O Kilauea roxe con máis forza

Un sismo de magnitude 5 anunciou o 3 de maio a inminente erupción do volcán da illa de Hawai

Vista da erupción da zona de ruptura do leste de Kilauea o xoves 31 de maio
Vista da erupción da zona de ruptura do leste de Kilauea o xoves 31 de maio

É un dos volcáns máis activos da Terra, en erupción de forma continua desde 1983, pero desde hai pouco máis dun mes presenta unha actividade extraordinariamente intensa, o que levou nos últimos días a decretar unha alerta vermella na zona.

O Kilauea é un gran volcán en escudo, extenso e con ladeiras de pendentes suaves, formado pola acumulación de capas de lava fluída. Atópase na parte sueste da illa de Hawai, e o noventa por cento das rocas da súa superficie teñen unha antigüidade inferior a mil anos, correspondentes a erupcións relativamente recentes. A última, que se iniciou hai pouco máis de 30 anos, comezou o pasado mes de maio a dar signos de que se estaban producindo cambios no interior do volcán.

Os primeiros sinais detectáronse o día 3 de maio, cando se rexistrou un sismo de magnitude 5, seguido en días sucesivos por moitos outros de magnitudes parecidas. Semanas despois entrou nunha fase explosiva, na que empezou a lanzar cinzas a máis de 9.000 metros de altitude, ademais de fragmentos de roca. A lava, que brotaba desde unha vintena de fisuras, estivo chegando ao mar, onde, en contacto coa auga, orixina unha nube de gases tóxicos e partículas coñecida como laze, que produce irritación nos ollos, na pel e nos pulmóns. Ante este escenario, as autoridades tiveron que evacuar a máis de 2.000 persoas das proximidades do volcán, que xa destruíu numerosos fogares.

CAMBIOS NA LAVA

A evolución da actividade do Kilauea proporciona valiosa información sobre o comportamento dos volcáns que pode axudar aos científicos a predicir cando se vai producir unha erupción e canto vai durar.

Un dos datos máis relevantes que se están observando neste episodio de Hawai ten que ver cos cambios na lava. As primeiras tres semanas o Kilauea estivo a expulsar unha lava densa, que correspondía a un magma de certa antigüidade. Despois comezou a brotar máis fluído, lanzando chorros de lava que alcanzaron case 100 metros de altura. Os vulcanólogos explican que este último é magma formado máis recentemente, e que procede de zonas máis profundas, polo que está a maior temperatura e contén maior proporción de gases.

Ademais, nunha análise preliminar da lava dunha das fisuras, os científicos puideron constatar que contén unha elevada porcentaxe de sílice. Trátase de algo inusual nas emisións anteriores do Kilauea, e lévalles a pensar que ese magma estivo bastante tempo nas gretas polas que emerxeu, arrefriándose lentamente e enriquecéndose en sílice. Este tipo de magma é máis denso e adoita producir erupcións explosivas.

BAIXO VIXILANCIA

Moitos dos volcáns do planeta están baixo constante vixilancia, e o Kilauea non é unha excepción, pois é un dos máis monitorizados. A vixilancia destas formacións xeolóxicas realízase con numerosas ferramentas, como as redes de sismógrafos, que detectan e miden as vibracións do terreo. Estas redes están normalmente constituídas por entre seis e oito medidores, instalados a uns 20 quilómetros do volcán, pero o seu número pode dobrarse no caso de volcáns de alto risco. Tamén se usan redes de GPS, colocados ao redor dos volcáns, que proporcionan datos sobre as deformacións do terreo, e inclinómetros, que miden as variacións dos ángulos de inclinación da superficie terrestre.

Os cambios no grao de emisión dalgúns gases, en especial do dióxido de xofre e o dióxido de carbono, dan información sobre a evolución do magma que alimenta o volcán. Ademais, mídese a temperatura en certos puntos da superficie, como os ríos de lava, os geyseres ou os mananciais de auga quente, que reflicten a temperatura que hai baixo o chan.

O volcán de Fuego azouta Guatemala

Desde o domingo 3 de xuño outro volcán está a ser tamén noticia. En Guatemala, a uns 40 quilómetros da capital, o volcán de Fuego tivo unha potente erupción que se cobrou decenas de vidas, ademais de ocasionar a evacuación de miles de persoas e un gran número de desaparecidos.

Este volcán, a diferenza do Kilauea, que arrasa o terreo con ríos de lava relativamente lentos, arroxou fluxos piroclásticos, unha perigosa mestura de cinza, gases e rocas que se caracteriza por avanzar tan rápido que practicamente non dá tempo a escapar, e que en Guatemala sepultou varias aldeas.

O volcán de Fuego é un dos máis activos de Centroamérica, pero esta é a erupción máis potente que houbo desde 1974, e os vulcanólogos advirten que hai que manter a alerta porque é posible que se produza unha reactivación do volcán. Ademais, preocupa a posibilidade de que as cinzas contaminen as fontes de auga potable, o que agravaría aínda máis a situación.

O fogar da deusa Pelé

No arquipélago de Hawai hai cinco volcáns, considerados polos seus habitantes como lugares sacros desde tempos remotos; como en moitas outras culturas, vinculan os elementos naturais con seres mitolóxicos.

Así, o Kilaeua é o fogar de Pelé, deusa do lume e os volcáns. Unha das lendas hawaianas conta a batalla que tivo coa deusa da neve, Poliahu, residente no volcán agora inactivo de Maunakea, no lado norte da illa. Ambas competían nun xogo que consiste en deslizarse polas ladeiras das montañas, retándose en carreiras. Pelé, enfurecida por perder, utilizou os seus poderes e fixo brotar correntes de lava; Poliahu contraatacaba coa súa neve, ata que forzou a Pelé a retirarse. Así, segundo a lenda, a metade norte da illa de Hawai quedou desde entón libre de erupcións, mentres que continuaron no sur, onde se acha o Kilauea, a morada de Pelé.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Kilauea roxe con máis forza