O estraño caso do ano sen verán

A erupción en 1815 do volcán Tambora, en Indonesia, xerou unha nube de po tan inmensa que reduciu a temperatura atmosférica e impediu a chegada do estío en 1816

Mapa das diferenzas de temperatura entre o verán de 1816 e a media dos veráns de 1971 ao 2000
Mapa das diferenzas de temperatura entre o verán de 1816 e a media dos veráns de 1971 ao 2000

Durante a súa estancia en 1784 en París como ministro plenipotenciario de Estados Unidos, o científico Benjamin Franklin foi o primeiro en suxerir a idea de que as baixas temperaturas sufridas en toda Europa ese verán estaban relacionadas cunha néboa permanente que se instalou na atmosfera durante meses tras a erupción do volcán islandés Laki en febreiro dese mesmo ano. Aquela hipótese de Franklin pasou desapercibida durante máis dun século, ata que un artigo sobre cambios climáticos do meteorólogo estadounidense William Humphreys, publicado en 1913, asociou de novo outro frío verán, o de 1816, coa erupción doutro volcán, o Tambora, en Indonesia.

A Royal Society consolidou a idea en 1970, cando publicou un amplo estudo do climatólogo inglés Hubert Lamb sobre o papel do po volcánico na atmosfera. Alí analizábanse as erupcións máis importantes desde comezos do século XVI, e concluíase que tiñan un impacto real sobre o clima. Lamb chegou a establecer unha escala para determinar a intensidade dese efecto cortina, que se coñece como dust veil index (DVI: índice de veo de po). A erupción volcánica á que asignou un maior DVI é a do Tambora de 1815 (DVI=1.500), seguida da do Krakatoa en 1883 (DVI=1.000). Hoxe coñecemos como inverno volcánico a redución de temperaturas como consecuencia dunha erupción.

A EXPLOSIÓN MÁIS VIOLENTA

Todas as historias da climatoloxía moderna refírense a 1816 como o ano sen verán, e sinalan como causa decisiva a erupción volcánica do monte Tambora, na illa de Sumbawa (Indonesia), que alcanzou a súa maior intensidade os días 10 e 11 de abril de 1815. As colosais detonacións escoitáronse na illa de Sumatra, a máis de 2.600 quilómetros de distancia, tras unha explosión que fixo desaparecer boa parte da montaña volcánica e reduciu a súa altura preto de 1.500 metros. O resultado foi un inmenso cráter de 6 quilómetros de diámetro e 700 metros de profundidade e a morte de máis de setenta mil persoas como consecuencia directa. Segundo o índice de explosividade volcánica (VEI, polas súas siglas en inglés), establecido en 1982 en función da cantidade de material expulsado, a altitude alcanzada e o tempo da erupción, o da explosión do Tambora alcanzou un nivel 7 dun máximo de 8, o que constituíu a máis violenta xamais rexistrada.

Calcúlase que o furioso volcán expeleu á atmosfera uns 100 quilómetros cúbicos de materiais. As cinzas subiron ata a estratosfera (a 43 quilómetros de altura) e aos poucos espalláronse por todo o planeta. Aquela cortina, que diminuía a radiación solar que chega normalmente á superficie da Terra, provocou unha baixada xeral de temperaturas, rexistrada polo menos en Europa, Estados Unidos e Canadá. O ano 1816 non só careceu de verán, senón que as frías temperaturas evitaron a maduración de cereais e arruinaron as colleitas, dando lugar á maior fame negra do século XIX. Calcúlase que a desnutrición e as enfermidades asociadas causaron 200.000 mortes.

GRANDE NEVADA EN XULLO

Aínda que naquela época España non contaba con rexistro meteorolóxico oficial, diversos documentos recollen que o verán de 1816 foi o máis frío da nosa historia. As temperaturas non superaron os 15 graos. As vendimas atrasáronse ata finais de outubro, e descendeu notablemente a cantidade e a calidade das uvas. No seu diario Calaix de sastre, o barón de Maldá apuntou cada día o tempo en Barcelona: as súas anotacións aseguran que as temperaturas dese verán foron propias do mes de abril, con moitos días nubrados, choivas e sarabiadas. Tamén fixo referencia a unha «gran nevada no centro de España» o 16 de xullo. Ese día a temperatura en Madrid foi de 13 graos.

Os froitos culturais dun inverno volcánico

A erupción do Tambora deixou outras pegadas históricas e culturais. O po volcánico na estratosfera deu ao ceo un aspecto fusco e cincento, e ás tardiñas unhas tinguiduras pardo-avermelladas que quedaron inmortalizadas en obras do paisaxista romántico inglés J. M. W. Turner. 

A aquel ambiente, estrañamente lúgubre para unhas vacacións, atribúenselle tamén os froitos dunha reunión que resultaría fundamental para a historia da literatura, a beiras do lago de Xenebra durante xuño de 1816. Alí, encerrados en Vila Diodati a causa do frío e a choiva, Lord Byron, John Polidori (o seu médico persoal) e o poeta Percy Bysshe Shelley, acompañado da súa amante moza Mary Godwin, retáronse a escribir o relato de maior tristeza e horror que fosen capaces de imaxinar. O desafío deu lugar á novela «Frankenstein», obra mestra asinada por Mary Shelley ?casaría pouco despois con Percy, tralo suicidio da súa primeira muller? e ao relato de romanticismo gótico «O vampiro», escrito por Polidori.

actividades

VOLCÁNS ACTIVOS

Nesta páxina podes ver os volcáns que están activos agora mesmo na Terra. Observa onde se sitúan no mapa. Atopas similitudes entre os lugares que ocupan? Cal dirías que é o continente máis afectado? https://s.si.edu/2p1pTmw

PARA CURIOSOS

Erupción en directo. Nos últimos días, a erupción do volcán Kilauea, en Hawai, encheu de titulares os xornais. A páxina de Facebook do Servizo Xeolóxico de Estados Unidos proporciona información e imaxes dos resultados desta explosión: www.facebook.com/USGSVolcanoes

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

O estraño caso do ano sen verán