Peregrinar baixo a neve

Medio cento de persoas recuperan o Camiño Inglés desde o seu punto de partida, a abadía de Finchale, situada xunto a río Wear e a oito quilómetros de Durham

Peregrinos percorrendo o pasado mes de marzo o Camiño Inglés desde o seu punto de partida, a abadía de Finchale
Peregrinos percorrendo o pasado mes de marzo o Camiño Inglés desde o seu punto de partida, a abadía de Finchale

Alguén lembrou en voz alta a frase que se atribúe a Filipe II: «Yo no mandé a mis naves a luchar contra los elementos», en referencia ao desastre da Armada Invencible, destruída polas treboadas. Cando a pronunciou o monarca, o calendario marcaba 1588. Cando a repetiu alguén era o pasado 17 de marzo e máis de medio cento de persoas peregrinaban a oito graos baixo cero e inicialmente cun forte temporal de neve entre a abadía de Finchale e a catedral de Durham (merecido patrimonio da humanidade). Esperábanse case centenar e medio de abnegados peregrinos, pero iso, os elementos, desanimaron á maioría.

Claro que o número -que engrosou notablemente a medida que o grupo se acercou á cidade- non lle quitou importancia a un feito que co tempo irá adquirindo mérito e que non é outro que o feito de que dita abadía, hoxe unhas ruínas impresionantes, é o auténtico comezo do Camiño Inglés a Compostela. Algo que é habitual estes días en toda España, pero máis en Galicia, que a xente vaia andando a Santiago, era anómalo por completo nesa rexión do nordés de Inglaterra que por certo votou maioritariamente brexit. «Foi medio milenio de silencio forzado polo rei Henrique VIII -explicaba a profesora Penélope Johnson, de orixe galega-. El prohibiu a peregrinación a Santiago, e agora estamos recuperando a historia».

A iniciativa de recuperar o Camiño Inglés no seu comezo foi unha idea do Xacobeo que caeu en terreo aboado. O primeiro en apuntarse, e en mobilizar á súa xente hai xa cinco anos, foi un sacerdote irlandés que ten parroquia en Durham, o popular father Colm, peregrino el mesmo polo Camiño Francés e que envía aos seus fregueses a Galicia. «Hai que axudar a recuperar o verdadeiro senso da peregrinación», explicou aos seus xa o primeiro día. Atoparon tamén apoio no Concello coruñés de Oroso e mais na Deputación da Coruña, que nesta ocasión enviaron representantes a aguantar a neve e o frío.

A peregrinación pasou marxeando un cárcere de alta seguridade, onde se atopan os seiscentos presos máis perigosos de Gran Bretaña. Un dos camiñantes lembraba que alí estaba o xihadista que un bo día, hai uns anos, sacou un coitelo e feriu sen máis a un soldado e matou a outro no centro de Londres. «O espírito do Camiño Inglés é xustamente o contrario ao que fixo este home -reflexionaba Keith Taylor, presidente de Friends of Finchale Camino, una asociación de amigos da ruta xacobea-. É solidariedade, é fraternidade, é espiritualidade e, máis que nada, é respecto aos demais, e o primeiro respecto é á vida allea».

Outros lugares de peregrinación

Claro está que non é o Camiño de Santiago a única invitación a peregrinar polo planeta Terra, aínda que si é a ruta máis estendida. Baste dicir que en Polonia, Estonia ou Dinamarca, por exemplo, atópase totalmente sinalizada. Pero hai outros enclaves que exercen esa función de imán sobre millóns de persoas. Estes son algúns.

  •  Benarés (ou Varanasi). Esta cidade da India, na ribeira oeste do Ganxes, acolle a que está considerada a meirande peregrinación do mundo: 20 millóns de hinduístas vanse bañar nese río cada ano. Para os seguidores desa relixión é obrigatorio ir a Benarés polo menos unha vez na vida e meterse no Ganxes baixando por algunha das máis de cen escalinatas que conducen ás súas augas.
  • Santuario de Lourdes (Francia). Católico. Atópase aos pés dos Pireneos. Alí, no 1858, unha rapaza analfabeta asegurou que viu á Virxe en case vinte ocasións. Oito millóns de persoas achéganse a este santuario cada ano, se ben non hai un camiño determinado que leve a el.
  • A Meca (Arabia Saudita). A cidade sagrada por excelencia para o mundo musulmán. Como o islam manda peregrinar a ela polo menos unha vez na vida, o abarrotamento está asegurado e, aínda que é moi difícil verificar minimamente as cifras, hai anos nos que foron máis de doce millóns de persoas.
  • Bodh Gaya (a India). É o lugar onde a tradición di que Buda acadou o nirvana (https://is.gd/yFq7xo) baixo unha árbore. Esa árbore xa non existe, pero hai outra que está catalogada como descendente da primixenia e é obxecto de culto e veneración.
  • Fátima (Portugal). O ano pasado cumpriuse o primeiro século da aparición da Virxe a tres nenos pastores. Ao santuario católico que se ergue no lugar acode un número de peregrinos que se estima entre catro e cinco millóns.
  • O Muro das Lamentacións (Xerusalén). É un resto do segundo templo, erguido durante o reinado de Herodes o Grande para substituír ao construído polo rei Salomón. Lugar conflitivo por estar onde está, nunha cidade onde se xuntan tres relixións que non adoitan entenderse ben entre elas: o cristianismo, o xudaísmo e mais o islamismo.
  • Basílica de Guadalupe (México). Durante todo o ano a xente achégase a esta basílica católica. Tampouco hai un camiño que leve a ela como sucede co de Santiago. A peculiaridade radica en que o día grande, cada 12 de decembro, ata sete millóns de persoas aparecen nela. Unha multitude practicamente inmanexable.
  • Monte Athos (Grecia). A Igrexa ortodoxa pon tantos inconvenientes para ir que se necesita un cotizado permiso especial. Segundo unha lenda, aí puxo un pé a Virxe María e pediulle ao seu fillo que fose o seu xardín, razón pola cal se coñece tamén como o Xardín da Virxe.

actividades

  • Es quen de debuxar o Camiño Inglés sabendo que en Galicia empeza na Coruña e Ferrol, que ambas pólas se unen preto do Mesón do Vento e que, antes de rematar en Santiago, pasa por Sigüeiro?
  • En que se diferencia peregrinar de facer unha excursión?
  • Por que cres que existen as relixións? Todas as civilizacións teñen relixión?
  • Podes localizar nun atlas os países que se citan? Quizais o Ganxes tamén? E por suposto, a cidade de Durham, no nordés, algo ao sur de Newcastle. Como cres que virían dende aló ata Galicia os peregrinos?

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
0 votos
Comentarios

Peregrinar baixo a neve