Guerra contra os coches de gasóleo

> Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un coche eléctrico posto a recargar nun punto de subministro público
Un coche eléctrico posto a recargar nun punto de subministro público AYUNTAMIENTO SANT JOSEP

A Unión Europea e outros países, como a China ou México, queren reducir a contaminación do aire, que no Vello Continente leva por diante consigo milleiros de vidas cada ano

21 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A noticia de que os coches movidos por gasóleo teñen os días contados non é nova. O que é novo é a decisión do Goberno español de sumarse a esa onda case toda europea de poñer fin ao motor diésel.

Algúns países, como Gran Bretaña, Francia, Holanda e Noruega, foron dos primeiros en fixar a data para o enterro: terá lugar entre o 2025 e o 2040. Aínda que o número crece e mañá xa poden ser máis, a día de hoxe 280 cidades da Unión Europea manteñen restricións para circular por elas, ou polo menos polo seu centro, con coches contaminantes. Estes son algúns exemplos:

Estocolmo. Como en moitas outras cousas, os suecos van por diante: xa en 1996 a súa capital empezou a limitar o tráfico rodado, e dende o 2007 hai puntos de control (automatizados, por suposto) que permiten ou non o paso ao centro. Os diésel non poden pasar. Iso si, as medidas restritivas foron aceptadas con tranquilidade, xa que houbo unha consulta popular pola que se aprobaron.

Berlín. Foi a primeira cidade alemá en crear unha zona ambiental no seu corazón urbano, no 2007. Ou sexa, cada coche ten unha etiqueta (vermella, laranxa ou verde) en función do que contamina, e segundo esa etiqueta pode pasar por onde queira, ten zonas restrinxidas ou sinxelamente ten que quedar á entrada, nuns grandes aparcadoiros de baixo custo e con autobuses lanzadeira ata o centro.

París. Non chega á altura das anteriores, pero no 2024 ningún coche diésel circulará polas súas rúas e aos de gasolina vailles pasar o mesmo no 2030, sexan dun traballador ou do primeiro ministro. No 2040 nin uns nin outros se verán polas rúas nin polas estradas de toda Francia.

Helsinqui. Ao igual que Londres, vai directamente á carteira dos cidadáns. Na capital británica hai que pagar unha elevada suma se se quere entrar co vehículo propio, agás que sexa eléctrico. Na finlandesa, aparcar unha hora no centro son 4,60 euros. Tanto nun como noutro caso o que compensa é coller o transporte público, e en Helsinqui hai un moderno tranvía constantemente en movemento. Tamén a mencionada Estocolmo cobra por acceder a unha zona.

Hamburgo. A cidade alemá prohibiu os diésel en varias das súas rúas.

Milán. Restricións de circulación a partir do vindeiro ano 2019.

Cidade de México. Un caos de circulación, mais a pesar diso quere eliminar o diésel no 2025. Hai que ter en conta que o aire desta megaúrbe está moi contaminado: chega a duplicar os niveis recomendados pola Organización Mundial da Saúde.

Oslo. Na capital norueguesa houbo un fracaso inicial, xa que se pretendeu prohibir a circulación no centro pero a poboación alporizouse. Que facer? Pois a grandes males, grandes remedios: pódese circular... pero non se pode aparcar. Nin sequera os eléctricos, cando Oslo é a cidade do mundo con maior proporción destes coches. No 2019 haberá máis restricións.

China. A contaminación deste país é a maior do planeta, pero tamén é o país con maior número de coches eléctricos. Sobre a mesa, un proxecto para que no 2025 sexan os únicos que circulen. E na China, se o deciden, fano. Polas boas ou polas bravas.

Un paso adiante para limpar o aire e evitar mortes

Por que se retiran os coches movidos por gasóleo? Porque, malia que non hai unanimidade entre os científicos, si son moitísimos máis os que defenden que contaminan moito. E tal e como está a atmosfera, é un risco enorme para a saúde que sigan circulando. Un estudo europeo, segundo publicaba este xornal en febreiro, advertía que na Unión Europea morrían directamente cada ano 4.560 persoas debido á contaminación por gasóleo, que libera máis óxido de nitróxeno do que sería idóneo e que, a pesar dos filtros que levan os motores e dos avances da tecnoloxía, a cantidade de gases que van ao aire que respiran os cidadáns é a mesma que en 1997. Outras estimacións como a do xornal británico The Guardian disparan máis alto, e falan de entre 6.000 e 13.000 mortos por esa causa tan só en Alemaña.

A moeda ten outra cara: os coches concéntranse nas cidades, e aí é onde hai máis habitantes e, xa que logo, vítimas. De feito, e segundo unha enquisa da organización sen ánimo de lucro ClienEarth (que ten un slogan rechamante: «O noso cliente é a Terra»), os adultos de Gran Bretaña apoian maioritariamente crear un cordón sanitario arredor dos colexios e institutos, de xeito que os vehículos contaminantes non poidan aproximarse moito aos centros educativos e, así, os alumnos respirarán aire puro.

E ademais da saúde, que é o motivo principal, e o esgotamento da materia prima para elaborar o gasóleo, sae á luz outro argumento contra estes vehículos. Pero é xeral, porque cos eléctricos pasará o mesmo: as cidades queren máis espazo para os peóns e para as bicicletas.

O resumo en cifras podería ser este: no 2015 o 52 % de vehículos matriculados na Unión Europea movíanse con gasóleo; no 2025, só dez anos máis tarde, serán o 26 %. Xusto a metade.

actividades

  • De onde se sacan a gasolina e o gasóleo (https://is.gd/B8Y8NY)? Iso é finito ou infindo?
  • Sabes por que o gasóleo se chama tamén diésel (https://is.gd/CZJMvO)?
  • Que combustible se lle bota ao coche da túa familia? Tendo en conta a vida media dun automóbil (https://is.gd/2xjeGy), cantos anos terás ti cando deixe de funcionar o voso? E no 2025? E no 2040?
  • E xa sabes que sempre que falamos de lugares, como é o caso de todas esas cidades, cómpre saber situalas nun mapa da Terra.