Unha colaboración InspiraTICs

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

No anterior encontro houbo «mindfulness» e «escape room»
No anterior encontro houbo «mindfulness» e «escape room» ANGEL MANSO

24 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Construír xuntos, aprender xuntos. O co-working educativo está detrás das prácticas máis exitosas nas aulas, porque a aprendizaxe de forma colaborativa é un xeito excelente de integrar a todos os alumnos por singulares que sexan, de sacar o mellor de cada un e de multiplicar o talento.

Por iso mañá pola tarde será protagonista esta forma de aprender. Serao no 13.º Encontro InspiraTICs, o foro de formación entre iguais que organiza a Plataforma Proxecta, o espazo de educación da Fundación Amancio Ortega e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. A cita será ás 15.30 horas en ExpoCoruña e as encargadas de dirixir as actividades son dúas persoas moi recoñecidas neste ámbito: Mónica Cantón de Celis e Carlos Magro.

Cantón de Celis é chief executive officer (CEO) de Design for Change Global e colaboradora da Facultade de Educación da Universidade de León. Design for Change é unha organización internacional que pretende inculcar aos nenos os principios da innovación, o emprendemento social, os valores e as intelixencias múltiples. A idea é que os alumnos decidan intervir na súa contorna para cambiar as cousas, á vez que investigan e aprenden aspectos fundamentais do currículo académico.

Pola súa banda, Carlos Magro é vicepresidente da Asociación Educación Aberta e blogueiro (carlosmagro.wordpress.com). É consultor en estratexia dixital en educación. Entende que innovar é «saber adaptarnos á contorna, e a nosa é moi cambiante», e iso é algo máis que aplicar a tecnoloxía na aula. Para Magro, é repensar as didácticas e metodoloxías da educación, incluso a propia organización e o espazo educativo.

Na xornada tamén se entregarán os premios aos gañadores do V Concurso Proxecta Innovación.