Tennessee Williams, a infancia difícil

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Tennessee Williams, por Juan Bastos
Tennessee Williams, por Juan Bastos

Neste 2018-19, desde La Voz de la Escuela seguiremos repasando, cunha periodicidade mensual, os grandes escritores da literatura universal, para dar continuidade ao comezado en cursos anteriores. Coa excepción de que este ano non nos limitaremos á divulgación só de grandes novelistas, senón que atenderemos tamén a grandes figuras doutros xéneros literarios, como a poesía e o teatro, que acadaron importancia e transcendencia nas letras de todo o mundo. Unha máquina de escribir, agasallo da súa nai, permitiulle evadirse dun mundo hostil no que SE sentía perdido

14 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En realidade chamábase Thomas Lanier Williams (1911-1983). Nacera en pleno corazón do sur, en Columbia (Mississipi), e ao alcanzar a maioría de idade decidiu cambiar o seu nome polo de Tennessee. Parece ser que o fixo porque así lle chamaban os seus compañeiros de estudos debido á súa orixe e marcado acento sureño. Aos lectores que seguen estas páxinas sobre grandes escritores da literatura universal que publicamos mensualmente non lles sorprenderá comprobar, unha vez máis, como unha infancia desgraciada vai condicionar a vida e a obra de moitos deles. O caso deste gran dramaturgo que foi Tennessee Williams é un máis desta longa lista.

 

UNHA VIDA MOI DIFÍCIL

A infancia de Tennessee non foi fácil. Fillo do reitor dunha igrexa episcopal, un home de carácter violento, e dunha nai sobreprotectora, desenvolveu unha personalidade introvertida e meditabunda. O seu talento para a escritura desenvolveuse durante un período no que a difteria obrigáralle a gardar cama. A súa nai, sempre pendente do fillo, regaloulle unha máquina de escribir e o mozo Thomas descubriu na escritura unha forma cómoda de evadirse dun mundo que lle resultou sempre hostil e no que se sentía perdido. O pai foi degradado na súa carreira militar pola súa falta de responsabilidade e terminou de viaxante dunha fábrica de zapatos, oficio que o tiña sempre fóra de casa.

A súa irmá Rose, afectada por unha enfermidade mental que se ía repetindo xeracionalmente na súa familia, pasou a vida entre psiquiatras, foi sometida a unha lobotomía e terminou internada nun manicomio. A tolemia da súa irmá espertou nel un gran sentimento de tenrura, e foi unha fonte constante de preocupación persoal. Tamén foi obxecto de atención a través de moitos dos personaxes do seu teatro, neuróticos, paranoicos e con grandes traumas psicolóxicos.

Polo tanto, é a vida a que lle ofrece os modelos humanos das súas criaturas literarias, pero a influencia de Rose na vida e na obra do irmán non é só metafórica: Williams adoitaba usar citas textuais da súa nai e da súa irmá, que lle resultaban «inspiradoras e encantadoras no seu xeito de falar». «O maior trauma da miña vida foi a traxedia da miña irmá, que tiña o mesmo problema nervioso co que eu vivo e que lle resultou insoportable, e decidiu escapar», escribiu Williams ao seu axente nunha carta datada en 1942.

Con aquela máquina de escribir que lle regalara a súa nai empezou pronto a súa carreira literaria. Aos 14 anos presentou un artigo a unha revista e con el conseguiu o seu primeiro premio literario, un terceiro posto polo que cobrou 15 dólares e a satisfacción de ver por vez primeira a súa firma en letras de molde. E a partir de aí empezou a súa independencia: percorreu varias cidades de California, e en 1929 matriculouse na Universidade de Missouri, en Columbia. Alí foi onde os seus compañeiros de estudos alcumárono Tennessee.

Cando tivo que abandonar os estudos por falta de diñeiro, traballou de ascensorista e de porteiro de hotel. En 1935, Williams escribiu a súa primeira obra interpretada publicamente. Cairo, Xangai, Bombai! foi representada por primeira vez en Memphis. Marchou a Nova York, cunha pequena bolsa de estudos pero axudándose dun traballo, agora de camareiro. Xa entón, a pesar destas dificultades, tiña claro que a súa vocación era escribir, e non desistiu nunca. O seu empeño non foi nada fácil, pois o seu carácter non lle axudaba: era moi tímido, sensible, hipocondríaco e homosexual. Por se este cadro psicolóxico non fora dabondo, nunca superou o sufrimento de ter unha irmá esquizofrénica.

 

 

HOLLYWOOD

Despois de ser declarado non apto para o Exército, o que lle evitou así ser enviado a Europa, á guerra na que acababa de entrar o seu país, foi vivir a Nova Orleáns, ao barrio francés, onde escribiu Un tranvía chamado desexo (1947), e ao pouco tempo trasladouse a Hollywood, onde foi contratado polas grandes compañías cinematográficas para que adaptase as súas obras dramáticas, que gozaban xa de grande éxito, para guións cinematográficos.

 

Tennesee Williams morreu o 25 de febreiro de 1983 en Nova York. O seu cadáver apareceu no cuarto dun hotel e a prensa especulou con diversas causas. Todo parece indicar que foi unha morte accidental nun momento da súa vida en que o estaba pasando mal, deprimido pola morte da súa parella, vítima dun cancro fulminante. O forense ditaminou que Williams morreu asfixiado ao atragoarse coa tapa dun dos frascos de narcóticos que consumía. Sempre quedou no aire a sombra da dúbida.

 

A súa obra dramática

O éxito e a fama chéganlle con O zoo de cristal (1945), plenamente autobiográfica, coa traxedia da súa irmá Rose ao fondo, e Un tranvía chamado desexo (1947). Nestes dous dramas fórmase a definitiva estrutura recorrente do teatro de Tennessee Williams, ambientado no sur dos Estados Unidos, nun mundo inmóbil, pechado sobre o seu pasado aristocrático que xa resulta irrecuperable. O seu prestixio como dramaturgo crece con cada estrea: 27 vagóns de algodón (1946), A rosa tatuada (1951), A gata sobre o tellado de zinc quente (1955), De súpeto, o último verán (1958), Doce paxaro de mocidade (1959), A noite da iguana (1961) veñen constituír a culminación da súa obra literaria.

Neste período tan frutífero, o autor atopou unha grande riqueza temática nas súas propias contradicións e na súa personalidade. Non fixo máis que pór en boca dos seus personaxes os seus sufrimentos e angustias. Este intento de liberación psicolóxica a través da súa pluma lévao a tratar asuntos escabrosos para a sociedade do seu tempo, como era o tema da homosexualidade e a ninfomanía. Se facemos caso ás fontes psicanalíticas de Freud, poderiamos dicir que as obras deste primeiro e exitoso período responden a este proceso. Protagonizadas por seres atormentados que padecen grandes crises internas, personaxes inadaptados, heroínas tolas que convivían co desastre e a fantasía, machos brutais que as maltrataban... todos eles veñen reflectir a complexidade psicolóxica dalgúns seres humanos e a gran dificultade que ese tipo de xentes atopa para relacionarse cos demais.

En todo caso, estamos ante un dramaturgo dun enorme talento que se fixo acredor de numerosos galardóns, entre os que destacan os seus dous premios Pulitzer (por Un tranvía chamado desexo e por A gata sobre o tellado de zinc) e os catro premios do Círculo de Críticos de Arte Dramática e o Kennedy Center Honor.

Tras a súa morte, o mundo artístico norteamericano quedou profundamente conmocionado. Marlon Brando, o seu atormentado Stanley Kowalsky en Un tranvía chamado desexo, plasmou con estas palabras o sentir do gremio do cine: «Sempre me sentín identificado con Tennessee: sempre contaba a verdade tal como a vía, e nunca daba as costas ás cousas que lle atemorizaban ou desagradaban».

Todos os grandes actores da súa xeración foron testemuñas do éxito das súas obras nos anos corenta e cincuenta. Pódese dicir que Williams cambiou o teatro nos Estados Unidos e desde alí exerceu unha grande influencia en todo o mundo.

O cine aumentou a popularidade do dramaturgo

Varias pezas dramáticas de Tennessee Williams foron adaptadas ao cine, e o éxito acadado na pantalla aumentou a súa popularidade. El mesmo adaptou os guións e as películas foron dirixidas polos máis grandes da súa xeración, desde Joseph L. Mankiewicz ata John Huston. Dada a intensidade das tramas e a riqueza dos seus personaxes, estas adaptacións foron moi propicias para que actores de calidade lucisen o seu talento interpretativo.

Elia Kazan dirixiu en 1951 a primeira adaptación ao cine dunha obra de Williams, Un tranvía chamado desexo, interpretada por Marlon Brando e Vivien Leigh, que se conta entre as mellores das baseadas en textos do dramaturgo. Daniel Mann levou ao cine A rosa tatuada en 1955, con Anna Magnani, nun papel escrito expresamente para ela que lle deu varios premios de interpretación (Óscar incluído), e Burt Lancaster. Richard Brooks adaptou A gata sobre o tellado de zinc en 1958, con Elizabeth Taylor e Paul Newman como protagonistas, unha das películas de referencia obrigada se falamos das obras do xenial Tennessee na pantalla. E o mesmo Brooks dirixiu en 1962 Doce paxaro de mocidade, na que repite Newman e coa excepcional Geraldine Page recreando eses ambientes entre sórdidos e claustrofóbicos que caracterizan as obras de Tennessee Williams. Mankiewicz estreou en 1959 De súpeto o último verán, cunha repartición estelar, como sucede en moitas películas baseadas en Williams: Elizabeth Taylor, Katharine Hepburn e Montgomery Clift. Converteuse desde entón nunha das mellores, se non a mellor, translacións da súa obra á gran pantalla.

En 1961, Vivien Leigh repetiu con obra de Tennessee Williams acompañada por un xuvenil Warren Beatty en A primavera romana da Sra. Stone, dirixida por José Quintero. Talvez non suficientemente valorada no seu momento, a pesar de que gozou de gran popularidade. Cabe mencionar tamén a espléndida e escura versión que dirixiu John Huston en 1964 de A noite da iguana, con Richard Burton, Ava Gardner, Deborah Kerr e Sue Lyon, cuxa acción transcorre en México. Outros títulos, non tan recordados pero que merecen unha revisión, son: Verán e fume, de Peter Glenville (1961), cunha das grandes interpretacións de Geraldine Page, e Propiedade condenada (1966), de Sydney Pollack, con Robert Redford e Natalie Wood.

A partir de 1970, as obras de Tennessee Williams leváronse máis á pequena pantalla que ao cine, pero aínda atopamos unha interesante adaptación de O zoo de cristal (1987) dirixida por Paul Newman, con Joanne Woodward, John Malkovich e Karen Allen, rodada para a gran pantalla.