Participa no décimo sexto concurso escolar Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil

Presenta o teu traballo antes do 30 de abril, e non esquezas descargar a maqueta da web de Prensa-Escuela

Os máis pequenos deberán ilustrar unha noticia
Os máis pequenos deberán ilustrar unha noticia

O programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia, S.A., desenvolto en colaboración coa Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, convoca a décimo sexta edición do Premio Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil, do curso 2018-2019. O concurso, aberto a toda a comunidade escolar galega, busca que os alumnos, desde educación infantil ata bacharelato e formación profesional, se familiaricen coa lectura e o manexo do xornal e desenvolvan a súa capacidade de exposición e redacción baseándose en informacións publicadas na edición impresa ou dixital de La Voz de Galicia (Mellor Xornalista Infantil) ou mediante traballos orixinais de elaboración propia (Mellor Xornalista Xuvenil).

 

EDUCACIÓN INFANTIL E 1.º E 2.º DE PRIMARIA

Na categoría infantil nivel A poderán participar, individualmente, os alumnos de educación infantil, e primeiro e segundo de primaria de calquera centro escolar de Galicia, que deberán realizar un debuxo que ilustre unha noticia publicada no xornal e copiar ou pegar o titular da noticia. O debuxo realizarase á man sobre a maqueta oficial que se pode descargar da páxina web de Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es).

Neste primeiro nivel, a colaboración dos profesores é imprescindible para que os máis cativos fagan a tarefa. En primeiro lugar, amosándolles imaxes do xornal, axudándolles a elixir a noticia e, se convén, a ler e entender a información que seleccionen. Despois, facilitándolles a maqueta na que deben debuxar e invitándolles a que se expresen cos materiais que teñan á man: bolígrafos, lapis, ceras, rotuladores… E, á fin da tarefa, supervisando os traballos e os datos que se solicitan

 

PRIMARIA (DE 3.º A 6.º) E EDUCACIÓN ESPECIAL

Na categoría infantil nivel B poderán participar, individualmente, os alumnos de terceiro, cuarto, quinto e sexto de primaria e os de educación especial, que deberán seleccionar unha noticia do xornal e escribila libremente, coas súas palabras (sen copiala textualmente), e ilustrala cun debuxo. A redacción da noticia realizarase ben á man, tras imprimir a maqueta oficial do concurso dispoñible na páxina web de Prensa-Escuela, ou ben directamente no computador. O debuxo que ilustrará a información realizarase á man sobre a maqueta.

Consulta as bases do concurso na web de Prensa-Escuela Os distintos niveis da categoría infantil permiten esixir máis aos de máis idade e madurez persoal. Por iso, o xurado do concurso valorará que a noticia escollida polos alumnos estea redactada coas súas propias palabras, coma se lla estivesen contando a un amigo, e non sexa copiada textualmente do xornal. Valorarase a claridade na redacción e a ortografía. Terase tamén moi en conta a orixinalidade e calidade do debuxo. Por iso non é boa idea copiar outros debuxos ou fotos, é mellor que lle dean renda solta á imaxinación.

 

SECUNDARIA

No primeiro nivel da categoría xuvenil poderán participar alumnos de educación secundaria obrigatoria (ESO), que deberán participar na modalidade Entrevista, de forma individual, cun traballo orixinal que consistirá en redactar unha entrevista a unha persoa que o alumno considere de interese. Constará, como mínimo, de oito preguntas e irá acompañada dunha fotografía e do perfil do entrevistado. Os contidos elaboraranse no computador, directamente sobre as maquetas oficiais colgadas na web de Prensa-Escuela, aténdose rigorosamente ás instrucións que figuran nelas. Para o desenvolvemento do traballo atoparán material de apoio na páxina web de Prensa-Escuela.

A continuación facilitámosche unhas estratexias para que fagas unha boa entrevista

1. Infórmate ben sobre a persoa que vas entrevistar. Que sexa un adulto. Pode ser coñecido ou non, o importante é que teña algo que dicir e que o conte ben.

2. Pensa nun tema e prepara por escrito preguntas curtas e orixinais.

3. Durante a entrevista anota todo o que che diga o entrevistado, aínda que tamén a graves.

4. Edita o traballo inmediatamente, en quente. Selecciona as respostas máis interesantes e significativas.

5. Pon especial coidado no comezo e no remate. E, en xeral, ten en conta que o xurado se vai fixar nestas tres cousas: o interese que a entrevista poida ter para alumnos da túa idade, a calidade da escritura e a presentación.

 

BACHARALETO E FP

No segundo nivel xuvenil, para alumnos de bacharelato e de formación profesional de calquera centro escolar de Galicia, os concursantes participarán na modalidade Opinión. Deberán redactar un artigo de opinión orixinal, de forma individual, sobre un tema de libre elección. Os contidos elaboraranse no computador, directamente sobre as maquetas oficiais colgadas na web de Prensa-Escuela, aténdose rigorosamente ás instrucións que figuran nelas. Para o desenvolvemento do traballo atoparán material de apoio na páxina web de Prensa-Escuela.

O artigo, segundo o define o Libro de estilo de La Voz de Galicia, é un xénero no que o autor expresa as súas apreciacións persoais acerca de todo tipo de asuntos, preferentemente de actualidade, ou relata con trazos literarios impresións e historias.

1. Elixe con coidado o tema, que é libre, pero é importante que te sintas seguro e cómodo con el.

2. Documéntate e infórmate ben para que non se pase por alto ningunha idea ou dato fundamental.

3. Anota todas as ideas que che vaian xurdindo. Aínda non debes preocuparte pola orde nin polo vínculo entre elas.

4. Selecciona a idea central do teu artigo. A partir de aí xa podes trazar a estrutura xeral do texto.

5. Asegúrate de que ordenas a información cunha introdución, un desenvolvemento e unha conclusión.

6. Recorre a estatísticas, datos e anécdotas para darlle máis consistencia.

7. Busca un bo título, atractivo e breve.

8. Unha vez acabado, déixao repousar un día ou dous. Entón, vólveo ler e corrixe se é necesario.

 

CRITERIOS DE VALORACIÓN

Avaliarase o interese dos traballos, o estilo xornalístico, a corrección gramatical e a presentación da páxina.

En ambas as categorías, a infantil e a xuvenil, os profesores deberán coordinar e revisar o traballo dos alumnos, ademais de orientalos na súa elaboración. Os docentes responsabilizaranse da autoría real e orixinalidade dos traballos que se presenten a concurso e, así mesmo, velarán por que o seu contido non sexa ilícito, ofensivo ou discriminatorio, nin lesione bens ou dereitos, incluídos dereitos de imaxe, de terceiros.

DE INTERESE PARA TODAS AS MODALIDADES 

IDIOMA. Os traballos poderán presentarse en castelán ou galego.

 

PRAZO E ENVÍO DE TRABALLOS. Os traballos deberanse remitir, antes do 30 de abril do 2019, ao seguinte enderezo:

 

Premio Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil

Programa Prensa-Escuela. La Voz de Galicia

Avenida da Prensa, 84-85. Polígono Industrial de Sabón (15143 Arteixo. A Coruña)

Tamén poderán entregarse en calquera das delegacións de La Voz de Galicia.

Na maqueta cumprimentaranse os datos do autor, os do profesor responsable da supervisión e os do centro de ensino. Os menores de 14 anos deberán así mesmo remitir a autorización que se inclúe nas bases xunto co traballo (se é posible, grampada) por correo postal, debidamente asinada polos seus pais ou titores legais, á dirección indicada anteriormente.

PREMIOS

Ao alumno

Categoría Infantil A

 

1.º premio: unha fin de semana no Parque Warner (Madrid) para catro persoas (inclúe voos A Coruña-Madrid-A Coruña, estancia de dúas noites de hotel en réxime de aloxamento e almorzo e entradas ao parque).

2.º premio: unha cámara de fotos dixital.

3.º premio: un reprodutor MP4.

Categoría Infantil B

 

1.º premio: unha fin de semana en Port Aventura (Tarragona) para catro persoas (inclúe voos Santiago-Barcelona-Santiago, dúas noites de hotel con almorzo e entradas ao parque Port Aventura).

2.º premio: unha cámara de fotos dixital.

3.º premio: un reprodutor MP4.

n Categoría Xuvenil A

 

1.º premio: unha fin de semana en Londres para catro persoas (inclúe voos A Coruña- Londres-A Coruña, traslados aeroporto-hotel-aeroporto e dúas noites de hotel con almorzo en cuarto cuádruplo).

2.º premio: un libro electrónico.

3.º premio: un altofalante sen fíos.

Categoría Xuvenil B

 

1.º premio: unha fin de semana en Londres para catro persoas (como na categoría A).

2.º premio: unha pulseira de actividade.

3.º premio: unha cámara deportiva.

A validez dos premios consistentes en viaxes é de 6 meses, excluíndo datas consideradas de tempada alta e suxeito a dispoñibilidade.

 

Ao profesor

Os docentes responsables dos traballos gañadores de cada categoría recibirán como galardón unha barra de son con Bluetooth.

 

 

IMPORTANTE: Consulta as bases completas do concurso na web do programa Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es)

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Participa no décimo sexto concurso escolar Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil