Vives nun fogar intelixente?

> Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

Viaxar en transportes colectivos, como o autobús ou o tren, contribúe a aforrar enerxía
Viaxar en transportes colectivos, como o autobús ou o tren, contribúe a aforrar enerxía MONICA FERREIROS

O aforro de electricidade debería ser unha prioridade en todas as casas do século XXIno fogar intelixente non está a tele acesa malgastando luz

11 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos grandes misterios acerca da nosa especie, que tanto a ciencia como a arte intentan desentrañar día tras día, é a nosa capacidade de imaxinación. Como, e por que, evolucionamos os humanos ata posuír unha habilidade creativa tan extraordinaria? Cales son os límites da nosa creatividade?

Pensa en ata onde fomos capaces de chegar neste instante da nosa historia: investigamos o universo, mantemos unha rede de comunicación dixital que conecta millóns de fogares, desciframos o funcionamento dos ecosistemas, escribimos relatos e poemas, filmamos películas, pintamos obras de arte, compomos melodías capaces de emocionarnos de xeito case máxico... E si, tamén provocamos moi graves problemas nos pequenos e grandes equilibrios ecolóxicos deste planeta. Problemas que nos ameazan a nós mesmos, pero que, ao mesmo tempo, cada vez máis intentamos previr e resolver.

Todo iso, e tantas cousas máis, son posibles grazas á nosa imaxinación. Antes de que calquera dos avances da humanidade tivese ocorrido, unha ou varias persoas imaxinárono. Antes de que calquera grave problema ambiental teña atopado unha solución, ou unha vía de solución, unha ou varias persoas esforzáronse en imaxinala cun espírito á vez científico, creativo e entusiasta.

Ese é, precisamente, o espírito da intelixencia. O que acende na nosa mente esa lámpada que simboliza á vez o bo xuízo e as boas ideas. Hoxe propómosche utilizala para alumar a túa casa. Ou o que é o mesmo, para converter o teu fogar nun sitio moito máis intelixente. En concreto, mediante o aforro de enerxía.

IMAXINA…

Imaxina o edificio en que vives, así sexa unha vivenda illada, un piso nun bloque de apartamentos, un chalé apegado... Detente un instante a pensar nos cables de electricidade que se estenden polo interior das súas paredes e muros, igual que un sistema nervioso. Pensa de onde veñen: por que outros cables na rúa, ou campo a través, levaron ata aí esa enerxía. Onde pode ter sido producida. No esforzo que esixe producila. No absurdo de malgastala. Se non se nos ocorre deixar horas e horas a ducha aberta, por que si a televisión posta ou varias luces innecesarias acendidas? Un fogar intelixente non fai nin unha cousa nin outra. Tampouco os seus habitantes.

Nestas dúas páxinas propómosche numerosas ideas para axudar, desde o teu fogar e a túa vida diaria, a limitar máis e máis ese gasto inútil de enerxía. Todas son moi sinxelas. Tanto que che pode parecer que con elas apenas aforras nada. Pero resulta que non es só ti quen as pon en práctica. ¡Somos moitos! De feito, cada vez que aforres un pouco de enerxía cos xestos que che propomos imaxina que millóns de persoas máis fan o mesmo. Así sucede: a cifra de cidadáns do planeta intelixentes e, polo tanto, concienciados coa conservación dos recursos, non para de crecer. A lámpada do bo xuízo e as boas ideas que así mantemos acendida entre todos, apagando as luces e electrodomésticos que non necesitamos, brilla cada día máis forte. Veña, acendamos esa lámpada sobre todos os nosos fogares, evitando canto gasto de enerxía sobre!

Aforrar no colexio

  • Ten o teu centro escolar un plan propio de aforro de enerxía? Se é así, parabéns! Se non, parabéns tamén! Porque chegou a hora de que creedes un. Pensade entre todos, alumnado, profesorado e persoal, nas mellores fórmulas para aforrar enerxía cada día de curso. E, ala!, a pólas en marcha.
  • Pensade por exemplo no seguinte: en que momento de cada día se poden apagar as luces porque xa entra suficiente iluminación natural polas fiestras? Cando hai que acendelas de novo? Porque antes e despois... non son necesarias!
  • Cos compañeiros, animade á dirección do centro a substituír as lámpadas incandescentes polas de baixo consumo.
  • Igual que na casa, apagade completamente os aparellos de calquera tipo ao acabar de utilizalos. Non os deixedes en modo stand by, porque seguirán gastando enerxía.
  • Unha boa idea é usar esas regretas con interruptor que cortan o acceso de electricidade a eses aparellos sen necesidade de desconectalos directamente da rede.
  • Ao acabar de usar os computadores, recordade apagar tamén as pantallas.
  • Non cubrades os calefactores cos abrigos. E recordade: se no inverno estades en camiseta en clase, é que estades a gastar demasiado!

Aforrar na casa

  • Apaga todos os aparellos eléctricos que non esteas empregando. Os que non teñan interruptor, desconéctaos da rede.
  • Apagade toda a familia eses aparellos que producen calor antes de terminar de usalos, para aproveitar o que xa acumularon. Por exemplo, o ferro, potas eléctricas, calefactores, vitrocerámicas...
  • Graduade adecuadamente a temperatura interna do frigorífico, para que se manteña entre o 2 e o 3. Habitualmente non fai falta máis frío.
  • E non gardedes nel alimentos quentes: esperade a que arrefríen.
  • Recordade, ademais, non deixar as súas portas abertas durante máis tempo do necesario para meter ou sacar calquera produto.
  • No caso da lavadora, se pondes pouca roupa, gastarase moita auga e electricidade, e se a sobrecargades, a roupa quedará mal lavada. Así que procurade usala de xeito intelixente tamén.
  • No inverno, se mantedes pechadas as portas dos cuartos que non usedes máis que unhas poucas veces, non gastaredes calefacción en quentalos. No verán, unha casa ben aireada ao amencer e pola noite evita ter que pór aire acondicionado durante máis tempo do necesario nas zonas de máis calor.
  • Apagade a televisión, a radio ou o ordenador se non hai ninguén utilizándoos. É máis: valorade se merece a pena que o que pon na tele se converta na banda sonora de fondo da vosa casa.
  • En canto ás luces acendidas, nos cuartos baleiros non serven de nada.
  • Sempre que poidas, utiliza pilas recargables naqueles aparellos que precisen deste tipo de enerxía.
  • Recorda ademais que na ducha se gasta menos auga quente que no baño.

Aforrar enerxía nos desprazamentos

  • A enerxía que gastan a bicicleta ou as pernas é moito máis sa, en todos os sentidos, que a necesaria para mover un automóbil. Pero se tes que facer un desprazamento longo, recorda que é máis barato e eficiente coller o autobús.
  • Cambiade cando sexa necesario as rodas do coche da familia. Nunca esperedes demasiado a facelo. Ademais de ser moito máis seguro, así gastaredes menos gasolina ou gasóleo.
  • Se estades a pensar en cambiar de coche, non deixedes de consultar os prezos dos vehículos máis eficientes ecoloxicamente.
  • Seguro que, ademais destes consellos, se che ocorren moitos outros. Utiliza a túa imaxinación, e a dos teus compañeiros, para discorrer máis e máis ideas. Logo, compartídeas con cantas máis persoas sexa posible.

O PROGRAMA DE ENERXÍA E MEDIO AMBIENTE DA FUNDACIÓN GAS NATURAL FENOSA

Gas Natural Fenosa ten unha enorme responsabilidade en materia de medio ambiente. É quen, en Galicia, nos facilita case toda a nosa electricidade e o combustible para a calefacción. Por iso, entre os obxectivos da súa Fundación teñen moita importancia a redución do impacto ambiental xerado pola produción e distribución eléctricas, a mitigación do cambio climático, a preservación da biodiversidade da contorna ou a prevención da contaminación, así como impulsar unha innovación continua.

En todas estas tarefas involucra ademais aos seus provedores. Podes consultar os seus moitos avances nestes campos en decenas de documentos dispoñibles na súa

web (http/www.fundaciongasnaturalfenosa.org/energia-medio-ambiente) e na información da páxina 6 deste suplemento.

Entre as moitas iniciativas que puxo en marcha, destaca por exemplo o seu programa Fungastic, destinado a promover o coñecemento e a concienciación sobre o recurso enerxético do gas natural entre o alumnado de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria. A súa páxina web é: https://bit.ly/2pSASRJ