«Verde, que te quiero verde»

> Moncho Núñez Centella

LA VOZ DE LA ESCUELA

Visión ao microscopio de células vexetais, onde poden observarse os cloroplastos, nos que se atopa a clorofila
Visión ao microscopio de células vexetais, onde poden observarse os cloroplastos, nos que se atopa a clorofila

Galicia é verde grazas á clorofila, o pigmento que dá esa cor ás plantas que enchen a nosa paisaxe

28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

esta ocasión Manuel Colmeiro non necesitou definir formas para reflectir a paisaxe propia de Galicia. A gama de verdes neste cadro, con recordos de Cézanne, basta para dotar de identidade, e tamén para enchelo de frescura e lirismo, o pano de fondo dunhas lavandeiras que refregan, torcen, tenden ou estenden as súas teas. Do mesmo xeito que a individualidade desas seis mulleres queda relatada sobre todo na cor dos seus cabelos, a alma galega materialízase nese poderoso abstracto de verdes bucólicos. Galicia é verde, éo a súa paisaxe e talvez tamén o sexa o país. Son verdes, ou será mellor dicir que están verdes, os prados, os montes e os vales, a herba e o vío, o primeiro plano e o horizonte, como tamén o están os recordos dalgúns plans de futuro. Pero non desesperemos. O verde é sobre todo cor de esperanza, e éo porque ver así os campos, os cultivos e as árbores é un sinal de vida, de que a terra dará os seus froitos.

A paisaxe de Galicia debémoslla a un clima que coida como ninguén a vexetación, coa rega necesaria e suficiente. Porque aí está a clave. Os nosos verdes son vexetais. A ciencia, que ten a teima de querer explicalo todo, di por exemplo que os prados teñen esa cor porque a herba absorbe as radiacións laranxa e azul da luz solar que recibe, queda con elas, e reflicte só a parte central do espectro luminoso, que corresponde á cor verde, e por iso vemos o campo así. Para entendernos cos físicos, diriamos que a herba reflexa soamente os fotóns de luz solar que teñen entre 500 e 550 nanómetros de lonxitude de onda. En realidade, quen absorbe os outros fotóns, os vermellos, alaranxados e azuis, é fundamentalmente a clorofila, unha substancia que hai nas follas e que bautizaron con ese nome os dous químicos que a illaron hai 200 anos. Pierre Joseph Pelletier e Joseph Bienaimé Caventou foron os primeiros en obter, a partir de plantas, substancias químicas como a quinina da árbore da quina, a cafeína do café e a clorofila, á que chamaron así porque era a que daba a cor verde ás follas, xa que en grego clásico khlorós significaba ‘verde’ e phyllon era ‘folla’.

A clorofila das plantas está formada por moléculas con máis dun centenar de átomos, onde un só é de magnesio, pero xoga un papel esencial (a fórmula empírica da clorofila máis común é C55H72O5N4Mg). Sen magnesio non hai clorofila, e non hai verdes na paisaxe. Quen o diría. A cousa ten ademais importancia vital, porque a clorofila é imprescindible para que as plantas realicen a fotosíntese, pola cal son capaces de almacenar en forma química a enerxía que absorben da luz solar. Neste proceso que finalmente xera hidratos de carbono, como é sabido, as plantas toman do aire o dióxido de carbono e desprenden osíxeno. Ou sexa que, ademais, arránxannos un pouco a atmosfera. Toda a enerxía que teñen as plantas, e todos os nosos alimentos vexetais, provén en definitiva do sol, pero é realidade asimilable por nós grazas a esa molécula que pon verde a paisaxe de Galicia. «Verde, que te quiero verde».

*P. S. Na biografía de Miguel de Molina, grande intérprete da copla Ojos verdes, cóntase que o texto desa canción, orixinal de Rafael de León, xurdiu dunha reunión onde tamén estaba García Lorca, e que foi entón cando ambos os poetas se propuxeron escribir sobre esa cor. Si un terminou cantando aos ollos verdes como a alfabaca, como o trigo verde ou o verde, verde limón, Federico deixounos o poderoso Romance sonámbulo, que termina coa actuación da Garda Civil e pondo as cousas no seu sitio.

 

 

 palabras con historia

A madeira vella e seca acéndese facilmente e crece e loce máis que as pólas verdes

Pietro Metastasio (1698-1782)

Xente nova e leña verde, todo é fume

Refrán popular

O verde na natureza é unha cousa, e na literatura é outra. A natureza e as letras parecen ter unha antipatía natural; se as xuntas, esnaquízanse mutuamente

Virginia Woolf (1882-1941)

Porque son, niña, tus ojos / verdes como el mar te quejas; / quizás, si negros o azules / se tornasen, lo sintieras

Gustavo Adolfo Bécquer (1836-1870)

Solo se anima ante el azar prohibido, sobre el verde tapete reclinado

Antonio Machado (1875-1939)

Verde que te quiero verde. / Verde viento. Verdes ramas. / El barco sobre la mar / y el caballo en la montaña

Federico García Lorca (1899-1936)

 actividades

1. A cor verde comprende no espectro visible as radiacións de lonxitude de onda intermedia. Ordena, de maior a menor lonxitude de onda, as seguintes ondas electromagnéticas: raios X, infravermellos, azul, VHF, ultravioleta, microondas.

 

2. O «Romance sonámbulo», de Federico García Lorca, está considerado un dos textos máis característicos do seu «Romancero gitano», e está trufado de metáforas. Indica algunha delas, explicando o seu significado. Aquí tes unha boa análise: goo.gl/dbkK69

 

3. Os matices do verde adóitanse expresar de modo descritivo, tomando como referencia algún elemento natural. Engade algunha tonalidade a esta relación, pero que non sexa vexetal: verde vío, verde oliva, verde mazá…

 

4. A cor verde é moi frecuente na natureza, pero non tanto no mundo animal. Fai unha colección de fotos de animais que poidan ser verdes.

 

5. Ademais de clorofila e cloroplastos, existen outras palabras que teñen a mesma raíz, derivada do grego «khlorós». ¿Cantas es capaz de enumerar?

 

6. Segundo o «Tesoro de la lengua castellana» (1611), de Covarrubias, un vello verde é aquel que segue sendo louzán e conserva «inclinacións galantes ou apetitos carnais impropios da súa idade». Se verde pode ser oposto a maduro, indica outros antónimos dese adxectivo.