Un pouco de cibereducación, por favor!

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

Se algo che molesta, trata de reaccionar de xeito acougado
Se algo che molesta, trata de reaccionar de xeito acougado

Cumprir unhas normas de comportamento básicas en Internet evita moitos conflitos

21 may 2018 . Actualizado a las 09:48 h.

Se saturas os teus amigos de Facebook con solicitudes para participar en Candy Crush e outros xogos polo estilo, se tiras fotos dos teus colegas e as envías por Snapchat sen o seu permiso, se utilizas Twitter para provocar e insultar a quen non pensa coma ti ou te dedicas a reenviar por WhatsApp todo vídeo ou chiste que recibes sen discriminar destinatarios… iso significa que non tes nin idea do que son os bos modais (polo menos en Internet).

Navegar pola Rede, do mesmo xeito que sucede na vida real, implica coñecer e respectar as súas normas básicas para conseguir unha convivencia satisfactoria. Ese conxunto de normas de cortesía en liña coñécense como netiqueta ou ciberetiqueta, e son precisamente as que están na base dun uso responsable, seguro e intelixente de Internet. Estas regras de protocolo social non son moi distintas das que inculcamos aos nosos fillos desde a infancia: pedir as cousas por favor e dar as grazas, saudar e despedirse con corrección, non interromper conversacións alleas, non mentir, non roubar, non gritar, non insultar, pedir perdón cando se mete a pata…

A cortesía no mundo virtual é un tema pendente para demasiados internautas (nenos, adolescentes e desde logo unha boa porcentaxe de adultos) que parecen non ser conscientes da imaxe que proxectan nin da identidade dixital que se constrúen dese modo. Por iso, porque é tema extremadamente relevante na sociedade virtual do século XXI, desde a web Pantallas Amigas o seu fundador e director, Jorge Flores, proponnos as seguintes pautas de netiqueta agrupadas en tres sinxelas ideas:

MOSTRA CONSIDERACIÓN E RESPECTO CARA AOS DEMAIS

1. Pide permiso antes de etiquetar fotografías subidas por outras persoas. Poida que non lles guste que o fagas.

2. Utiliza as etiquetas de xeito positivo, nunca para insultar, humillar ou danar a outras persoas.

3. Mide ben as críticas que publicas. A liberdade de expresión termina onde comezan os dereitos dos demais. A inxuria, a calumnia e outras accións contra a honra ou a intimidade son delitos.

4. Estás no teu dereito de ignorar solicitudes de amizade, invitacións a eventos, grupos, etcétera. Se o fan contigo, non insistas nin pidas explicacións.

5. Evita a denuncia inxusta como spam para prexudicar a quen fixeron comentarios que non che gustan.

6. Usa as opcións de denuncia cando estea xustificada a ocasión.

COIDA A PRIVACIDADE DAS DEMAIS PERSOAS

7. Pregúntate que información doutras persoas expós e asegúrate de que non lles importa. Respecta a privacidade dos demais como che gustaría que respectasen a túa.

8. Para etiquetar a outras persoas debes facelo sen engano e asegurarte de que non lles molesta que o fagas. Cando etiquetas a alguén estás achegando moita información que ademais, en moitos casos, se propaga de forma inesperada e incómoda.

9. Non podes publicar fotos ou vídeos nos que saian outras persoas sen ter o seu permiso, como regra xeral. A imaxe (fotografía, vídeo…) de cada cal é un dato persoal e o dereito a decidir como se utiliza perténcelle a esa persoa en exclusiva.

10. Antes de publicar unha información que che remitiron de xeito privado, pregunta se o podes facer. Nas redes sociais, a información circula con demasiada velocidade dun lado a outro e o que é privado pódese converter nun segredo a voces.

CONTRIBÚE AO BO AMBIENTE NA REDE

11. Facilita aos demais o respecto da túa privacidade e intimidade. Comunica aos teus contactos, en especial aos novos, como queres manexalas. Deixa claro o teu criterio para que o poidan respectar dicíndolles que cousas non admites, como, por exemplo, que reutilicen fotos que poidan ver nos teus álbums privados, que che etiqueten sen permiso ou que expoñan datos acerca de ti en páxinas á vista doutros.

12. Recorda que escribir todo en maiúsculas pode interpretarse como un berro. Trátase dun acordo, dunha norma non escrita que axuda a entenderse ben.

13. Usa os recursos ao teu alcance (debuxos, símbolos, emoticonas…) para expresarte mellor e evitar malentendidos. O estado de ánimo, as diferenzas culturais ou sociais, as experiencias previas… poden dificultar a comunicación entre dúas persoas: comprender e utilizar símbolos de apoio axudarache a esquivar problemas por malas interpretacións.

14. Ante algo que che molesta, trata de reaccionar de xeito acougado e non violento. Nunca actúes de xeito inmediato nin agresivo. Ás veces as cousas non son como parecen. Poida que simplemente busquen a provocación ou o engano, e se se reacciona mal terán conseguido o seu obxectivo. Pode tratarse tamén de erros ou accións non intencionadas.

15. Diríxete aos demais con respecto, sobre todo á vista de terceiros. Se alguén comete algún erro ou imprudencia ou ben che molesta a súa forma de actuar, sé amable ao facerllo ver e, se é posible, faino en privado.

16. Le e respecta as normas de uso das túas redes sociais. Non todas teñen as mesmas regras, pero sempre é necesario coñecelas e respectalas.

escuela de padres

? TEMA DO MES: Uso e abuso de pantallas.

? ETAPA: Adolescencia.

? A FRASE: «Definir e coidar a identidade dixital é clave para a xestión activa da nosa reputación na Rede. A netiqueta determina o que os demais pensan de ti» (Mar Castro).

? ALGUNHAS CLAVES: Fomentar o respecto, a boa educación e a honestidade nas contornas virtuais coa mesma esixencia que na vida real.

? PARA SABER MÁIS: Netiquétate é un proxecto de Pantallas Amigas para o fomento da netiqueta nova en redes sociais. Na súa web pódese atopar moita información, xogos e vídeos sobre este tema: http://netiquetate.com/