manifestar libremente o seu sentimento

Na primeira páxina recollemos a importancia que ten a comunicación de sentimentos do alumno na aula para o seu desenvolvemento socio-emocional. Propomos unha técnica xa coñecida nos cursos sobre Prensa-Escuela para profesores e que agora aplicamos para que faciliten nas súas clases o traballo con diversas noticias que poden axudar os alumnos non só na súa aprendizaxe académica, senón tamén na emocional e social. Bo traballo.

06 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

 

1 Aceptación do  sentimento

 

O condutor da discusión dirixida (DD) acepta que cada un do grupo teña o seu sentimento ante un feito, unha noticia, un tema que se discute: é a primeira condición que se lle esixe.

  • Acepta o sentimento como tal e non trata de pórlle boa nin mala cara, aínda que sexa diferente ou incluso contrario ao sentimento que o condutor de grupo poida ter sobre ese tema ou noticia.

 

 

  • Acepta e facilita que cada un poida manifestar libremente o seu sentimento ante os demais e non ocultalo.

 

 

  • O condutor sabe que o sentimento nace nas persoas como froito das súas propias experiencias e modos de ver as cousas e que aceptalo sen crítica é xa un bo paso para axudar a que cada cal se comunique de verdade no grupo.

 

 

  • Aceptar non é estar de acordo ou en desacordo co sentimento que as persoas teñen. Aceptar leva consigo diversas actitudes por parte do condutor de grupo:

 

 

-admitir que esa persoa ten realmente ese sentimento;

-darlle importancia ao feito de que ten ese sentimento (por algo será);

-facilitar que o comunique;

-axudar a que o analice, a que busque as súas causas;

-axudar a que tome decisións sobre ese sentimento, facilitando tamén que escoite os demais sentimentos que hai no grupo sobre ese mesmo tema.

 

 

2 Reflexo do sentimento

  •  Co xesto, demostrando unha clara atención e servindo de espello persoal, coa mirada, a presenza corporal e próxima ante o que se manifesta.
  •  Repetindo as últimas palabras do que vai dicindo, non como un eco frío ou unha máquina repetidora, senón como un eco real, persoal de que estamos a seguir de verdade o que nos comunica. E, proba diso, é que quedamos de verdade coas súas palabras.
  •  Anotando a palabra-clave, por exemplo, no encerado. Esta actitude de reflexo gráfico, aínda que sexa esquemático, revela o verdadeiro sentido do condutor: por el pasan as cousas, obxectívanse alí e quedan para consideración de todos.
  •  Presentando o sentimento á aceptación dos demais: tal é a relevancia e eco social que lle damos a todo o que alguén do grupo revela.
  •  Rebotando, devolvendo o sentimento a quen o manifestou para que o explique mellor, se quere, facilitándolle un maior tempo e espazo de aclaración, se lle vai ben.

 -Con todo iso demostrará claramente ante o grupo que, só cando se atende e se acepta o sentimento do outro como algo real, e sen tratar de xulgalo nin de corrixilo, a persoa se anima de verdade a comunicarse.

 -E, en cambio, as persoas retráense ante o grupo cando ven que non poden dicir o que senten porque temen verse criticadas ou simplemente non aceptadas.

 

 

3 Erros no reflexo do  sentimento e as emocións

 

Con frecuencia cométense erros no reflexo do sentimento con actividades que non son propias desta variable da DD, tales como xulgar, dirixir, interpretar, tranquilizar, interrogar, os a propósito, cortes e desvíos que poden darse por parte de quen dirixe o grupo. Esas accións directivas poden ser importantes noutras formas da comunicación humana, pero non son reflexo do sentimento.

Xuízos. Na DD considérase un erro que o condutor opine sobre o sentimento dos demais, nin dunha forma positiva nin dunha forma negativa. Poderá gustarche ou non o sentimento que manifesta cada un do grupo, pero está aí e é unha consecuencia da súa forma de ver as cousas. Podes axudarlle a velas doutro xeito, pero non cambiarlle o sentimento, dicíndolle sen máis que está ben ou mal.

Dirixir. Este erro dáse cando na DD o condutor empéñase en dicir o que teñen que facer para cambiar ese sentimento. Non é fácil cambiar os sentimentos desde fóra. É necesario que as persoas sexan capaces de ver as cousas doutra forma, ter novas experiencias.

-Para iso resulta útil que os que manifestan o seu sentimento aprendan a escoitar tamén aos demais do grupo. Sentirse escoitado e aceptado pode axudar a ver as cousas doutra forma, pero o sentimento non se cambia por empeñarse en dirixilo con normas e case por decreto.

  • Interpretar. Outro erro é que o condutor de grupo manifeste a súa opinión sobre o porqué do sentimento dos demais. Non se trata dunha sesión de terapia interpretativa, buscando ou intentando adiviñar por parte do condutor as causas e razóns que xeraron ese sentimento.

-Trátase soamente dun grupo de discusión sobre unha noticia, un feito, un tema. E a xente, ao oír aos demais, e sentirse tamén escoitada, comezará a pensar e interpretar, talvez, de qué vén ese sentimento que ten outro.

  • Tranquilizar. Adoitan cometerse erros de dous tipos: un, restando importancia ao sentimento persoal que comunica cada un do grupo; dous, implicándose afectivamente e facendo seu o que o outro sente, algo así como compadecéndose diso cun «Tamén a min me pasou algo parecido» ou frases dese estilo.
  •  Interrogar. Na DD considérase un erro inquirir aos que falan para saber máis sobre ese sentimento. Cada un revela o sentimento que quere revelar, pero resulta agresivo indagar, investigar, someter a interrogatorio algo tan íntimo e persoal.

 -Unha cousa é axudar a explicarse mellor e outra moi distinta é facer preguntas que van máis aló do que cada un quere revelar e producen sospeita e retraemento: «Por que me preguntará iso?».

  •  A propósito. Co gallo de que alguén conta o seu sentimento, o condutor comete ás veces o erro de contarlle tamén cousas parecidas, incluso máis graciosas ou interesantes, e talvez co afán de buscar simpatía cos seus sentimentos: «A propósito diso que ti contas, recordo eu…» e conta as súas batalliñas, incluso converténdose en protagonista ante o grupo.
  • Cortes e desvíos. Con algunha frecuencia dáse que o condutor non aguanta ben escoitar os sentimentos ou que cada un do grupo manifeste un pouco máis a fondo o seu estado emocional ante un tema ou noticia. E, en consecuencia, corta a comunicación dos que manifestan os seus sentimentos no grupo.