Aos ceos en globo

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

O principio que sustenta que un globo poida voar é que o aire quente pesa menos que o frío, e por iso se eleva
O principio que sustenta que un globo poida voar é que o aire quente pesa menos que o frío, e por iso se eleva CESAR QUIAN

Tal día como hoxe, un 21 de novembro, pero do ano 1783, dous seres humanos convertéronse en pioneiros da aviación ao ascenderen por primeira vez ao ceo a bordo dun aparato aerostático

21 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a navegación aérea superou e revolucionou aquela primeira experiencia, os paseos en globo seguen espertando interese, ata o punto de que algunhas ascensións se converteron recentemente nun espectáculo de masas, igual que outrora. O 14 de outubro do 2012, os noticiarios de todo o mundo transmitiron como un home, que ascendera nun globo de helio ata unha altura de case 39.000 metros, saltaba ao baleiro para iniciar unha caída libre. Durante o descenso logrou converterse no primeiro ser humano en superar a velocidade do son (1.234,8 quilómetros por hora), e acadou os 1.357,6 quilómetros por hora sen ningún instrumento de empuxe, só protexido polo seu traxe de astronauta. Pouco durou a marca: o 24 de outubro do 2014 o vicepresidente de Google lanzouse desde 41.425 metros.

Pero ata finais do século XVIII a maior altura á que o ser humano lograra ascender era a que lle permitía a escalada dos altos cumes de montaña. Así que en Europa o Mont Blanc dos Alpes franceses era o punto máis alto, a tan só uns 4.800 metros. O ceo estaba moito máis lonxe.

O acontecemento que impulsou o soño humano de voar sucedeu cara a mediados do século XVIII, cando dous irmáns, fillos dun fabricante de papel, xogaban cunhas follas na cheminea; en ocasións, aqueles papeis ascendían empuxados polas correntes de aire quente. Anos máis tarde, inspirados por aquela observación, os irmáns Montgolfier, Joseph-Michel e Jacques-Étienne, acenderon un lume baixo un enorme globo de tea e papel en xuño de 1783 e, nunha demostración pública, conseguiron que se enchese de aire quente, se elevase e voase durante uns dez minutos. Igual que agora, as novidades tecnolóxicas espertaban medo e admiración, así que os intentos de ascender en globo convertéronse pronto nun espectáculo de masas. Pero para os campesiños descoñecedores daqueles enxeños tecnolóxicos, un globo aerostático era algo estraño e ameazador; así que cando un dos primeiros globos aterrou a 20 quilómetros da capital francesa e asustou ás xentes, non dubidaron en destruílo con pedras, coitelos e apeiros de labranza.

Pouco máis tarde realizouse a primeira ascensión en globo de seres vivos. Sucedeu no mesmo Versalles baixo a atenta mirada de máis de cen mil franceses, presididos polo seu rei e toda a corte. Dentro dunha cesta enganchada baixo o globo ascenderon unha ovella, un pato e un galo. O obxectivo era investigar os efectos que tiña a altura nos animais e, a partir de aí, conseguir o permiso real para intentar o primeiro voo con tripulantes humanos. A pesar do éxito, o monarca non estaba convencido de que a experiencia fose segura, así que accedeu, pero propuxo que dous condenados en prisión fosen os que experimentasen a sorte da travesía aérea. Un científico e un marqués lograron que cambiase de opinión e o 21 de novembro de 1783 sobrevoaron o ceo de París nunha travesía que durou 25 minutos e levounos a 9 quilómetros de distancia.

A EXPANSIÓN

Pronto o aire quente substituíuse polo hidróxeno, un gas moito máis lixeiro, e as ascensións en globo estendéronse por moitos lugares do mundo. O primeiro voo sobre territorio español está documentado entre dúas localidades estremeñas: Plasencia e Coria. Foi durante marzo de 1784. O globo converteuse nunha icona, sobre todo en Francia, onde se debuxaba ata nas vaixelas. O feito é que cara a finais de 1784 xa se rexistraran en Europa 180 voos. Na conquista deste espazo descoñecido, como era a atmosfera, tamén houbo numerosas baixas. En 1875 tres homes lograron chegar ata os 9.600 metros, pero só sobreviviu un; a falta de osíxeno foi a sorpresa mortal.

Os globos seguíronse empregando para investigar, pero sen tripulación humana. O resultado destas aventuras permitiu descubrir a composición e estrutura da nosa atmosfera. E o globo, igual que o telescopio para a astronomía ou o microscopio para a bioloxía, converteuse nun instrumento froito do avance tecnolóxico que servía para empuxar a ciencia cara a novos horizontes.

Festa científica de globos

O aire ocupa espazo

Parece que o aire que nos envolve é tan lixeiro que non podemos detectalo, pero unha sinxela actividade con globos pode resultar ilustrativa.

Utiliza unha percha para a roupa e cólgaa en equilibrio. Infla dous globos coa mesma cantidade de aire e átaos cun fío a cada extremo. Seguirá en equilibrio.