Fernando Pessoa, poesía sen andrómenas

Neste 2018-19, desde La Voz de la Escuela seguiremos repasando, cunha periodicidade mensual, os grandes escritores da literatura universal, para dar continuidade ao comezado en cursos anteriores. Coa excepción de que este ano non nos limitaremos á divulgación só de grandes novelistas, senón que atenderemos tamén a grandes figuras doutros xéneros literarios, como a poesía e o teatro, que acadaron importancia e transcendencia nas letras de todo o mundo.

Estatua de Pessoa fronte a cafetería A Brasileira
Estatua de Pessoa fronte a cafetería A Brasileira

O grande poeta portugués Fernando Pessoa está hoxe considerado un dos máis interesantes e enigmáticos do mundo. Dedicou a súa vida a escribir poesía, que era para el o máis importante. Traballar como tradutor de inglés nalgúns despachos comerciais de Lisboa, tecleando nunha vella máquina a correspondencia mercantil, era só un xeito de gañarse o sustento para poder escribir. Cunhas lentes redondas, un fino bigote, un papel sempre dobrado en catro no peto e un cigarro na boca -foi un empedernido fumador-, Pessoa sentábase no histórico bar A Brasileira, no barrio de Chiado, en Lisboa, e comezaba a crear. Primeiro, cal das súas múltiples personalidades era a que ía escribir. Logo, as palabras que se debuxaban soas segundo o personaxe que escribía. Porque, a cada un dos personaxes ou heterónimos que creou, Pessoa, fanático do ocultismo, dotouno de corpo e alma. Actualmente, é considerado un dos poetas máis brillantes do mundo e un personaxe que segue vivo grazas á vasta obra que deixou.

 

ASCENDENCIA GALEGA

Fernando Pessoa naceu en Lisboa, no número 4 do largo de San Carlos, o 13 de xuño de 1888 (o mesmo día, festividade de Santo Antonio, pero 22 anos antes, que Gonzalo Torrente Ballester, detalle que adoitaba recordar o escritor ferrolán, gran admirador do poeta portugués). Na súa familia paterna abundaban os militares e xurisconsultos, con ascendencia xudía e en clara descendencia económica. Segundo investigacións recentes do profesor Carlos Quiroga, o tataravó de Pessoa, Caetano Dionísio, era natural do concello galego de Outes, lugar onde casara e se instalara xa o seu pai, que, á súa vez, era do veciño concello de Negreira -e na miña vila sen decatarnos!-. Ao morrer Caetano Dionísio, a súa esposa e o seu fillo, bisavó de Pessoa, emigraron a Portugal. Así que, a partir de agora, podemos presumir da ascendencia galega deste gran poeta portugués.

 

UN NENO FRÁXIL DE ROBUSTA IMAXINACIÓN

Fernando Pessoa foi un neno de saúde fráxil, pero de robusta imaxinación. Debido aos seus achaques infantís, pasou meses en cama en convalecencias suaves, que lle permitían inventarse personaxes imaxinarios cos que falaba e discutía das súas cousas de neno. Pola súa saúde precaria era o centro de atención da avoa e da nai, o que o converteu nun neno consentido e especial. Ese paraíso infantil durou ata que, con 5 anos, morreu o seu pai e pouco tempo despois no seu fogar apareceu outro home: o comandante João Miguel Rosa, cónsul de Portugal en Durban, Suráfrica, que casou coa viúva e levou á esposa e ao pequeno Fernando a aquel país, aínda colonia inglesa, onde o neno foi educado na high school desa cidade. A súa educación foi británica e en inglés. Afeccionouse moi pronto á lectura, e os autores que foron gañando as súas querenzas foron Shakespeare, Edgar Allan Poe, lord Byron, Keats, Shelley… En vida publicou moi pouco, pero todo o que deu á luz, excepto o libro Mensagem, estaba escrito en inglés.

O mozo deu sempre mostras dunha grande intelixencia e coa idade correspondente ingresou na Universidade de Cidade do Cabo, onde cursou o primeiro ano de carreira. Pero en 1905 regresou a Lisboa coa súa familia (nai, padrasto e catro fillos que este tivo coa súa nai), para xa non volver a África cando estes terminaron as súas vacacións e regresaron alá.

O mozo Fernando queda en casa da súa avoa materna, Dionísia, e con dúas tías. Matricúlase na Facultade de Letras da Universidade de Lisboa, pero abandónaa sen acabar o primeiro curso porque non respondía ás súas altas expectativas intelectuais. En 1907 morre a súa avoa, que lle deixa unha pequena herdanza. Emprega ese diñeiro nunha modesta imprenta que moi pronto dará quebra. Empeza unha vida bohemia e solitaria, con longos paseos por Lisboa, longas paradas no café A Brasileira, onde lía e escribía os primeiros poemas simbolistas e modernistas. Tamén bebía: a augardente alimentaba o seu espírito e contrarrestaba a súa soidade existencial.

Foi entón cando empezou a traballar nunha oficina comercial como tradutor de inglés, que será xa o traballo do que viviría toda a súa vida, coas estreitezas correspondentes a unha profesión mal pagada. Cando tiña 31 anos, estableceu relación con Ofelia, unha mecanógrafa da oficina de 19. Máis que intentar namorala, intentaba el namorarse dela, pero nunca o logrou, ou polo menos ese foi o seu autoconvencemento. Escribíalle cartas obsesivas, pero unhas reflectían o pensamento de Ricardo Reis e outras o de Alberto Caeiro (dous dos seus heterónimos), co que Ofelia nunca sabía o que pensaba realmente Fernando Pessoa. Despois dun ano desta relación desconcertante, de tantos suspiros epistolares e de tantos paseos castos polas beiras do Texo, cando a moza se atreveu a falarlle de casar, Pessoa contestoulle cun poema no que lle propón: «Amémonos tranquilamente, pensando que poderiamos, / se quixésemos, cambiar bicos e abrazos e caricias, / pero que máis vale estar sentados un xunto ao outro / oíndo correr o río e véndoo». Polas cartas que lle escribía a Ofelia, e que ela conservou, pódese deducir que Pessoa era un home que tendía á introspección e a vivir encerrado en si mesmo, cunha sensibilidade moi elevada e unha visión da vida moi pesimista, e que a súa relación coas mulleres situábase máis no ámbito romántico que no real e común a todas as parellas.

Os heterónimos

O poeta e crítico brasileiro Frederico Barbosa di que Fernando Pessoa foi «o enigma em pessoa», co dobre sentido de ‘enigma en Pessoa’ e ‘enigma en persoa’: en portugués, persoa dise pessoa. «O poeta é un finxidor. / Finxe tan completamente / que chega a finxir que é dor / a dor que de verdade sente» (Fernando Pessoa / Bernardo Soares: Autopsicografía, publicado o 1 de abril de 1931).

Considérase que a gran creación estética de Pessoa foi a invención dos heterónimos, que son personalidades poéticas completas. Poderíase dicir que o autor verdadeiro se parapeta tras eses autores inventados. Pero a cada un dótao dunha biografía completa que se vai revelando como verdadeira a través do que escribe á marxe do autor real.

Os heterónimos máis coñecidos (e tamén os que teñen maior obra poética) foron Álvaro de Campos, Ricardo Reis e Alberto Caeiro. A obra ortónima (é dicir, a escrita baixo o nome do escritor que crea heterónimos) de Fernando Pessoa pasou por diversas fases, desde un certo aire mítico ata un compoñente tráxico, sempre cun fondo filosófico e escéptico. En todo caso, nela foinos dando unha visión múltiple da vida (de aí nacerá a creación de tantos heterónimos), dentro dunha escola simbolista e modernista, pero marcada sempre por unha carga de insatisfacción e desasosego. A súa principal obra poética, asinada por el como Fernando Pessoa, é Mensagem, o único libro que viu publicado en vida. O propio autor expuxo o seu canon estilístico: «Dicir o que se sente exactamente como se sente ?con claridade, se é claro; escuramente, se é escuro; confusamente, se é confuso?; comprender que a gramática é un instrumento, non unha lei».

Álvaro de Campos. É, entre todos os heterónimos, o que está máis próximo ao xeito de sentir e de canalizar a creación poética que asinou Pessoa co seu propio nome. A súa poesía é emocionalmente tan intensa e variada como a do seu creador. Hai tamén un compoñente común no encomio da vida urbana, así como no queixume nostálxico do baleiro que acaba sentíndose ao atopar a soidade entre a multitude de xente que nos rodea. De Campos é o que mellor se identifica co problema da identidade que sempre angustiou a Pessoa. Non logrou nunca saber quen era, nin sequera cal sería a súa identidade ideal.

Alberto Caeiro. Está considerado, incluso polo propio autor, como o mestre dos restantes. A súa biografía é a dun campesiño sen estudos académicos, pero cun natural sentido filosófico. Escribiu soamente poesía, porque estaba convencido de que só esta podía expresar verazmente a realidade.

Ricardo Reis. Pessoa defíneo como latinista e monárquico. De feito, trasladouse ao Brasil cando en Portugal se proclamou a República. Por iso non se sabe o ano da súa morte. É o prototipo do intelectual latinista e clásico, sempre ponderado, con trazos epicúreos e estoicos que evocan a Horacio e cun ton bucólico que recorda a Virxilio. E tampouco coñecemos a data da súa morte, o que deu pé á obra de José Saramago O ano da morte de Ricardo Reis.

Bernardo Soares. De grande importancia na obra de Pessoa foi autor do Livro do desassossego, unha das obras importantes do século XX. Bernardo é considerado un semiheterónimo por ter moitas semellanzas co ortónimo e non posuír unha personalidade moi característica. 

«Minha pátria é a língua portuguesa»

Escribir era a súa dedicación completa e a auténtica razón para vivir. Parafraseando o lema da Liga Hanseática, «Navigare necesse est, vivere non necesse» (navegar é necesario, pero vivir non o é), Pessoa di no poema Navegar é preciso: «Viver não é necessário, o que é necessário é criar» (vivir non é necesario, o que é necesario é crear). Escribiu ata o seu mesmo leito de morte. Tiña un interese esencialmente intelectual, e pódese dicir que a súa vida foi unha constante divulgación da lingua portuguesa, como moi ben indican as palabras do seu heterónimo Bernardo Soares: «Minha pátria é a língua portuguesa».

Escribía, nuns papeis engurrados que levaba sempre nos petos da chaqueta, onde lle pillase a inspiración: no traballo naqueles despachos comerciais, no café cunha copa de augardente diante, nun banco da rúa, en casa, a calquera hora do día ou da noite. Despois, metía eses papeis nun arcaz de madeira, sen preocuparse máis deles. Sempre tivo a ilusión de publicar a súa obra, pero nunca puido levala a cabo. Ao final, cando soñaba aínda con facelo, sufriu un cólico hepático. E o seu fígado, castigado polos excesos da augardente, deixou de funcionar a pesar dos esforzos dos médicos do hospital de San Luís dos Franceses, onde morreu o 30 de novembro de 1935. «Dádeme as lentes», foron as súas últimas palabras. E tiveron que pasar anos ata que alguén abriu ese vello arcaz e descubriu o tesouro literario que había dentro. Aínda hoxe quedan textos de Pessoa sen publicar.

LISBOA NA SÚA PROSA

Aínda que á fronte do Libro do desasosego figura o nome de Pessoa, sabemos que o escribiron dous heterónimos: Vicente Guedes e Bernardo Soares. Escrito en prosa ao longo de 25 anos, ten forma de diario íntimo no que o escritor envorca toda a súa vida sen andrómenas nin disimulos, por iso fai responsables do que conta aos seus heterónimos.

O Libro do desasosego acabou convertido tamén no gran diario de Lisboa: a cosmopolita e provinciana, a dos pobres homes, poetas, barbeiros, empregados ou rendeiros que teñen, como el, «o seu futuro no seu pasado».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Fernando Pessoa, poesía sen andrómenas