Un exemplo de altos voos

Jesús Garrido / chuchogarrido@icloud.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

O Solar Impulse despega de Abu Zabi
O Solar Impulse despega de Abu Zabi ALI HAIDER

O avión Solar Impulse 2 deu a volta ao mundo utilizando o sol como única fonte de enerxía

11 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É necesario subir un pouco alto para traer aquí un exemplo difícil pero sostible do consumo de enerxía. Eliximos a experiencia do Solar Impulse 2, pilotado por Bertrand Piccard e André Borschberg, que foi Noticia do día en máis dunha ocasión na web do Programa Prensa-Escuela. A viaxe comezou o 2 de marzo do 2015 partindo de Abu Zabi e, tras un histórico periplo arredor do mundo, regresou á cidade que o viu partir o 25 de xullo do 2016. Así recolleu La Voz a aterraxe da última etapa: goo.gl/kGY9v8. Uns días antes, o avión chegaba a Sevilla tras atravesar o océano Atlántico.

O avión solar despega cara a Sevilla

O destino dunha das etapas máis duras sóubose pouco antes de que deixara Nova York

  • Misterio resolto. Sevilla será o destino dunha das etapas máis duras do avión solar que desde o pasado ano está dando a volta ao mundo para demostrar que é posible completar unha fazaña semellante sen gastar unha soa pinga de combustible.
  • Solar Impulse: Os pilotos suízos Bertrand Piccard e André Borschberg, así como os demais membros do proxecto Solar Impulse, nome que tamén recibiu a aeronave, mantiveron ata o último momento a incógnita de cal sería o lugar no que aterraría a aeronave despois de despegar dende Nova York para cruzar o océano Atlántico.
  • Sevilla: De todo o plan inicial, foi a única etapa na que non aparecía o destino. Os dous lugares propostos eran ou ben o sur de España ou ben o norte de África, pero a dúbida non se despexou para o gran público ata minutos antes de que o aventureiro Bertrand Picard despegase onte desde a cidade dos rañaceos.
  • A noticia, en La Voz de Galicia: https://bit.ly/2JhiuYE

 

A proposta da Noticia do día

En primeiro lugar, terás que abrir o texto da noticia do día (21/6/2016). Aquí tes a ligazón:

  • https://bit.ly/2EjKK9k

Se picas no título da noticia, apareceranche tres indicativos en distintas cores: QUEN (vermello), QUE (azul), ONDE (verde). E aí empeza o teu voo de investigación para facer unha aterraxe importante sobre a pista de cada noticia. ¡Inténtao e verás que fácil! E, ademais, comezarás a entender profundamente cal é a noticia e que nos ensina no noso tema de hoxe sobre aforro de enerxía. Que opinas? Pois imos alá…

QUEN: avión solar / Bertrand Piccard / André Borschberg / aeronave / proxecto Solar Impulse

QUE: misterio / fazaña / combustible / rañaceos

ONDE: Sevilla / suízos / Nova York / océano Atlántico / España / África

ACTIVIDADES

Hoxe imos voar, que estamos xa a fin de curso e necesitamos ese aire libre que nos leve onde sexa, pero sen gastar demasiada enerxía. Tes a noticia enteira na páxina 30 do xornal.

ANGUSTIA: Atende a estas palabras do piloto que comezaba a proba do avión solar: «Aquí estou, só durante catro días sobre o Atlántico, sen unha pinga de gasolina», escribiu na súa conta de Twitter pouco antes de partir.

HORARIO: A duración exacta dunha travesía tan longa non se sabe con certeza, xa que, en función dos ventos ou da forza con que pegue o sol para recargar as baterías solares do avión, oscilará entre 90 e 110 horas.

MARCA: A ruta do Pacífico entre Nagoia, de Xapón, e Hawai, 118 horas de incerteza e resistencia.

PESO: O avión ten unha envergadura de 72 metros, similar á dun Boeing 747, pero pesa pouco máis que un automóbil: 1,5 toneladas.

TURBULENCIAS: Polo pouco peso é moi sensible ás turbulencias, unha dura proba para o piloto, que acaba de pasar o punto sen retorno.

EUROPA: Tranquilidade para o piloto: «Agora voarei só cara a Europa, co vasto Atlántico cara adiante».

FIN DE CURSO? Á parte do estudo sobre este singular voo, que pode apaixonarnos a todos e temos referencia da súa técnica nas ligazóns que che damos, parécese ao curso este voo? Á fin e ao cabo fixéchelo coa túa enerxía propia. Parabéns!

VOAR! Brindamos cun canto de vitoria: «Voar», de Domenico Modugno (goo.gl/Xrt3uK): «Penso que un soño parecido non volverá máis / E pintábame as mans e a cara de azul / E de improviso o vento rápido levoume / E fíxome a voar no ceo infinito. // Voar, oh oh / Cantar, oh oh oh oh / Nel blu, dipinto di blu / Felice di stare lassú. // E voarei, voarei feliz máis alto que o sol / E mentres que o mundo / Se afasta amodo de min / Unha música doce / Tocouse só para min // Voar, oh oh […] // Penso que nunca volverá un soño parecido / E pintábame as mans e a cara de azul / E de improviso o vento rápido levoume / E fíxome a voar no ceo infinito. // Voar, oh oh […]».