Medio século defendendo o mar dende o Oceanográfico da Coruña

>Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Santiago Parra, director do Oceanográfico, diante do Lura
Santiago Parra, director do Oceanográfico, diante do Lura MARCOS MIGUEZ

O centro de investigación da cidade herculina celebra os seus primeiros 50 anos de existencia implicándose con colexios, institutos e cidadáns

31 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A oceanografía está ocupando primeiras páxinas. Sylvia Earle, a gran descubridora dos segredos do interior dos océanos, recolleu hai uns días en Oviedo o premio Princesa de Asturias á Concordia. Tamén na Coruña hai case 70 persoas traballando nesa disciplina. Dende fóra, o seu edificio, o Centro Oceanográfico da Coruña, segue tendo un aspecto impoluto. Dentro, un lique colonizou o teito de formigón e deixouno todo negro, algo no que se está traballando agora mesmo para ver de eliminalo, aproveitando quizais unhas melloras previstas. Pero en conxunto trátase dun organismo que cumpre medio século de vida cun aspecto inmellorable e unha dinámica interna que non hai quen a pare. Para sermos exactos, o que está de aniversario é a presenza na cidade dese organismo centenario, e ademais o edificio é de 1974: antes da súa construción o Oceanográfico estaba no peirao de Linares Rivas. Pero ademais a celebración faise poñendo o punto de mira nas escolas, sobre todo nos institutos, e nos cidadáns en xeral. O madrileño Santiago Parra é o seu director dende hai case dez anos.

-De que actividade están máis contentos?

-En maio tivemos atracado aquí o barco oceanográfico Ramón Margalef, que é unha ferramenta de traballo nosa. Todo tipo de grupos e coles o visitaron, e ensinámoslles a tecnoloxía que usamos.

-E se foi un éxito, non o van repetir?

-Si, o 21 de novembro, e estaremos na Costa da Morte, en Corme. Xa temos concertadas visitas de institutos toda a mañá de cinco concellos e pola tarde das confrarías.

-Van aos centros de ensino ou os seus estudantes veñen aquí?

-Ambas as dúas cousas. Unha ou dúas veces ao mes veñen por aquí, e nós imos aos centros a falar. Tamén organizamos tres talleres no Muncyt (Museo Nacional de Ciencia y Tecnología) e outros tres no Aquarium desta cidade.

-Xa que o cita, como son as súas relacións co Aquarium?

-Excelentes, colaboramos moito, teñen un equipo humano fantástico. Eles fan un 95 % ou 99 % de divulgación e un pouco de investigación, e nós ao contrario. Así que non somos competencia para nada, somos complementarios.

-E a xente non os confunde?

-Ah, si, iso moitas veces!

-Explícanlles aos estudantes que os océanos se esgotan?

-Explicamos que hai que buscar sempre o equilibrio na pesca para que iso non suceda.

-Sylvia Earle dixo que non consome peixe para respectar os océanos. E vostede?

-Ela ten un coñecemento de todo o mundo que eu non teño, sabe moi ben como están as pesqueiras por exemplo no Índico, onde nós non traballamos, pero si, eu como peixe, pero todo legal, non crías.

-E por que o polbo está tan caro?

-Que piden os turistas cando veñen aquí? Polbo á feira. Por iso non chega todo o polbo galego e vén de fóra. Ademais, é un animal que ten ciclos.

 

 

> ENTREVISTA | Joaquín Valencia, técnico de investigación

 «Para encontrar utilidade a algo hai que partir da ciencia básica»

Joaquín Valencia, coruñés, leva dende 1999 no Oceanográfico da súa cidade natal, se ben hai anos interrompeu a súa estadía por razóns laborais. Está moi directamente implicado en divulgar nos centros educativos o traballo que fan dende o organismo.

-Supoña que un deses rapaces que veñen ver isto lle di que por que hai que gastar cartos públicos en andar estudando correntes ou a anatomía dos peixes. Que lle respondería?

-Se cadra, parécelle isto aburrido, pero entón falaríalle de antitumorais.

-Iso xa son medicamentos para casos graves!

-Si, pero algunhas investigacións que facemos teñen que ver co desenvolvemento de antitumorais, porque para encontrar utilidade a isto ou a calquera outra cousa hai que partir da ciencia básica. Necesitamos a información sobre onde vive unha determinada especie, por que está aí. E logo é posible que algunha sexa útil noutro campo.

-E as xornadas de portas abertas?

-Son en maio ou en xuño, un éxito. Este ano recibimos unhas mil persoas. E tamén en maio imos sempre ao Día da Ciencia na Rúa, e aí estamos cunha tenda no parque de Santa Margarita.

A maior ponte do mundo deteriora o fondo mariño

O pasado día 23 China inaugurou a ponte máis longa do mundo: 54,4 km. E como toda macroobra é unha agresión ao medio ambiente. Neste caso, ao mar. Non só o fondo mariño sufriu unha modificación da que se vai repoñer unicamente en parte, senón que ademais as correntes variarán a partir de agora. Iso causa preocupación entre os científicos que traballan nese eido. Non nos chineses, porque a liberdade de expresión non existe nese país e calquera discrepancia é sancionada con cárcere e perda do emprego, pero si en Occidente.

Santiago Parra, o director do Oceanográfico da Coruña, fala de que colegas seus «están preocupados polo impacto que esa ponte poida ter sobre a circulación e o hábitat dos golfiños brancos», que é unha especie moi ameazada. Porque que é unha agresión ao medio ambiente queda claro nas cifras: nese pequeno espazo do océano colocáronse 420.000 toneladas de aceiro e 108 millóns de metros cúbicos de cemento.

actividades

O Oceanográfico está aberto a todos os centros. Así podes contactar se queres ir aló ou que vaia un técnico ao teu centro:teléfono: 981 205 362

correo: ieo.coruna@ieo.es

 Sylvia Earle (aquí tes unha entrevista con ela: is.gd/7BXTZe) pasou 7.000 horas baixo a auga. Cantos minutos son? Cantos pasaches ti mergullándote?

Para o segundo domingo de maio, que é cando se celebra na Coruña a gran festa do Día da Ciencia na Rúa, aínda falta moito. Pero anota na túa axenda: visitar a tenda do Oceanográfico.

Para que serven os antitumorais?

Na web de Prensa-Escuela tratamos amplamente (is.gd/IUA1Gt) e con moitas ligazóns o da ponte máis longa do mundo, e mesmo hai unha proposta de actividades para desenvolver na aula.