O Nobel de Física ve a luz

Este ano a Real Academia das Ciencias de Suecia premiou co Nobel de Física as investigacións para converter a luz láser nunha poderosa ferramenta con múltiples aplicacións prácticas. A metade do premio corresponde ao norteamericano Arthur Ashkin, pola invención dunhas pinzas de luz coas que hoxe podemos penetrar no interior dunha célula e manipular os seus compoñentes sen causarlle dano ningún. A outra metade repártena o francés Gérard Mourou e a canadense Donna Strickland, polo seu método para crear pulsos de luz de grande intensidade e curtísima duración que hoxe utilizan os cirurxiáns para corrixir a miopía a millóns de persoas cada ano.

Os tres premiados co Nobel de Física no 2018, o estadounidense Arthur Ashkin, o francés Gerard Mourou e a canadense Donna Strickland2018
Os tres premiados co Nobel de Física no 2018, o estadounidense Arthur Ashkin, o francés Gerard Mourou e a canadense Donna Strickland2018

O lento camiño cara á igualdade

Ata o ano pasado, nos seus 116 anos de historia os comités do Nobel premiaran a dúas mulleres e 205 homes na categoría de Física, a catro mulleres e 174 homes na de Química e a 12 mulleres e 202 homes na de Medicina. Estas diferenzas pódense explicar, polo menos en parte, pola presenza limitada de mulleres nestas disciplinas durante boa parte do século XX. O Nobel non é un premio especialmente ousado, e adoita recoñecer descubrimentos que tiveron tempo de ser probados minuciosamente e demostrar o seu impacto na historia da ciencia. Por iso, ata hai pouco os comités estaban a premiar investigacións realizadas en tempos nos que aínda había poucas mulleres nos laboratorios máis punteiros.

Con todo, nos últimos anos obtiveron o premio moitos descubrimentos realizados en tempos recentes nos que as mulleres se incorporaron masivamente á práctica científica. Os argumentos históricos tampouco explican por que estes premios foron especialmente rañicas coas mulleres na categoría de Física. Sobre todo cando existe un consenso bastante amplo sobre os méritos de científicas como Jocelyn Bell Burner (que descubriu os púlsares) ou Vera Rubin, que proporcionou as probas máis contundentes da existencia da materia escura. A primeira tivo que ver como o seu titor de tese levaba inxustamente o galardón que debían ter compartido, mentres que a segunda faleceu no 2016 sen recibir o premio, a pesar de que durante anos o seu nome aparecía en todas as quinielas.

 

NON ESTABA NA WIKIPEDIA

Esta discriminación quedou en evidencia estes días cando, despois do anuncio dos Nobel, moitos curiosos dirixíronse á Wikipedia en busca de información sobre Donna Strickland. A sorpresa foi que a páxina non existía. Ademais, pronto se soubo que uns meses antes alguén intentara crear un artigo sobre esta científica na enciclopedia dixital, pero a solicitude foi denegada por un moderador que aduciu que as referencias achegadas non amosaban que o suxeito cumpría as condicións para que se lle dedicara un artigo.

 actividades

Laboratorio láser

Os punteiros láser de luz vermella son baratos e abundantes, e permítennos explorar múltiples calidades desta forma de luz que se distingue porque só ten unha cor e porque pode viaxar grandes distancias sen apenas dispersarse. Cando traballes cun destes punteiros evita apuntar directamente aos ollos, e baixo ningún concepto utilices un láser verde como o que usan algúns astrónomos, xa que son tan potentes que poden causar facilmente danos irreversibles na vista.

  •  Para empezar, enche unha botella transparente de auga ata a metade e engade un par de culleradas de maicena. Revolve ben e deixa repousar a mestura. A continuación apaga a luz do cuarto e apunta co láser ao interior da botella. Es capaz de ver o feixe de luz? Mantén a súa cor dentro do líquido? Viaxa en liña recta ou cambia de dirección nalgún momento? E se fas que o feixe entre na botella desde outro ángulo distinto da perpendicular? Que ocorre se, desde abaixo, apuntas cara á superficie de contacto entre a auga e o aire?
  •  Busca en casa un par de lentes antigas e proba a pasar o feixe de luz láser a través da lente. Atravesa o cristal? Faino sen cambiar de dirección? Hai algunha diferenza entre que o láser pase polo centro da lente ou que o faga por algún punto da periferia?
  •  Faite cunha lanterna e compara a súa luz coa do láser. Apaga as luces do cuarto e fai varias observacións que che permitan ver as similitudes e as diferenzas entre os dous tipos de luz.

 

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Nobel de Física ve a luz