Prensa-Escuela anova a súa páxina web

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Comproba as melloras introducidas na Noticia do día, as preguntas aos científicos e aos xornalistas, os e-studos de noticias e demais recursos para traballar coa actualidade na aula

30 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Prensa-Escuela, o programa de La Voz de Galicia pensado como unha ferramenta para todos os colexios e institutos galegos e de fóra de Galicia, estrea web: www.prensaescuela.es. Ou para ser máis exactos, a súa web foi remocicada por completo e é ela a que vén de estrear un deseño moito máis áxil, moderno e amigable có anterior, que tiña cumprido con fartura a súa misión nos cursos pasados. E como a anterior, a nova é bilingüe: está en castelán e en galego. En suma, esta web é unha chiscadela aos profesores e alumnos, a quen lles pide un clic diario a cambio da seguridade de que atoparán algo do seu interese.

A NOTICIA DO DÍA

Coa Noticia do día como percha -dise así na xerga xornalística-, a web de Prensa-Escuela funciona como un auténtico portal educativo. O lector atopará aí os primeiros parágrafos dunha das noticias do xornal, a que a xuízo dos redactores de Prensa-Escuela reúne estas dúas condicións: é importante en si mesma e é fácil para traballar na aula. Tres botóns permiten coñecer o Quen, o Que e o Onde da noticia, e ofrecen unha vintena de ligazóns a outras páxinas web que permiten ampliar coñecementos sobre o tema que se trate. Ademais, presenta unha proposta de actividades, tamén con ligazóns, para desenvolver cos alumnos.

NUN DÍA COMO HOXE

Xunto coa Noticia do día actualízanse diariamente máis seccións. Unha delas, xa clásica, é Foron noticia, que na anterior web figuraba como Tal día como hoxe. En resumo, recorda un feito que sucedera na mesma data, pero loxicamente anos atrás. E aí hai de todo: deportes, pedagoxía, nacementos, falecementos, desastres naturais, guerras, paces, feitos curiosos, feitos aínda máis que curiosos… E, por suposto, coas correspondentes ligazóns para que o lector amplíe a información se o dexesa.

E OS DOMINGOS, O TEST

Na web de Prensa-Escuela non hai descanso durante o curso. De luns a domingo sempre hai algo novo, grande ou pequeno. Os domingos tamén, porque arredor das 8 da noite actualízase o test. Baixo o clixé Sábelo? proponse un test sinxelo que adoita constar de cinco preguntas coas que o lector pon a proba os seus coñecementos sobre o que sucedeu no mundo nas últimas sete xornadas. E ademais, se quere ampliar o seu coñecemento sobre iso que se lle pregunta, ofrécenselle ligazóns para facelo.

E-STUDOS, A DEMANDA CRECE

Os e-studos son unha das seccións de éxito da web de Prensa-Escuela. Polo menos se facemos caso ao número de clics e de descargas. Nesta nova web adquiren máis presenza que na anterior. Defínense como unidades didácticas moi variadas e agrupadas en sete epígrafes, pensadas para profesores e que acometen asuntos de actualidade que, precisamente por iso, non se atopan nos libros de texto. En ningún caso se trata de competir con estes, senón de complementalos.

HAI QUE PREGUNTAR!

Dicímolo sempre: está prohibido quedar calado, hai que preguntar, hai que interesarse por como funciona un batedor ou por cal foi o primeiro xornal da historia. Botemos unha man aos profesores, que son os auténticos protagonistas da educación! Por iso seguimos con dúas seccións xa clásicas: Pregunta a un xornalista e Pregunta a un científico.

Nestes dous casos trátase de cuestións que alumnos de toda Galicia -aínda que cunha presenza cada vez maior dos de países latinoamericanos- fan ben a xornalistas de La Voz de Galicia, ben aos científicos que traballan nos Museos Científicos Coruñeses. Cun clic nelas aparece ante os ollos un formulario: nome, idade, centro e, está claro, a pregunta. Todas son contestadas, aínda que ás veces non queda outro remedio que esperar dúas ou tres semanas porque hai picos de demanda.

E que entra aquí? O mundo. Ou sexa, todo. Calquera aspecto. Imos dicilo alto e claro: o que non dubida de nada é un ignorante. Ninguén naceu apreso, de maneira que preguntar e investigar é non san, senón sanísimo. Pregunta o que queiras. Ata nos preguntaron como se resolven problemas que os profesores puxeran como deberes para a casa! Este caso é o único no que contestamos, si, pero un pouquiño tarde, porque o esforzo téñeno que facer os alumnos.

E MÁIS, CLARO

A todo iso hai que sumar informacións xenéricas relacionadas co programa Prensa-Escuela que este xornal ofrece aos centros desde hai máis dunha trintena de anos, como poden ser os concursos (está convocado a décimo sexta edición do Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil, como poderás ver na web, bases para participar incluídas), charlas de xornalistas, Semana da Prensa na Escola, etcétera.