O tráfico empobrece as nosas cidades

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un automobilista coruñés pasa cada ano 68 horas (case tres días enteiros) mergullado en atascos de tráfico
Un automobilista coruñés pasa cada ano 68 horas (case tres días enteiros) mergullado en atascos de tráfico MARCOS MÍGUEZ

Circular na Coruña implica perder máis de tres días, coas súas noites, en atascos ao longo dun ano

16 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As empresas radicadas na cidade da Coruña perderán 17,22 millóns de euros este ano e as de Vigo, 13,69. Non é que veña outra crise, senón que ese é o custe de ter os seus traballadores, autobuses, camións e furgonetas atrapados nas conxestións de circulación: horas improdutivas, maior gasto de combustible, desgaste de vehículos (os embragues sofren a cada parón e arranque) e perda de oportunidades de negocio. Quen o di? A empresa holandesa TomTom, quizais o fabricante de sistemas de navegación máis coñecido e usado en toda Europa. Para TomTom, a falta de fluidez no tráfico é un problema que os Gobernos (centrais, autonómicos e rexionais e locais) tiñan que tomarse máis en serio, xa que incide de maneira mesmo salvaxe na economía, e as dúas cidades máis poboadas de Galicia non quedan á marxe. A firma analizou 1,65 millóns de quilómetros percorridos polos automóbiles polas rúas coruñesas e outros 2,72 millóns de quilómetros percorridos polas viguesas. TomTom sitúa a cidade da torre de Hércules como a 236.ª do mundo e a décima de España onde os cidadáns perden máis tempo atrapados nos seus vehículos. Vigo ocupa o 295.º lugar no planeta e o 17.º no conxunto de España.

Esas son as grandes cifras. Máis doadas de entender cando se di o que implican en horas. E aí os datos son demoledores: un automobilista coruñés pasa cada ano 68 horas en atascos (case tres días coas súas respectivas noites), o cal quere dicir que ao tempo de desprazamento hai que engadirlle un 23 % de tempo en atascos. En Vigo as conxestións suman un 19 % máis de tempo ás viaxes que non implican saír da cidade.

Ben ou mal? Vigo, segundo TomTom, está ao mesmo nivel que Rotterdam (Holanda) ou Pittsburgh (Estados Unidos), maiores en cantidade de habitantes, e A Coruña sitúase co grupo de Valencia e Copenhague, o cal non deixa de estrañar, xa que ver un atasco na capital danesa non é algo común, sen dúbida porque o transporte público e a bicicleta están moi estendidos e, ademais, aparcar un coche é algo realmente moi caro para os estándares galegos, e tamén para os daneses.

Curioso: o día con máis atascos na Coruña é o xoves, e os mércores sempre se circula máis lixeiro. Linares Rivas e Sánchez Bregua son as rúas máis conflitivas. En Vigo, a confluencia dos accesos dende O Porriño, Tui e Ourense é o auténtico punto negro da cidade no que ao tráfico se refire.

Pontevedra, o exemplo

Pontevedra ten un excelente casco histórico que foi convertido en peonil. A cidade está constrinxida polo río Lérez. Dous ingredientes que permitirían pensar que o tráfico é un caos. Pois sucede xusto o contrario. Segundo Inrix, que é un gran provedor estadounidense de servizos de navegación, Pontevedra é a cidade galega que sae mellor parada: o tempo de conxestión só retrasa un 6 % nun traxecto normal. O seu plan de mobilidade para desanimar de empregar o coche foi internacionalmente premiado, e demostrou que outro modelo de cidade, máis humano, é posible.

Grandes atascos no mundo

  • Bangkok, á cabeza. A capital de Tailandia, está considerada a cidade máis caótica do mundo para os automobilistas. Se se suma o tempo que pasan no interior dos seus vehículos, completarían algo máis de 10 días enteiros bloqueados. Ou sexa, 244 horas. Ao cal hai que sumar, está claro, o tempo de desprazamento efectivo de punto a punto.
  • Cidade de México, en segundo lugar. Non o teñen máis doado na Cidade de México, a capital da República. As cifras baixan algo, pero moi pouco: 227 horas ao ano. A violencia fai que quen ten un coche non vaia xamais en transporte público, caótico e onde a posibilidade de sufrir un atraco ou agresión é moi alta.
  • Xohanesburgo, símbolo de riqueza. A mellora nas condicións de vida da poboación negra que significou a fin do apartheid e o mandato de Nelson Mandela como presidente de Suráfrica fixo que aumentara vertixinosamente o número de coches: os grandes atascos sitúana de terceira na lista mundial.
  • Milán, Londres e Berlín. Todo é distinto en Europa. Ningún atasco nin histórico nin diario é comparable co das urbes citadas anteriormente. Milán e Londres están consideradas as cidades máis problemáticas. Curiosamente, a tranquila Berlín sufriu un que a fixo saír nos medios de comunicación: a primeira Semana Santa (1990) tras a caída do Muro os alemáns dun lado decidiron ir ao outro e viceversa. Resultado: colas de ata 50 quilómetros na fronteira da capital alemá.
  • Pequín, un quilómetro ao día. O meirande atasco da historia tivo lugar a finais de agosto do 2010 en Pequín, a capital chinesa. Alí unha ringleira enorme atrapou a milleiros de condutores (a maioría deles, camioneiros) que durante dez días circularon a unha media dun quilómetro diario: todos se dirixían ao nordés por unha autoestrada en obras que, por riba, sufría cortes de cando en vez por accidentes.
  • São Paulo, o máis longo. Se Pequín tivo o meirande atasco en tempo, a brasileira São Paulo tívoo en lonxitude. Nada menos que 266 quilómetros contra os 110 da capital chinesa. O calendario marcaba maio do 2008.

actividades

  • Canto tempo pasas ti en autobús escolar cada día? E en coche dos teus familiares ou amigos? E en bicicleta cantas horas circulas ao ano? E en monopatín?
  • Unha consecuencia directa dos atascos é a contaminación. Que a orixina? Como nos afecta?
  • Como fixo Pontevedra? Olla esta web: https://is.gd/x1HDiW.
  • Por certo, sabes onde están as cidades que se citan nesta páxina?