Eses nenos aos que nunca ninguén lles di non

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

Intentar unha e outra vez alcanzar un obxectivo como completar un quebracabezas serve para cultivar a capacidade de esperar con calma, ou sexa, a paciencia, que a principal habilidade que permite tolerar a frustración
Intentar unha e outra vez alcanzar un obxectivo como completar un quebracabezas serve para cultivar a capacidade de esperar con calma, ou sexa, a paciencia, que a principal habilidade que permite tolerar a frustración JOSE PARDO

A chamada xeración brandiña caracterízase por ter baixa tolerancia á frustración

12 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A fórmula matemática é sinxela: pais que levan a mochila do neno ata a porta do colexio + pais que piden que non se premie aos mellores da clase porque os demais se traumatizan + pais que lles fan os deberes que consultaron nos grupos de WhatsApp = nenos brandiños, hiperprotexidos e pouco resolutivos. Esta formulación, da xornalista González de Vega, coincide coas voces de psicólogos e educadores que alertan da crecente debilitación das novas xeracións.

Coa sobreprotección que caracteriza o momento actual, estamos a criar nenos pusilánimes, que se renden ante o primeiro obstáculo e que son incapaces de resolver problemas por si sós. Iso explicaría o crecente e preocupante aumento de nenos con trastornos depresivos e por ansiedade que precisan atención psicolóxica e, en moitos casos, intervención farmacolóxica. Un enfado cos amigos, unha ruptura de parella ou a propia presión por sacar boas notas poden afundir psicoloxicamente e incapacitar para seguir adiante sen axuda externa a menores aos que sempre se lles sacou as castañas do lume.

A superprotección das novas xeracións deu pé a curiosos termos para referirse a este fenómeno:

  • Hiperpaternidade: crianza que non só implica consentir os fillos, senón tamén darlles unha atención excesiva, exercida a base de estar sempre encima (de sobrevoar sobre eles) anticipándose aos seus desexos, resolvendo os seus problemas a diario e xustificándoos sen concesións. Este concepto, que manexa a xornalista Eva Millet no seu libro Hiperniños, é o que explicaría como se pasou do modelo moble (antes aos nenos facíaselles pouco ou ningún caso) ao modelo altar (aos nenos de hoxe en día pómolos nun pedestal, venerámolos).
  • Xeración copo de neve é a etiqueta coa que se designa ao grupo xeracional dos que chegaron á idade adulta nos anos 2010 (millennials). Criados con excesiva sobreprotección, caracterízanse pola súa vulnerabilidade emocional, susceptibilidade esaxerada ante as críticas e por ser gardiáns estritos do politicamente correcto.
  •  Crianza invernadoiro, crianza monstruosamente intensiva ou paternidade helicóptero. Con todos estes nomes describiu o fenómeno da hiperprotección a xornalista americana Joan Acocella en The New Yorker. Nun dos seus artigos plasmaba con desenfado e humor «a típica situación»: «Todos estivemos aí: no salón duns amigos que nos invitaron a cear sen mencionar que a velada incluiría un show completo do seu fillo de 4 anos. O neno canta, baila e come todos os canapés. Cando tentas falar cos seus pais, interrompe. Por que deberían falar os seus pais contigo de cousas polas que el non está interesado, cando todos poderiamos estar a falar de como morreu o seu hámster? Os seus proxenitores coinciden plenamente con el e pídenlle que explique o que lle supuxo emocionalmente o deceso. Liscas de alí xurando que non terás fillos xamais e, se xa os tes, que xamais visitarás os teus netos. O único que farás será enviarlles diñeiro».

 

Ferramentas para pór en práctica

1 A paciencia. A capacidade de esperar con calma é a principal habilidade para tolerar a frustración. Aprender a esperar sen perder os nervios é fundamental. Tamén o é intentar unha e outra vez alcanzar un obxectivo (resolver un problema de matemáticas, completar un quebracabezas ou intentar gañar unha partida de parchís) sen desesperarse, sen enfadarse e sen renderse.

2 O control emocional. Como pais habemos de aprenderlles a xestionar as súas emocións, tamén as desagradables, como a rabia, a tristeza ou o medo a equivocarse. Pódeselles animar a practicar pequenos trucos: contar ata 10, respirar tres veces antes de actuar, volver intentalo, escribir o que un sente…

3 Buscar alternativas á frustración. Non todo é contención ou desafogo (como dar puñadas a un coxín ou meter as bonecas en auga fría). Hai que aprender a pensar en alternativas á vivencia frustrante: «Suspendín este exame, pero o próximo vouno preparar mellor e sacarei mellor cualificación», «Agora non podo ir xogar cos meus amigos, pero mañá sábado, si».

4 Perder o medo a equivocarse. Non hai que concibir o fracaso ou a equivocación como algo vergoñoso ou humillante. Na vida, o éxito e o fracaso adoitan alternarse… incluso poden darse ao mesmo tempo. É cuestión de perspectiva e de intentar enfocar a parte positiva de cada situación.

5 Xogo libre. O xogo é a mellor ferramenta para aprender a xestionar a frustración. Iso si, ten que ser libre (sen a intervención constante dun adulto que poña orde e dirixa as actividades) e en compañía doutros nenos (xogar só no cuarto non é tan enriquecedor). Cando se interactúa con compañeiros nunha contorna lúdica, gáñase, pérdese, trabállase en equipo, rise, sófrese, créanse conflitos, resólvense…

 escuela de padres

? TEMA DO MES: Educar sen sobreprotexer.

 

? ETAPA: Infancia e adolescencia.

 

? A FRASE: «Intentáchelo. Fracasaches. Dá igual. Proba outra vez. Fracasa outra vez. Fracasa mellor» (Samuel Beckett).

 

? COMPORTAMENTOS QUE EVITAR: Pensar de xeito sistemático que os nenos van ser incapaces de facelo por si mesmos ou se van traumatizar se non lles solucionamos nós os problemas.

 

? ALGUNHAS CLAVES: Aprender a tolerar a frustración é unha habilidade fundamental para a vida que, canto antes se adestre, moito mellor.

 

? PARA SABER MÁIS: «Hiperniños: ¿hijos perfectos o hipohijos? Consecuencias de la hiperpaternidad en la infancia y la adolescencia», de Eva Millet. Plataforma Editorial, 2018.