Este verán, busca o teu lugar natural propio

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

Cada vez máis psicólogos e pediatras falan do extraordinariamente saudable que é mergullarse en paisaxes naturais contemplando sinxelamente plantas, animais ou o panorama
Cada vez máis psicólogos e pediatras falan do extraordinariamente saudable que é mergullarse en paisaxes naturais contemplando sinxelamente plantas, animais ou o panorama PACO RODRÍGUEZ

Un xardín, unha praia ou un carreiro calquera pódense converter nun fogar de sensacións que doutro xeito terían moito máis difícil agromar en ti

30 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aí está o verán, ao virar a esquina: días longos, sol a esgalla, tempo libre... O mellor momento de todo o ano para saltar fóra desa vida encaixada á que tanto nos obrigan as responsabilidades do curso. Encaixada en horarios, en lugares pechados e incluso, para moitas persoas, dentro da pantalla dun móbil.

É o momento de apagar por longa tempada todo canto por unhas semanas é fundamental, abrir as portas de onde levamos demasiado tempo encerrados e saír a pasear por onde hai tanto que non se nos vía: a natureza. Unhas veces en compañía das persoas con quen mellor nos sentimos, outras en soidade... Iso xa depende da túa forma de ser.

Sae ao campo, á praia, á beira do río, ao bosque, ao carreiro entre prados, á montaña... Verás que ben che senta. Desas camiñadas regrésase sempre co ánimo renovado, o corpo e os sentidos aliviados de tanto sedentarismo e a cabeza chea de novas ideas e conversacións. Disto falan cada vez máis psicólogos e pediatras: do extraordinariamente saudable que é rodearse con frecuencia de paisaxes silvestres, observando ou sinxelamente contemplando plantas e animais, espléndidas panorámicas ou pequenos detalles como os brillos da auga dun río ou as cores das ás dunha bolboreta.

Seica xa tes un, pero se non é así busca logo un lugar natural que che resulte especialmente nutritivo neses sentidos. É dicir, que che nutra de benestar necesario para sentirte máis a gusto contigo mesmo e cos demais.

Podes ir probando con varios tipos de ecosistemas, por exemplo. E á vez, con distintos momentos do día. Verás como a túa personalidade responde de xeito diferente se paseas por zonas altas ou pola beira do mar, por entre unha espesura ou por un lugar aberto a afastadas vistas. E se o fas ao amencer, ao mediodía, pola tarde…

UN MUNDO DE SENSACIÓNS

Aproveita entón e pregúntate: que tipos de sensacións e ideas se che ocorren en cada un deses lugares, a cada unha desas horas? A historia das artes creativas, a da pintura, a da literatura ou a da música están repletas de exemplos de paseos por ambientes naturais que inspiraron algunhas das obras máis importantes de moitas culturas.

Tamén a da filosofía. Na famosísima escola peripatética de Aristóteles en Atenas, por exemplo, as clases dábanse paseando por un xardín. Compróbao: por que xorden temas de conversación un pouco diferentes cando camiñas cos teus amigos ou familiares por espazos naturais?

Por suposto, non tes por que acudir a un parque nacional nin dedicar a eses paseos longas horas. Entre outras cousas, porque algo así só o poderías facer moi de cando en vez.

Á beira de onde vives, con toda seguridade, hai máis dun recuncho cheo de vida natural o suficientemente diversa para que un paseo dunha hora ou de media che dea canto necesitas para recargar as pilas. Un xardín, sen ir máis lonxe. Ou unha praia antes de que chegue todo o mundo a tomar o sol. Ou un carreiro. Identifica cales son eses sitios, explóraos e decide cal é o que mellor se adapta a ti. Aos poucos, verás como se vai convertendo nunha especie de fogar de moitas sensacións túas que doutro xeito terían moito máis difícil agromar.

Entón, terás logrado este obxectivo que che propomos para o verán: adoptar un lugar natural propio. E sentir que tamén el, co seu misterioso xeito, che adoptou. E que che coida.

BOSQUES SAUDABLES

BAÑOS DE BOSQUE. Estes últimos anos óese falar cada vez máis dunha práctica común en Xapón. Chámase «shinrin?yoku», un termo acuñado a finais do século pasado. Nos países anglosaxóns tradúceno por baños de bosque. Consisten estes baños en pasear por zonas naturais, sobre todo bosques, cos sentidos moi alerta para prestar atención a cores, movementos, luces, sons, cheiros, texturas...

BOSQUES TERAPÉUTICOS. Púxose tan de moda que no país oriental xa veñen protexendo aqueles bosques nos que esta actividade resulta máis proveitosa. Denomínanse bosques terapéuticos, e o seu paseo é prescrito por moitos médicos aos seus pacientes, de xeito xa absolutamente cotián e por suposto formal: en forma de receita. A vitamina que se inxire nesas camiñadas non ten forma de pílula, senón de sensacións.

TERAPIA FORESTAL. Aínda que poida soar un pouco raro, o certo é que funciona. E moi ben. Comprobouse unha e outra vez medindo a presión arterial e outras variables fisiolóxicas de quen a practican, antes e despois dos seus paseos, e os datos obtidos son ben claros. Por este motivo, en Corea do Sur, por exemplo, están a crear un gran centro de terapia forestal para a súa cidadanía.

INFÓRMATE. Non se trata de ir a Xapón ou de viaxar a Corea do Sur, aínda que se se presenta a ocasión… non o dubides. Galicia ten moitos bosques e fragas. Algúns, á porta da túa casa… Busca información sobre os efectos saudables dos paseos polo bosque. Sorprenderache descubrir como incluso algunhas axencias privadas de seguros de España, moi coñecidas, promoven este tipo de actividade. Por que cres que o fan?