A voltas co «brexit»

Avances, escollos e nerviosismo nas relacións entre o Reino Unido e a Unión Europea para formalizar un acordo antes de que remate o prazo establecido

Son moitos os ingleses que reclaman un segundo referendo sobre a desconexión
Son moitos os ingleses que reclaman un segundo referendo sobre a desconexión

Cando se abriu oficialmente o proceso de retirada do Reino Unido da Unión Europea mediante a solicitude de activación do artigo 50 do Tratado de Lisboa, o 29 de marzo de 2017, empezou a contar o prazo de dous anos establecido para chegar a un acordo entre ambas as partes que regulase as condicións nas que se procedería a esta retirada. O prazo está a chegar ao seu final, e non se acadou aínda un acordo. Avanzouse en moitos aspectos, pero atopáronse tamén escollos que parecen insalvables e o nerviosismo parece incrementarse, sobre todo entre a poboación británica, cada día máis enfrontada con este tema. O que se presentou á sociedade como unha oportunidade de mellorar a xestión dos seus intereses e servizos, recuperando toda a súa soberanía e aforrando toda a súa achega económica a Europa, revelouse que non era tan sinxelo e que pode ter graves consecuencias para a saúde económica e o benestar dos seus cidadáns. Chegamos ata este punto despois de percorrer este camiño.

 

CRONOLOXÍA

ANO 2013

23 de xaneiro. O primeiro ministro inglés David Cameron promete convocar un referendo sobre a permanencia do Reino Unido na Unión Europea se gaña as eleccións do ano 2015.

 

 

ANO 2015

7 de maio. Cameron gaña con maioría absoluta dos conservadores as eleccións xerais.

 

8 de setembro. O Parlamento aproba a lei que autoriza a convocatoria do referendo da permanencia na UE.

 

 

ANO 2016

20 de febreiro. Cameron anuncia que o referendo se celebrará o 23 de xuño e informa de que o Goberno defenderá a continuidade en Europa.

 

23 de xuño. Celébrase o referendo e gañan por sorpresa os partidarios do brexit co 51,9 % dos votos. Cameron anuncia a súa dimisión.

 

 

11 de xullo. Theresa May é elixida como sucesora de Cameron á fronte do Partido Conservador.

 

13 de xullo. Cameron formaliza a súa dimisión e a raíña Isabel II convoca a May para que forme Goberno.

 

27 de xullo. A UE nomea ao exministro francés Michel Barnier o seu negociador.

 

 

ANO 2017

17 de xaneiro. May anuncia que o brexit inclúe a saída da unión aduaneira e do mercado único, o que veu en denominarse brexit duro.

 

 

 

24 de xaneiro. O Tribunal Supremo do Reino Unido determina que se necesita a autorización previa do Parlamento para consumar a saída da UE.

 

13 de marzo. O Parlamento aproba a lei do brexit, segundo a cal pode vetar o acordo que o Goberno acade sobre as condicións e as futuras relacións entre o Reino Unido e a UE.

 

 

16 de marzo. A raíña Isabel II sanciona a nova lei e deste xeito o proceso de saída queda listo para ser activado.

 

29 de marzo. O Reino Unido activa en Bruxelas o artigo 50 do Tratado de Lisboa. Empezan as negociacións. O proceso deberá concluír antes do 30 de marzo do 2019.

 

16 de abril. May convoca eleccións xerais pensando que ampliará a súa maioría e así terá maior respaldo nas negociacións .

 

15 de maio. O Parlamento escocés nega o seu consentimento á aprobación da lei do brexit.

 

 

8 de xuño. Os conservadores perden a maioría absoluta nas eleccións. May vese obrigada a pactar cos unionistas de Irlanda do Norte para gobernar e queda moi debilitada.

 

19 de xuño. Comeza a primeira rolda de negociacións.

 

8 de decembro. Hai un primeiro acordo: o Goberno británico acepta as condicións que impón a UE respecto da indemnización económica que ha de pagar o Reino Unido como garantía dos dereitos dos cidadáns europeos residentes no seu territorio e sobre a necesidade de chegar a un pacto sobre a fronteira entre Irlanda do Norte e a República de Irlanda.

 

15 de decembro. O Consello de Europa dá luz verde para a segunda rolda de negociacións.

 

 

ANO 2018

19 de marzo. Chégase a un acordo provisional para establecer un período de transición tras o 30 de marzo de 2019: o Reino Unido non será xa membro da UE nin tomará parte en deliberacións nin na toma de decisións. A prórroga establécese só para o seu mantemento na unión aduaneira e o mercado único. Chegará ata o 1 de decembro de 2020.

 

9 de xuño. O negociador europeo, Michel Barnier, rexeita a proposta de May sobre a fronteira de Irlanda.

 

17 de outubro. As negociacións non avanzan, os escollos parecen insuperables. O Consello Europeo renova a súa plena confianza no seu negociador, Michel Barnier, e constata que non se lograron avances nas negociacións. Remite a unha convocatoria posterior do Consello Europeo cando Barnier informe de que se progresou no acordo de forma decisiva.

 

20 de outubro. Máis de 600.000 persoas manifestáronse no centro de Londres para esixir un segundo referendo sobre o brexit.

 

 

ACTIVIDADES

A1. O tema vai seguir estando nas noticias de cada día. Facede un seguimento deste proceso e ide engadindo datas importantes na cronoloxía que vos presentamos. Tedes outra oficial da UE na seguinte web:

  • https://www.consilium.europa.eu/en/brexit/.

O proceso terá que terminar dun modo ou doutro.

A2. A idea de repetir o referendo vénse abrindo paso desde hai tempo entre algúns cidadáns británicos. Os políticos conservadores oponse a ela. Os laboristas tampouco se mostran moi proclives, aínda que parecen máis condescendentes. Facede un seguimento dela na prensa e os medios de comunicación.

Asuntos que quedan por resolver

A estas alturas non sabemos se se chegará ou non a un acordo. Se non se acada, xerarase un envurullo xurídico sen precedentes. Os escollos máis importantes son os seguintes:

  • Definir a fronteira entre Irlanda do Norte e a República de Irlanda. Establecer unha fronteira formal, con aduanas, control de pasaportes e mercancías, pagamento de aranceis, etcétera chocaría cos acordos de paz alcanzados no Pacto de Venres Santo ou Pacto de Stormont, o cal crearía unha situación moi perigosa na zona.
  • Escocia esixe un novo referendo de independencia e o seu Parlamento non está de acordo co brexit.
  • O futuro status das relacións do Reino Unido coa UE representa un problema porque Londres quere manterse no mercado único e a unión aduaneira do xeito máis completo posible, pero non quere aceptar a mobilidade de persoas e capitais entre todos os países pertencentes á Unión. Esta condición é absolutamente ineludible para Bruxelas. Londres quere evitar as duras e estar ás maduras.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A voltas co «brexit»