Dunha lingua a outra, un exercicio para celebrar o Día das Letras Galegas

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Daniela (8 anos) escolleu a noticia da inauguración de novo Hospital Veterinario HA en Lugo
Daniela (8 anos) escolleu a noticia da inauguración de novo Hospital Veterinario HA en Lugo óscar cela

Unha forma fácil de axudar aos alumnos a que escriban en galego, hoxe que celebramos o Día das Letras Galegas, é que elixan do periódico noticias que lles interesan e cuxo texto estea en castelán ou noutros idiomas? e as traduzan. A técnica é progresiva e adoita ter catro pasos. 1) Tradución literal: puntúase, sobre todo, a fidelidade aos datos e palabras escritas no texto inicial sobre a noticia que deben traducir. 2) Resumo libre: o principal é aquí a fidelidade ao que realmente sucedeu e di o texto inicial da noticia, pero contándoo doutro xeito. 3) Complemento gráfico: algo complementario que dá relevo á noticia (un debuxo, unha foto, un esquema, un resumo, conexións con recursos da web, algún vídeo, etcétera).
4) Presentación creativa, que pode ter significativas variantes: un título máis suxestivo que o orixinal, un texto completamente novo e pensando en determinados lectores, nos seus intereses ou preocupacións?

16 may 2018 . Actualizado a las 09:23 h.

Moitos alumnos, varios miles, participaron este ano na décimo quinta convocatoria do concurso Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil. Fixámonos no traballo dos alumnos de educación primaria e observamos que moitos deles seleccionaron noticias publicadas no xornal en castelán e traducíronas ao galego, adornaron a noticia cos seus debuxos e suxestións de actividades… Un exemplo! E que non decaia ao longo de todo o curso.

A semana que vén publicaremos en La Voz de la Escuela os traballos dos alumnos gañadores en todos os niveis. Pero hoxe queremos facer unha homenaxe a todos os participantes, recollendo aquí de forma breve e case anónima frases tomadas das noticias elixidas por algúns alumnos de primaria que mostraron as súas habilidades como redactores?tradutores, demostrando con iso o interesante e instrutiva que resulta esta forma de ofrecer en galego o que cada día nos presentan os xornais en castelán. Tarefa importante para pór en consideración e exemplo no Día das Letras Galegas, que non debe quedar en labor dun día, senón do ano enteiro, polo menos mentres existan noticias no mundo, o cal, seguramente, vai para longo.

Un novo hospital para mascotas con uci e piscina

Así nolo conta, por exemplo, Daniela, 8 anos: «Inaugúrase un novo hospital para cans, gatos, animais estraños… Está na rúa Virxe da Esperanza, 33, no barrio lucense de San Fiz, ao lado da Policía Local de Lugo. Púxose a andar o luns pasado e xa fixo cirurxías a varios cans e gatos. Vai moita xente de Lugo e doutros países. Alí no hospital hai 6 auxiliares e 9 veterinarios expertos en medicina interna, neuroloxía, cardioloxía, traumatoloxía, rehabilitación…».

Mensaxe galáctica

«O proxecto Sónar Calling envía unha mensaxe musical a doce anos luz, onde se atopa un planeta con características similares ás da Terra. Participan no proxecto un equipo de científicos e un festival de música. Algunhas persoas están en contra porque desvela o anonimato no que vivimos» (Camilo, 12 anos).

Golpe á reserva natural de Galicia

Juana, 12 anos, cóntanos que «os Ancares é a reserva natural de Galicia, pero en só tres días quedaron arrasados por un incendio e arderon aproximadamente 4.000 hectáreas de bosque e flora en perigo de extinción. O plan Red Natura delimita as tarefas: prohibición de abrir camiños, permitir rozar os montes…».

A medusa máis velenosa nas nosas praias

A medusa portuguesa, Physalia physalis, é a mais velenosa. Atopáronse nas nosas praias e viven no mar aberto en colonias. Son de cor azul e teñen forma ovalada. Non se poden tocar aínda que estean mortas porque as células vivas da picadura seguen vivas» (Nerea, 10 anos).

Un bo proxecto para os golfiños

Dínolo Irea, 9 anos. «Catro alumnos do colexio Montecastelo, de Vigo, foron gañando premios para facer un dispositivo que evite o varamento de golfiños e facer un seguimento deles. Agora irán concursar ao certame europeo Expo-Science, que se celebrará en Polonia». Sorte, amigos!

Dá apuro cobrar pola bolsa

Cóntanos Jennifer, 11 anos: «O propietario da froitería […] dá a súa opinión acerca do uso das bolsas. Compara unha tenda pequena cun gran supermercado. Indica que na tenda pequena á xente cando lle apetece mercar algo, ten que pagar 5 céntimos pola bolsa. Di que ten clientes fixos que acoden ao establecemento con bolsas de tea e ecolóxicas».

Martin Luther King

«Loitou polos dereitos das persoas de cor e tamén polos dereitos de todos os homes e mulleres do mundo. O seu soño era que todas as persoas fosen iguais, independentemente da cor da súa pel e porque o importante é o noso interior. Polas súas ideas foi asasinado en 1968, pero o seu espírito aínda segue connosco» (Paz, 10 anos).

actividades

A1. Eliximos unha noticia do xornal que teña os tres is: interesante, importante, investigable.

A2. Puntuamos cada unha das 4 variables que comentamos arriba neste artigo. ¿Que sistema resulta máis fácil para traducir unha noticia do castelán ao galego? (De 0 a 3).

A3. ¿Alguén se atreve a lograr sobre unha mesma noticia os 4 sistemas: literal, libre, gráfico e creativo? A puntuación é 10, naturalmente.

Jesús Garrido /  chuchogarrido@icloud.com