A metade invisible da ciencia

Bibiana García Visos

LA VOZ DE LA ESCUELA

Manifestación polo Día Internacional da Muller de 1917 en San Petersburgo (entón chamada Petrogrado)
Manifestación polo Día Internacional da Muller de 1917 en San Petersburgo (entón chamada Petrogrado)

Máis do 50 % das persoas que cursan graos de ciencias son mulleres. Con todo, segundo se avanza na carreira profesional, esta porcentaxe diminúe ata case desaparecer dos postos máis relevantes

07 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 8 de marzo Día Internacional da Muller en 1975. Un recoñecemento á longa loita das mulleres por equiparar os seus dereitos aos dos homes. Non hai que esquecer que, por exemplo en España, a universidade estivo vetada ás mulleres ata 1882, que non puideron votar ata 1933 ou que ata 1975 as casadas debían pedir permiso aos seus maridos para poder traballar, abrir unha conta corrente ou solicitar o pasaporte.

Mañá volve celebrarse este día a nivel mundial, 43 anos despois desa declaración da ONU, aínda con importantes desigualdades entre homes e mulleres en todos os campos, e o da ciencia non é unha excepción. Os datos sobre a situación actual da muller na carreira científica falan por si sós. Desde hai algo máis de 30 anos, a porcentaxe de mulleres universitarias en España supera a de homes. Desde o 2015, o número de mulleres que obteñen o doutoramento iguala o de homes. As mulleres científicas, ademais, presentan máis da metade das solicitudes de axudas para traballar como investigadoras e o 42 % das destinadas a proxectos de investigación.

TRES REITORAS

Con todo, esa metade feminina presente nos primeiros chanzos da carreira científica diminúe ata case desaparecer dos postos de maior responsabilidade, os máis visibles. Na universidade pública española, as mulleres ocupan pouco máis do 20 % das cátedras. E só hai 3 reitoras (Granada, País Vasco e Autónoma de Barcelona) fronte a 47 reitores. Unhas cifras que indican que falta un longo camiño por percorrer ata lograr o equilibrio.

A comezos de 2018, a institución estadounidense Pew Research Center, especializada no estudo de tendencias sociais e demográficas, fixo público un traballo sobre as condicións laborais das mulleres que exercen profesións relacionadas con ciencia, tecnoloxía, enxeñería ou matemáticas (conxunto de campos coñecidos, polas súas siglas en inglés, como STEM). As conclusións do estudo mostran que as mulleres que traballan no ámbito das STEM senten unha contorna laboral máis hostil que os seus compañeiros e pensan que ser muller supón unha desvantaxe para o éxito das súas carreiras. Entre todas as que traballan nestas áreas, as que se amosaron máis incómodas coa súa contorna laboral pertencen a estes tres grupos: as que traballan entre unha maioría de compañeiros homes, as que realizan tarefas relacionadas con computadores e as que teñen estudos de posgrao.

O informe tamén achega datos sobre a distribución de homes e mulleres nas 74 ocupacións clasificadas no ámbito das STEM. No campo da saúde hai un desequilibrio (75 %) a favor das mulleres, mentres que no da física (39 % de mulleres), a informática e os computadores (25 %) e a enxeñería (14 %) é a favor dos homes. No mundo das matemáticas (47 % de mulleres) e as ciencias da vida (48 %) hai certo equilibrio. En conxunto, o 50 % dos postos de traballo das STEM están ocupados por mulleres. De novo volve haber unha metade feminina que non se reflicte nos postos máis visibles, xa que só o 10 % alcanzan cargos directivos nas distintas áreas das STEM.

Só o 3 % dos nobeles de ciencias son mulleres

Desde a creación do Premio Nobel en 1901, tan só o 5 % destes galardóns foron a parar a mans de mulleres. Se unicamente se contabilizan os Nobel de ciencias (Química, Física e Medicina) esa cifra descende ata o 3 %. No 2017 ningunha muller gañou un Nobel, e nos últimos dez anos só se lles concederon o 6,5 %. Preguntado sobre este asunto, o presidente da Fundación Nobel afirmou que isto se debía a que agora se premian traballos realizados nos anos corenta e cincuenta, cando a maioría das investigacións estaban lideradas por homes. Fronte a este argumento, hai numerosos exemplos nos últimos cen anos de traballos dalgunha muller dignos dun Nobel.

A comezos do século XX, Henrietta Levitt descubriu unha lei nas estrelas que permitía calcular por primeira vez grandes distancias no universo, o que supuxo unha verdadeira revolución no campo da astronomía. Nunca recibiu un Nobel.

Os traballos de Lisa Meitner deron lugar á física nuclear, pero o Nobel desta materia de 1944 foi só para o seu sobriño, e compañeiro de investigacións, Otto Robert Frisch. Previamente foran nomeados os dous. En 1967, Jocelyn Bell foi a primeira persoa en detectar un púlsar, un novo tipo de estrela que emite radiación de forma periódica. O Nobel de Física de 1974 recibiuno Antony Hewish, o seu director de tese.

A lista de mulleres merecedoras dun Nobel é moito máis longa, e as porcentaxes de presenza feminina nestes premios poderían ser máis altas se fosen tidas en conta. Aínda que sempre estará aí Marie Curie. A única persoa da historia que recibiu dous premios Nobel científicos en campos distintos (Química e Física) é unha muller.

actividades

Enquisa. Pregunta a todos os alumnos do teu curso que poidas a que lles gustaría dedicarse profesionalmente. Cando teñas todas as respostas, clasifica os datos para saber se hai diferenzas por sexo. Cal é a profesión máis demandada? Demándana igual número de mozas que de mozos? Hai algunha profesión que se repita máis entre un xénero ou outro? Poderías predicir o sexo dunha persoa en función da profesión escollida? Que outras conclusións podes sacar desta toma de datos?

Para curiosas

Das 1.586 persoas honradas con que un cráter da Lúa leve o seu nome, 28 son mulleres. As páxinas do libro «Las mujeres de la Luna», da editorial Next Door Publisher, invitan a reflexionar sobre este feito e permiten coñecer mellor as súas vidas.