O xornal volverá ás aulas en setembro

O programa Prensa-Escuela pecha outro curso no que os escolares galegos traballaron co diario na clase

.En moitos institutos de Galicia, os alumnos que participan en Prensa-Escuela empregan o xornal como unha ferramenta didáctica máis
En moitos institutos de Galicia, os alumnos que participan en Prensa-Escuela empregan o xornal como unha ferramenta didáctica máis

Cando hoxe soe o timbre nos colexios e institutos de Galicia, pecharanse milleiros de libros, pero tamén de xornais. Exemplares de La Voz que, un ano máis, o programa Prensa-Escuela levou ata as aulas para que os profesores lles sacasen o máximo partido como ferramenta didáctica. E abofé que o fixeron. Os alumnos aprenderon a ler as novas e, ao tempo, a ler a realidade que os arrodea, á que non poden nin deben vivir alleos. Aprenderon, ademais, a escribir con man e ollos de xornalista.

Por poñer só algúns exemplos, é salientable o traballo que desenvolveron os alumnos do colexio Celso Emilio Ferreiro, de Vigo, a través do programa. Neste centro, os profesores axudaron aos nenos a verbalizar o que sentiron aquel fatídico 15 de outubro, cando os incendios tomaron Galicia. Para xestionar tantas emocións empregaron as novas publicadas sobre o tema, incorporáronas ás leccións e adaptáronas a cada curso: os maiores fixeron as súas propias redaccións e os pequenos, debuxos.

En Ribadumia, os estudantes de primeiro da ESO do CPI Julia Becerra Malvar traballaron os xéneros xornalísticos na clase de lingua castelá. Analizaron, resumiron, adquiriron novo vocabulario e mesmo aproveitaron unha visita da escritora Ledicia Costas para facer as súas propias novas.

En profesionais do oficio tamén se converteron os cerca de 4.000 alumnos que este curso participaron nos certames convocados por Prensa-Escuela: o concurso Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil e o de Microrrelatos. Os máis cativos debuxaron; os non tan cativos debuxaron e contaron as novas coas súas palabras, e os máis crecidos fixeron de entrevistadores e de columnistas de opinión. Os máis creativos optaron para escribir un microrrelato de ficción a partir dunha nova publicada en www.lavozdegalicia.es. Todos eles demostraron que hai canteira para o xornalismo e a literatura do futuro en Galicia.

O programa de La Voz desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre achegou o xornal a 58.000 alumnos de 2.852 aulas e 1.481 profesores ao longo deste curso. Unhas cifras que non paran de medrar en cada edición. Con eles celebrou a Semana da Prensa ?entre o 5 e o 9 de marzo? propoñéndolles diversas actividades. A comunidade Prensa-Escuela tamén contou con todos os recursos que ofrece a web do programa (www.prensaescuela.es) e, por suposto, coas recomendación que cada mércores se fan desde as páxinas deste suplemento. Para despedir o ano escolar, sumáronse á gran festa fin de curso do programa Voz Natura, durante o cal entregáronse os premios dos certames do curso.

Os profesores aos que lles guste o que están a ler nesta páxina, que teñan en conta que na web do programa poden solicitar unha praza en Prensa-Escuela para a súa aula (ou para un máximo de cinco por docente) para o próximo curso. Tamén poden chamar ao 902 103 156 para informarse de todos os pasos a seguir para inscribirse.

En contacto coa esencia do oficio

Un curso máis, os xornalistas das distintas delegacións de La Voz visitaron as aulas para explicarlles de primeira man aos rapaces en qué consiste o seu traballo. A conmemoración da Semana da Prensa abriu o programa de charlas con xornalistas, organizadas por Prensa-Escuela.

Recibíronse case medio cento de solicitudes que foron atendidas por redactores e fotoxornalistas. Os estudantes tiveron a oportunidade de preguntar e atender as explicacións dos profesionais sobre como se elabora o xornal tanto no soporte papel como nas plataformas dixitais.

A ampla rede de delegacións e correspondencias que ten La Voz en todo o territorio galego permitiu atender todas as charlas con xornalistas de cada zona, que lles trasladaron aos pequenos a importancia de estar informados do que acontece no mundo, no seu país e no seu concello.

La Voz tamén abriu as portas da súa sede central en Arteixo ás visitas dos escolares. Miles de rapaces visitaron a Redacción, a planta de impresión e o Museo de Prensa e Artes Gráficas, achegándose así ao presente e ao pasado dun dos oficios máis transcendentes do mundo. 

Profes ao día e pais informados

Santiago foi este curso o punto de encontro para os docentes de toda Galicia, que participaron no curso Cómo traballar co xornal na aula, organizado no marco dun acordo subscrito entre a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O pedagogo Jesús Garrido foi o encargado de impartir esta actividade formativa para o profesorado a través da cal aprenderon a integrar o xornal nos contidos do currículo académico.

Os docentes inscritos no programa tamén contaron durante o curso co asesoramento e orientación de medio centenar de pedagogos, científicos e xornalistas. Tamén para eles se deseñaron unidades didácticas e guías pedagóxicas.

As familias tampouco quedaron desatendidas. Este suplemento incluíu unha sección de orientación na que se trataron cuestións presentes na vida diaria dos nenos e mozos: o control da ansiedade ante os exames, o uso e abuso dos dispositivos dixitais, as redes sociais, a sobreprotección dos fillos ou a educación en igualdade, entre moitos outros que, seguro, as familias agradeceron.

Votación
0 votos
Comentarios

O xornal volverá ás aulas en setembro