A explosiva vida de Alfred Nobel

Bibiana García Visos

LA VOZ DE LA ESCUELA

Medalla que se entrega aos ganadores do premio Nobel
Medalla que se entrega aos ganadores do premio Nobel

Antes de converterse no soado fundador dos premios que levan o seu nome, o químico foi coñecido internacionalmente por inventar a dinamita

12 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada 10 de decembro, o pasado luns entregáronse os premios Nobel de Física, Química, Medicina, Literatura e Economía en Estocolmo (Suecia) e o da Paz en Oslo (Noruega). Estes prestixiosos galardóns condecoran cada ano a persoas que realizaron unha importante contribución á humanidade nalgunha desas áreas. Tamén recordan o día da morte do seu famoso creador: o químico, inventor e empresario sueco Alfred Nobel. Pero antes de converterse no ilustre fundador destas distincións, Nobel foi coñecido mundialmente por inventar a dinamita e outras mesturas explosivas, sustancias que lle proporcionaron unha considerable fortuna.

Terceiro fillo dun matrimonio acomodado sueco, Alfred Nobel (21 de outubro de 1833-10 de decembro de 1896) pasou boa parte da súa infancia e mocidade en San Petersburgo (Rusia), onde o seu pai, enxeñeiro, posuía unha fábrica de armamento. Na súa época de estudante destacou en química e idiomas, pois ademais do sueco dominaba o inglés, o francés, o alemán e o ruso. De volta á súa Suecia natal en 1859, profundou no coñecemento de substancias explosivas, pondo especial interese na nitroglicerina, un líquido altamente inestable descuberto uns anos antes polo químico italiano Ascanio Sobrero. Unha detonación accidental dese composto en 1864, nunha das fábricas familiares, matou a cinco persoas, entre elas ao irmán pequeno de Alfred, Emil. Obsesionado con reducir aquel tipo de catástrofes, Nobel concentrouse en mellorar a seguridade dos explosivos que se estaban desenvolvendo.

NITROGLICERINA MÁIS SEGURA

En 1867 enxeñou a dinamita, resultado de impregnar un material sólido poroso coa insegura nitroglicerina líquida, o que reducía os riscos de accidente ao ser máis fácil manipulala. Fixo máis invencións no mesmo campo, como a xelignita, un explosivo xelatinoso utilizado en canteiras, minas e voaduras baixo a auga, e a balistita, tamén chamada pólvora sen fume, usada sobre todo na industria militar. Con bo criterio empresarial, patentou todos os seus inventos e fundou compañías para fabricalos e comercializalos, primeiro nas cidades europeas de Estocolmo e Hamburgo e despois nas norteamericanas de Nova York e San Francisco. Os seus produtos tiveron un grande éxito e supuxeron un enorme avance no campo da construción e no da enxeñería, pero tamén na fabricación de armamento, polo que foi criticado nalgunhas ocasións. Aquilo sentou os cimentos dunha fortuna que aumentou exponencialmente co investimento en pozos de petróleo no Cáucaso.

 

OBITUARIO ERRÓNEO

Cando o seu irmán maior, Ludvig, morreu en 1888, un xornal francés confundiuno con Alfred, que se sorprendeu ao ler o seu propio obituario, titulado «Le marchand de la mort est mort» («O comerciante da morte morreu»). Aquel duro artigo fixo que Nobel se angustiase por como sería recordado, así que decidiu modificar o seu testamento. Legou máis do 90 % da súa fortuna (30 millóns de coroas suecas do momento, máis de tres millóns de euros actuais) para que se estableceran os premios que levan o seu nome. Co obxecto de organizar a adxudicación dos galardóns, os seus testamenteiros crearon a Fundación Nobel. A asociación tiña o encargo de outorgar un conxunto de premios anuais ás persoas que máis fixesen en beneficio da humanidade sen importar cal fose a súa procedencia. Aquela idea, subliñada por Nobel, era reflexo da súa propia vida cosmopolita, xa que cambiou de país de residencia varias veces: despois de en Suecia e Rusia, viviu en Alemaña, Francia e Italia.

Con máis de 350 patentes diferentes no seu haber, Alfred Nobel foi elixido membro da Real Academia das Ciencias de Suecia en 1884. Ademais de nos seus premios, o seu apelido tamén perdura no nobelio, un elemento da táboa periódica que recibiu o seu nome na súa honra, e nas compañías que fundou e seguen activas, como AzkoNobel. Morreu en 1896 por mor dun derrame cerebral en San Remo, onde tivo que emigrar desde Francia tras ser acusado de alta traizón por vender balistita a Italia.

 

Nobelmuseet

Na páxina web do Museo do Nobel, de Estocolmo, podes consultar os premiados no 2018 e os avances que lograron:

  • https://bit.ly/2zyxvSL

Os números dos premios máis prestixiosos

De reputación internacional, os premios Nobel (con acento na segunda sílaba, ao contrario do que se adoita pronunciar) outórganse cada ano desde 1901. Só se viron interrompidos durante os dous períodos das guerras mundiais (1914-18, a primeira, e 1939-45, a segunda).

Alfred Nobel deixou a selección dos gañadores nas áreas de Física, Química, Medicina e Literatura en mans de varias academias científicas suecas, e no Comité Nobel de Noruega, o premio da Paz. En 1968 o Banco de Suecia decidiu engadir un galardón máis en Economía, que se comezou a outorgar ao ano seguinte.

As instrucións do testamento de Alfred Nobel indicaban que os intereses xerados pola súa fortuna terían que dividirse en cinco partes iguais que serían repartidas entre os premiados anualmente. Hoxe en día, esa cantidade ascende a máis de 900.000 euros en cada unha das categorías. Ata a data repartíronse 600 premios Nobel, que recaeron en 935 persoas ou institucións. En 49 ocasións os xurados deixaron deserta algunha categoría, o que sobre todo sucedeu co premio da Paz (19 veces).

POUCAS MULLERES

Tan só o 5 % destes galardóns van parar a mans de mulleres. Se unicamente se contabilizan os Nobel de ciencias (Química, Física e Medicina), esa cifra descende ata o 3 %. Catro persoas poden presumir de posuír dous premios Nobel: o inglés Frederick Sanger, os estadounidenses Linus Pauling e John Bardeen e a polaca Marie Curie. Esta última, ademais, é a única persoa da historia que recibiu dous premios Nobel en campos científicos distintos: o de Física e o de Química.