Feliz aniversario, reporteiro Tintín!

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un neno lendo un libro de Tintín
Un neno lendo un libro de Tintín Liz Henry

O xornalista belga que loitou contra o mal durante 24 cadernos fixo 90 anos hai uns días sen que diminúa a súa popularidade

16 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non todo o mundo chega aos 90 anos. O reporteiro Tintín vén de facelo exactamente o xoves da semana pasada. E gozando dunha saúde de ferro. En efecto, o 10 de xaneiro de 1929 publicábase a primeira das súas historietas. Porque Tintín non é de carne e óso, aínda que ás veces o pareza, senón un personaxe de banda deseñada inventado por un debuxante belga.

Todo ten a súa historia, así que isto tamén. O xornal católico Le Vingtième Siècle quixo publicar un suplemento destinado a nenos e mozos, pensando en argumentos divertidos pero tamén educativos. Falou co tamén católico e boy scout Georges Remi, que firmaba como Hergé. E el é o pai de Tintín, un xornalista dedicado a loitar contra os malos do mundo. E quen era o máis malo do mundo entón? A Unión Soviética, onde o comunismo derrotara anos antes o réxime ditatorial dos tsares.

 

 

De maneira que a primeira aventura de Tintín foi No país dos soviets, e saíu xusto ese día, o 10 de xaneiro. Constituíu un éxito absoluto, tanto que en maio do ano seguinte, cando o xornal publicou a derradeira entrega, organizouse unha recepción do heroe nunha estación de ferrocarril de Bruxelas, a Gare du Nord: do tren baixou un amigo de Hergé... caracterizado de Tintín.

 

Así empezou todo, e ese éxito continuou do mesmo xeito e no mesmo soporte ata que os nazis ocuparon Bélxica no 1939, algo que a Hergé non lle desgustaba de todo. Levábanse publicadas sete aventuras, e a partir de aí (Tintín no país do ouro negro) saíron noutro xornal e logo en cadernos independentes. E cantas protagonizou o arriscado reporteiro? En total, 24. Hergé non puido ver a derradeira, posto que chegou ás librarías tres meses despois da súa morte, en 1983.

 

O debuxante foi un home ilusionado co seu traballo. Tanto que cometeu erros dos que logo se arrepentiu sinceramente e pediu desculpas. Dous foron os principais, e ademais cometidos nas súas dúas primeiras aventuras. Para empezar, e con independencia de como pase á historia a revolución procomunista que creou a Unión Soviética, Hergé cargou fortemente as tintas contra ese país hoxe desaparecido. «O inferno era bastante mellor que a Unión Soviética», chegou a dicir un crítico literario referíndose a No país dos soviets.

 

E para seguir, a súa segunda entrega era Tintín no Congo, dende 1908 e ata 1960 posesión belga. As violacións dos dereitos humanos por parte dos belgas deben figurar entre as primeiras e máis crueis en todo o século XX, guerras mundiais á parte. Nunca se soubo o número de congoleses masacrados, pero no enorme territorio a poboación quedou reducida á metade. Os africanos, ademais, carecían de dereito ningún e traballaban nun réxime de escravitude para sacarlle á terra materias primas, e se se negaban estaba autorizada a súa caza a tiros.

 

 

O REPORTEIRO NON ESTÁ SÓ

Tintín non é un caso único nin moito menos. Quen en Europa non coñece a Astérix e Obélix, os galos irredutibles cos que vale máis levarse ben e non enfrontarse a eles como fan os sempre derrotados romanos? Son personaxes creados polos franceses René Goscinny (falecido; encargábase dos guións) e Albert Urdezo, debuxante. Astérix e Obélix naceron no 1959, polo que o vindeiro 29 de outubro farán 60 anos, o cal tampouco está mal. As súas aventuras iniciais saíron nunha revista, Pilote, antes de converterse en álbums. En total estes suman 37, se ben os tres últimos xa son doutro debuxante e doutro guionista.

 

Á outra beira do Atlántico, Quino é unha referencia indiscutible. O seu personaxe, Mafalda, e a súa pequena tropa de amigos ten unha enorme carga política. Debuxos para adultos máis que para nenos, e tremendamente populares, Mafalda naceu en Arxentina no 1964 para... anunciar electrodomésticos!

En España poucos personaxes de banda deseñada chegaron vivos ao século XXI na mentalidade colectiva. Carpanta, o reporteiro Tribulete e os personaxes do 13, Rúe del Percebe, por exemplo, van desaparecendo na historia. Zipi y Zape reviviron grazas ao cine. E os grandes da banda deseñada española, vivos e coleando, Mortadelo e Filemón, que durante anos levaban como subtítulo «Agencia de información». Obra do xenial e agora octoxenario F. Ibáñez, tamén teñen a súa película, aínda que non lles facía falta ningunha.

De verdade chegou Tintín á Lúa?

Tintín segue atraendo a mozos e non tan mozos. Ata o punto de que en maio do 2014 Thalía, entón estudante do CEIP de Teixeiro (en Curtis, A Coruña), preguntaba aos científicos que cada día do curso responden na web www.prensaescuela.es: «É verdade que Tintín chegou á Lúa?».

A resposta dábaa Patricia Barciela: «En Obxectivo: a Lúa, que se publicou en 1953, Tintín descobre que o profesor Tornasol se atopa traballando nunha planta secreta de investigación en Syldavia para dirixir a construción dun foguete atómico que fará a primeira viaxe tripulada á Lúa. Tintín axuda na construción do foguete e nas primeiras probas, e adéstrase como astronauta. O libro foi publicado tres anos antes do lanzamento do Sputnik, o primeiro satélite artificial, e 15 anos antes da primeira aluaxe tripulada. Hergé, o seu autor, usou unha incrible cantidade de documentación técnica, o que a converte na máis rigorosa historia da serie.

»Aterraxe na Lúa publicouse en 1954. A historia continúa no punto onde queda o libro anterior: tralo lanzamento do foguete e unha viaxe non exenta dalgún sobresalto, alúan no cráter Hipparchus, onde montan o equipo e empezan as investigacións e exploración do terreo. O coronel Jorgen, conspirador de Borduria, apodérase do foguete e intenta abandonar aos expedicionarios no satélite».

ACTIVIDADES

  • En www.prensaescuela.es, dentro de Alumnos, atoparás Pregunta a un científico e Pregunta a un periodista. Aí tes un pequeno formulario para facer a túa pregunta, que será contestada na mesma web. De Tintín ou do que ti queiras.
  • Dende logo, a mellor maneira de coñecer a Tintín é ler unha das súas aventuras. Segundo di nesta mesma páxina Patricia Barciela, «Obxectivo: a Lúa» é idóneo.
  • E postos a iso, por que non botarlles unha ollada a Mortadelo e Filemón e mais a Astérix e Obélix?