A estremeña que se fixo adoptar por Galicia

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

A escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno, nunha fotografía quitada no seu instituto pontevedrés
A escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno, nunha fotografía quitada no seu instituto pontevedrés RAMON LEIRO

Hoxe toca aula a distancia, cunha visita á web que a Real Academia Galega dedica á escritora María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas

18 may 2018 . Actualizado a las 08:34 h.

«Penso que a situación do galego non se pode ver con indiferenza. Se estou coa xente que amasa o meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala» (María Victoria Moreno).

Chamamos á porta da Real Academia Galega (RAG): academia.gal Na páxina de inicio picamos no apartado Letras Galegas. Lemos: «A data escollida pola Academia para celebrar o Día das Letras Galegas conmemora a edición de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, o 17 de maio de 1863. Figuras homenaxeadas: 2018, María Victoria Moreno».

Movéndonos pola web da RAG coñeceremos moi de preto a María Victoria:

  • Primeiro atopamos unha detallada información sobre a súa vida e por que, tendo nacido en Valencia de Alcántara (Cáceres) o 1 de maio de 1939 e pasado a súa infancia e mocidade en Segovia e Badaxoz, e estudado bacharelato en Barcelona e Filoloxía Románica na Facultade de Filosofía e Letras da Complutense de Madrid, debe considerarse galega.
  • En Madrid coñeceu a José Luis Llácer, invidente, con quen casou, e trasladouse a Pontevedra en 1963, polo contrato do seu marido no Colexio da ONCE. En Pontevedra viviu María Victoria máis de 40 anos. Alí residiu ata o día da súa morte, o 22 de novembro do 2005.
  • Deu clases durante dous anos no Instituto Masculino de Lugo, onde ensinaba Xesús Alonso Montero, do que afirmaba: «A actitude ante a lingua, a ética e o compromiso cos seus falantes herdeinos de quen foi meu mestre». En 1967 regresou a Pontevedra e deu clases de Literatura Castelá no Instituto Feminino e prácticas de galego na asociación Amigos da Cultura.

Segue unha detallada información, de imprescindible lectura, sobre a súa vida e produción literaria asinada por Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey.

Desde a mesma páxina accédese a unha relación de toda a súa obra: Literatura infantil e xuvenil / Narración / Poesía / Ensaio / Estudos literarios e lingüísticos / Traducións.

SER GALEGA

Podería, talvez, dicirse que era máis segoviana  que estremeña, sete anos en Barcelona, cinco en Madrid, antes de instalarse en Galicia, onde viviu máis de 40 anos. Ao fin, ela mesma afirmaba ser galega, a terra onde viviu máis tempo e, sobre todo, a terra e a lingua coas que se identificou.

actividades

Na web da RAG atopamos máis de 20 fichas apaixonantes, con debuxos excelentes e numerosas actividades atractivas. Buscamos en: http://primaveradasletras.gal/galicia-como-eleccion/

A1. Fichas didácticas. É como unha singular feira do libro en galego, que cada un le en silencio total. Cada un elixe o título que máis lle interesa.

A2. Títulos: Galicia como elección / As linguas son de quen as habita / Unha muller dona do seu tempo / Reescribir o mundo / Os cachorros de María Victoria Moreno / Entre libros e tarteiras con María Victoria / O solpor / Danza da lúa en Santiago / O amor polos animais / As linguas de España / O amor pola natureza / Pan con chocolate / Imos cazar palabras: na lonxa de Portosouril / Os lobos que coidan da xente / Letras mariñeiras / Pontevedra é boa vila / Librarías: as luces das letras / As cousas máis… / Xa non teño medo / Sabes quen escribiu este libro?

A3. O Día das Letras Galegas. Ademais de libro, todo un plan do porqué deste día sen clases pero con aula dixital, transportable por Internet.

A4. Saímos á rúa, deixando a porta da Real Academia Galega entreaberta… Non sexa que calquera día se nos ocorra latar a clase do colexio, e volver, volver…