Todos os anos celebramos o 6 de decembro o Día da Constitución porque a lei de leis da nosa convivencia naceu un 6 de decembro de 1978, o día no que foi aprobada en referendo polo pobo español. As persoas temos o costume de celebrar de forma especial os nosos aniversarios cando coincide que cumprimos un número terminado en cero, o que se adoita chamar un número redondo, un número que marca a transición dunha década a outra. Así entramos nos vinte ou nos trinta ou nos cincuenta ou nos oitenta... É coma se pechásemos etapas da vida e pasásemos a outro estadio . Pois igual podemos pensar da nosa Constitución. Mañá entra nunha nova década e pasa da vigorosa mocidade dos trinta á madura serenidade dos corenta anos. Dunha persoa pensariamos que tería chegado á súa plenitude e estaría a entrar na segunda parte da súa peripecia vital.

Co gallo desta efeméride, o tema está en todos os medios de comunicación. Fálase en todas partes e acotío do seu futuro, da súa reforma, das súas necesidades de modernización, das súas virtudes, dos seus defectos, etcétera. Fixarémonos aquí noutro aspecto, aparentemente máis anecdótico, pero moito máis substancial, para enfrontarnos á difícil tarefa de axustala e póla ao día co fin de que dure outros corenta anos co vigor da súa espléndida madurez. Trátase do espírito e o talante que mostraron aqueles políticos que a acordaron e a redactaron nos difíciles anos que seguiron ao final da ditadura e á xestación dunha nova democracia para España.

Foron tempos difíciles, porque non se acabou de pechar a terrible ferida que unha guerra civil abrira no corpo social. Custara millóns de mortos e unha ditadura de case corenta anos. A hora de pórse todos de acordo e de decidir como queriamos estañar as vellas feridas chegara cando faleceu o ditador en 1975. Aparentemente deixouno todo atado e ben atado, pero os españois foron conscientes de que tiñan que resolver o problema por eles mesmos e construír un mundo no que coubesen todos, os que pensabamos dun xeito e os que pensaban doutro. Era unha tarefa moi complicada, que necesitaba que todos os políticos, de calquera ideoloxía, asumisen o compromiso.

 

Do consenso político á aprobación popular

Non se trataba de que ninguén impuxese a outro a súa solución, tampouco se trataba de discutir cal era a mellor opción para elixir entre todas a teorías sociais e económicas posibles. O que era necesario é que fose a solución de todos. Para iso crearon un concepto político novo: o consenso. Os vellos escanos das Cortes tiñan que servir para algo distinto ao que serviran ata entón. Naquel hemiciclo debateuse, razoouse, argumentouse, discutiuse e, sobre todo, votouse para que as ideas duns se impuxesen por uns poucos votos sobre as doutros. Agora non se trataba de gañar por estreitas marxes de sufraxios, senón de conseguir que a lei suprema se aprobase porque todos os grupos parlamentarios estivesen de acordo con ela e a sentisen súa. Para conseguilo era necesario non defender as ideas e proxectos propios cos mellores argumentos e os razoamentos máis brillantes, senón estar dispostos a modificar as propostas propias para achegalas ás dos demais ata chegar a aqueles puntos que todos puidesen admitir aínda que non lles gustasen ao cento por cento. Había que chegar a que todos atopasen parcialmente satisfactorio o resultado, aínda que botasen de menos ideas que lles parecesen moi queridas. Era necesario resignarse a deixar polo camiño parte duns ideais para conseguir un resultado que puidese ser aceptado polos demais.

O punto de partida foi aceptar un pacto constituínte polo que todos os partidos políticos participarían na redacción do texto constitucional, que, deste xeito, non sería da esquerda nin da dereita, nin dos monárquicos nin dos republicanos, nin dos centralistas nin dos nacionalistas, senón de cada un nalgunhas cousas e de ninguén na súa totalidade. Os seus artigos discutíronse na Cámara e fóra dela coa vehemencia e a paixón requirida, pero sen perder de vista o obxectivo de acordar. Con frecuencia, ao debate no salón de plenos das Cortes seguíanlle outros máis informais entre grupos máis reducidos de deputados de distintos partidos en despachos ou, avanzada a noite, en restaurantes que con frecuencia terminaban en discusións a dúas bandas entre Fernando Abril Martorell e Alfonso Guerra, que remataban a moi altas horas da madrugada pactando un texto que ao día seguinte volvería debater a Cámara.

Todos os partidos foron deixando elos na gateira. Uns tiveron que renunciar á república e aceptar a monarquía, outros renunciaron a conservar a centralidade do Estado e admitiron as autonomías, algúns tiveron que aceptar a abolición da pena de morte, outros a laicidade do Estado ou a educación privada sostida con fondos públicos, etcétera. Ao final, cando xa estaba toda ela redactada e tivo que someterse á última votación dos señores deputados, aprobárona co seu voto afirmativo a práctica totalidade dos membros das dúas Cámaras. As últimas votacións remataron cun resultado de 551 votos afirmativos, 11 votos negativos e 22 abstencións.

REFERENDO POPULAR

Para culminar a tarefa faltaba unicamente a aprobación dos cidadáns. A longa discusión parlamentaria sobre o articulado servira para familiarizar a cidadanía co contido da lei, e o feito de que os representantes do pobo chegasen a un grao tan alto de consenso na súa redacción e aprobación presaxiaba que a vitoria da aprobación ía ser moi alta. O referendo celebrouse o 6 de decembro e participou nel o 58,97 % do censo electoral. O voto afirmativo alcanzou o 87,78 %.

TEMPOS NOVOS

Agora, 40 anos despois, é necesario recordar aqueles tempos e o seu espírito porque foron momentos transcendentais da nosa historia resoltos con grande eficacia. A Transición española desde unha ditadura á democracia sen provocar traumas sociais, respectando escrupulosamente a lei, coa colaboración de todos os partidos e grupos políticos e a participación activa da cidadanía en orde e en paz espertou a admiración do mundo e mostrou un camiño que despois outras nacións seguirían. Por iso é tan importante recordar a experiencia de como se creou esa Constitución para intentar recuperar o espírito dos seus creadores. Para reformar a nosa lei de leis sería conveniente alcanzar consensos tan sólidos como os que lograron os que a crearon.

Actividades

A1. Coñecer o contido da Constitución é un primeiro paso imprescindible. Planificade durante o mes de decembro un tempo para ir coñecendo os seus artigos máis importantes.

 

A2. Buscade con axuda de Internet cales foron os asuntos que provocaron maiores debates entre os deputados durante a redacción do texto e comprobade se na actualidade suscitan a mesma controversia ou se, pola contra, as posicións fóronse aproximando.

 

A3. Non perdades o suplemento que publica mañá La Voz de Galicia con motivo do 40.º aniversario da Constitución. Todo un agasallo para as clases da vindeira semana!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Constitución española fai 40 anos