A defensa do sistema público de pensións puxo en pé a miles de pensionistas en defensa dos seus dereitos
21 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado 22 de febreiro ocorreu algo insólito en España. Os xubilados e pensionistas manifestáronse en máis de sesenta cidades. Numerosas persoas maiores amosaron a súa indignación e a súa protesta contra o ridículo incremento do 0,25 % que se vén aplicando ás súas pensións desde hai cinco anos. En moitos casos iso significa un aumento dalgúns céntimos nos seus ingresos mensuais. Menos do que vale a remisión da carta coa que o Goberno llelo comunica cada ano. Por iso moitos procederon simbolicamente a romper esas cartas en público. Parece que nos tempos que corren pódese producir entre os avós un movemento parecido ao dos mozos indignados do 2011.
As pensións garanten aos cidadáns o benestar mínimo indispensable. O sistema público mantido pola Seguridade Social certifica que o Estado cubrirá tanto o coidado da súa saúde como a satisfacción das súas necesidades cando deixen de traballar por xubilación ou non atopen traballo. Que o Estado asuma esta responsabilidade é unha conquista social tras moitos anos de loita desde mediados do século XIX, coa revolución industrial. No sistema que funciona en España, o Estado recibe obrigatoriamente arredor dunha terceira parte da retribución de cada traballador durante toda a súa vida laboral e financia con eses fondos as prestacións de xubilación e de paro, cando estas sexan necesarias. Os traballadores españois estamos a pagar durante toda a nosa vida laboral ao Estado para que este cubra as nosas necesidades cando deixemos de traballar ou cando quedemos no paro. Estas prestacións están destinadas a toda a poboación e son, xa que logo, un efecto da solidariedade duns cidadáns cara aos outros. É importante comprender e reflexionar sobre esta idea. Durante toda a nosa vida laboral estamos a cooperar para conseguir o benestar de todos.
Este modelo está a ser obxecto de debate porque hai quen pensa que non é economicamente sostible. Os xubilados entraron en estado de alarma e as pensións son noticia todos os días, mentres no horizonte axexan ameazas de recortes nas prestacións. Os indignados pensionistas tratan de conseguir que o seu poder adquisitivo non se vexa cernado por un crecemento ridículo das súas pensións fronte á alza dos prezos dos bens de consumo. Quentar a casa e pagar a luz custa hoxe moito máis que hai cinco anos, mentres que o incremento acumulado durante estes mesmos cinco anos na súa pensión non pasa dos dez euros en moitos casos. Así que esixen que se aplique ás pensións o mesmo incremento, como mínimo, que se produciu no ano anterior no IPC (índice de prezos ao consumo). Para resolver esta difícil papeleta o Goberno e os partidos políticos teñen que reunirse de novo no Pacto de Toledo que asinaron hai anos. As persoas maiores están en pé de guerra e á espreita do que ocorra.
FAINOS MELLORES
Desde que existe a Seguridade Social pública a nosa sociedade é mellor porque é máis solidaria e ten máis conciencia de corpo social. Deixamos de ser unha colección de individuos que coinciden vivindo sobre un territorio, para converternos nunha organización solidaria que se compromete co benestar de todos os seus membros. Se só nos considerásemos individuos illados, cada un dedicaríase a solucionar a súa vida e, no mellor dos casos, poderiamos axudar a outros por mera condescendencia, como un acto de caridade. É o que se facía ata o século XIX. Pero grazas a unha nova concepción da sociedade, esta converteuse nun conxunto solidario de cidadáns no que todos teñen dereito a un nivel básico de benestar. Xa non é unha cuestión de caridade voluntaria, todos os cidadáns teñen dereito a vivir dignamente e o Estado, centro de cohesión de todo o corpo social, ten a obrigación de garantilo. Por iso somos unha sociedade mellor e este é un logro irrenunciable.
O sistema naceu hai 135 anos
Esta conquista social, que caracteriza especialmente ás democracias europeas, ten a súa orixe nas leis que promoveu no Parlamento alemán o chanceler de ferro, Otto von Bismarck, hai 135 anos, para impor un seguro obrigatorio contra enfermidades e accidentes a favor de todos os traballadores da industria e da Administración do país. Bismarck non era precisamente socialista, pero foi o mellor medio que atopou para temperar o crecente malestar dos obreiros alemáns. A nova lei, que entrou en vigor o 15 de xullo de 1883, estableceu que o custo destes seguros obrigatorios debía ser abonado en dúas terceiras partes polos traballadores e nunha terceira parte polos empresarios, pero a lei foi impugnada ante a consideración de que non se debía esixir o seu financiamento aos traballadores. A impugnación prosperou e en 1884 aprobouse que o financiamento correse por completo a cargo dos patróns. Durante os anos seguintes a lei estendeuse ao resto dos traballadores asalariados e en 1889 estableceuse da mesma forma un seguro de xubilación e invalidez.
Con todo, o sistema creado por Bismarck non foi, aínda, un verdadeiro sistema público de seguridade social, porque a prestación dos seguros realizábana as empresas privadas coas que se contrataba e cubría só aos traballadores por conta allea, fundamentalmente o proletariado industrial e o persoal da Administración. Quedaban fóra moitas mulleres que traballaban nos seus fogares e os artesáns, os pequenos comerciantes e emprendedores autónomos. O auténtico concepto de Seguridade Social pública ten que incluír dúas características necesarias. A primeira é o carácter público do servizo prestado e a segunda é a cobertura total da poboación. Por iso a Seguridade Social ten que estar organizada polo Estado e amparar a todos os cidadáns da nación.
Para chegar á concepción dun sistema de carácter público no que o Estado se fixese responsable de forma integral da Seguridade Social houbo que esperar ao ano 1938, coa Lei de Seguridade Social de Nova Zelandia, que serviu de modelo para moitos países.
actividades
A1. A Constitución española determina no seu artigo primeiro que «España se constitúe nun Estado social e democrático de dereito». Esta definición básica da nación española deixa constancia de que nos constituímos como un conxunto solidario de cidadáns e a organización estatal responde de satisfacer os nosos dereitos en pé de igualdade. Iso ten que ver coa supervivencia necesaria da Seguridade Social e o seu carácter público. Buscade na Constitución española e no Estatuto de Autonomía da comunidade os artigos que fagan referencia ao dereito dos españois a gozar dunha Seguridade Social e á forma de organizar as súas prestacións.
A2. Probablemente non haxa ninguén na vosa clase que non teña recibido algunha vez ou que non estea a recibir na súa familia algunha das prestacións da Seguridade Social. Moitos terán avós xubilados que perciben unha pensión, alguén pode ou puido ter a seu pai ou a súa nai en paro ou padecendo unha enfermidade de longa duración e percibindo a prestación por desemprego, etcétera. Facede un estudo da relación da vosa contorna familiar coa Seguridade Social. Comprobade cantos membros da vosa familia están a traballar, reciben un salario e contribúen con case unha terceira parte a sufragar os gastos da Seguridade Social (eles son membros activos). Comprobade tamén cantos son perceptores de prestacións porque son xubilados, sofren incapacidade laboral ou están en paro. Comparade unha lista coa outra e tomade conciencia de se o resultado no voso caso é favorable á Seguridade Social ou o é á vosa familia. Reflexionade sobre iso.
A3. Para comentar o tema de hoxe é moi recomendable que leas os artigos 22 e 25 da Declaración Universal de Dereitos Humanos.