Cal é o teu espazo natural preferido

Xunto ás nosas grandes cidades e pobos hai moitos máis lugares naturais dos que imaxinamos aos que ir ao encontro de todo tipo de sensacións

lgúns van e veñen sempre que poden pola beira da praia, onde tamén podes atopar o teu espazo preferido
lgúns van e veñen sempre que poden pola beira da praia, onde tamén podes atopar o teu espazo preferido

Seguro que tes a túa canción preferida, a túa cor preferida, o teu momento do día preferido, o teu libro preferido, a túa película preferida, a túa comida preferida... Pero ¿tes o teu espazo natural preferido?

O certo é que a terceira parte de quen vivimos en Galicia concentrámonos nas sete grandes cidades desta comunidade, e outro terzo facémolo en poboacións de máis de 10.000 habitantes. Só o 30 % restante vivimos verdadeiramente preto de lugares naturais aos que acudir a pasear cando necesitamos un bo intre de desconexión de espazos pechados, pantallas, chans sempre chairos e duros, aglomeracións, tráfico, o acoso da publicidade...

Esa desconexión é moito máis indispensable do que imaxinamos. Como comentamos moitas veces nestas páxinas, son xa lexión os psicólogos e pediatras que recomendan os paseos pola natureza observando a flora e a fauna como terapia ideal contra o tipo de trastornos que nos provoca, sen que moitas veces nos decatemos, o exceso de vida urbana.

Por iso en cada vez máis países desenvolvidos as autoridades municipais comezan a crear espazos para este fin. Así como hai unhas décadas construíronse campos de fútbol, polideportivos ou piscinas, para que as xentes de todas as idades puidesen facer deporte, hoxe identificouse ademais a necesidade de dotar ás poboacións de lugares naturais nos que facer exercicio non só coas pernas, senón tamén coa vista, o oído, o olfacto, o tacto e as emocións. E é que pasear con tranquilidade por un bosque, á beira dun río ou dunha marisma, pola ladeira dun monte ou polos camiños da nosa campiña, contemplando ou observando aves, flores ou nubes, é un tipo de experiencia que non se parece a ningunha de cantas nos poida ofrecer a cidade.

Quen o practica con frecuencia termina por identificar en que lugar natural se sente de xeito máis especial cando pasea, ou cando senta nel simplemente a mirar e escoitar. Un lugar que ademais di moito de cada persoa, da súa forma de ser. Así, hai quen prefire empolicarse no alto dun cantil os días nos que o mar está máis levantado. E a quen en cambio o que máis lle gusta é subir a unha montaña en especial. Quen ten no corazón de certo bosque o seu mellor lugar para sentarse a ler. E quen sempre que pode vai e vén pola beira dunha praia longa e salvaxe.

LUGARES PRÓXIMOS

Claro que non todos temos a sorte de vivir preto de lugares como eses. Pero si de vivir en Galicia. Porque xunto das nosas grandes cidades e pobos hai moitos máis lugares naturais dos que imaxinamos aos que ir ao encontro do tipo de sensacións e ideas que só nos brotan en ámbitos así.

Coñeces todos os que hai preto de onde vives? E deles, cal é o teu preferido? E o da túa familia, amigos...? Hai grandes diferenzas? E por que? Que fai que vos gusten tipos de paisaxes tan diferentes?

Ademais, para que outros seres vivos son tan especiais eses lugares? Que especies de flora e fauna son as que che atopas máis a miúdo alí? Recorda sempre que son elas as que configuran ese sitio: as súas cores, formas, sons... Sen elas, non te sentirías desa forma tan especial cada vez que visitas ese fogar seu.

A natureza é saúde

Hai unhas semanas a axencia pública de saúde de Escocia, equivalente á Consellería de Sanidade de Galicia, anunciou que asinara un acordo cos responsables dos espazos naturais daquela rexión para comezar a receitar aos seus pacientes paseos pola natureza. De agora en diante, os médicos escoceses xa poden considerar a natureza como medicamento para persoas afectadas de diferentes patoloxías. Este tratamento, sinalado por prescrición facultativa, facilitará aos enfermos o acceso en condicións especiais a eses lugares.

Tamén o sector dos seguros comezou a prestar atención ás camiñadas pola natureza como ferramenta coa que combater moitas doenzas derivadas do exceso de vida urbana. Un bo exemplo é DKV Seguros. Hai uns meses fixo público un documento moi completo acerca do que en Xapón se deu en chamar bosques saudables, e que non é outra cousa que a prescrición, por parte dos médicos, de paseos polos bosques.

  • Pódelo descargar aquí: https://bit.ly/2JrD2OH

Unha web para aprender natureza

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) vén de presentar unha nova páxina web que aspira a recoller todos os lugares naturais de interese pedagóxico de España. O seu obxectivo é facilitar a educadores, familias, xestores, etcétera un atlas dixital deste tipo de espazos, a fin de dalos a coñecer e facilitar o seu uso responsable e sostible como recursos formativos ao aire libre. E que sexan eses mesmos usuarios quen incorporen aos poucos nova información, a través das súas propostas.

A web www.aprendenaturaleza.org ten formato de catálogo xeográfico. A través tanto do seu mapa interactivo como da súa base de datos pódese explorar que sitios ricos en biodiversidade de cada comunidade autónoma acollen recursos adecuados e suficientes para desenvolver actividades destinadas a fomentar a curiosidade, o coñecemento, o respecto e o aprecio pola natureza. A propia web explica que características deben reunir eses lugares para ser incluídos no catálogo. Tamén quen pode achegar propostas de novos sitios.

Isto último é moi importante, porque a vocación de www.aprendenaturaleza.org é funcionar como unha ferramenta participativa, na que todo tipo de entidades públicas e privadas, incluídas asociacións, Administracións, empresas, centros educativos, etcétera poidan achegar máis e máis lugares.

Son moitos os recunchos da nosa natureza ideais para que grupos de pequenos, e tamén de maiores, gocen de paisaxes, flora e fauna sen que iso supoña un impacto nos seus hábitats e especies. Moitas veces, cando valoramos organizar unha excursión ao aire libre pensamos en espazos naturais protexidos, sen ter en conta que talvez non lonxe de onde vivimos e estudamos existen lugares estupendos para observar moitas cousas. Por exemplo, no interior e os arredores de cidades e pobos. De feito, hai tantos sitios deste tipo repartidos polo territorio, que a información sobre eles termina por estar moi dispersa. Este catálogo pretende reunila en forma de mapa dixital de fácil uso.

COMO COLABORAR

Pero para iso é necesario que todos acheguemos as nosas propostas. Se es profe, responsable dun centro educativo ou de educación ambiental, ou traballas nunha Administración que coordina actividades na natureza, seguro que coñeces máis dun lugar natural de interese pedagóxico que debería estar nun catálogo como este. Un lugar no que os nenos, e tamén mozos e adultos, poidan gozar da natureza á vez que a comprenden mellor. É dicir, unha escola ao aire libre de enorme valor para construír o tipo de cidadán sensible, comprometido e responsable que cada vez esixe máis o futuro.

A web www.aprendenaturaleza.org foi desenvolvida co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica del Gobierno de España.

«Os últimos nenos no bosque»

Un libro recentemente editado en castelán explica de forma moi sinxela a importancia para os nenos do contacto permanente coa natureza. É Os últimos nenos no bosque, co que o autor norteamericano Richard Louv logrou un inesperado éxito de vendas no seu país. E sobre todo conseguiu chamar a atención de pais e educadores acerca das consecuencias dese afastamento da natureza para os máis pequenos: un conxunto de doenzas físicas, intelectuais e emocionais que el mesmo denominou, no seu conxunto, trastorno por déficit de natureza. Entre elas cita, por exemplo, a obesidade epidémica, o trastorno por déficit de atención, o illamento ou a depresión infantil.

  • Máis información sobre o libro, aquí: https://bit.ly/2JrD2OH

actividades

Facer un atlas dos lugares naturais máis próximos. Facédevos a clase cun mapa do voso municipio ou comarca e localizade nel os lugares naturais máis próximos ao centro educativo. Que ecosistemas os integran? Cal é a súa superficie? Están ben conservados? A que distancia están de vós? E entre si? Chégase ata eles con comodidade camiñando ou en bicicleta? Parécenvos suficientes ou quereriades ter máis? Por que, e de que tipo? Que propostas enviariades ao voso concello neste sentido?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Cal é o teu espazo natural preferido