O ano que cambiou ao mundo

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un dos acontecementos fundamentais do 68: a Primavera de Praga
Un dos acontecementos fundamentais do 68: a Primavera de Praga Engramma.it

Cumprirase pronto medio século do comezo da revolución do 68

28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos a 50 anos do mítico 1968. Esa data quedou no imaxinario colectivo estreitamente ligada á idea de revolución, a do 68. Aquel foi un tempo especialmente convulso, pero tamén espertador de inquietudes, esperanzas e utopías. A mocidade tivo un especial protagonismo en todos os acontecementos que se sucederon en diversas partes do mundo ao longo dos doce meses. A súa acción foi o fermento que fixo medrar a masa social e provocou movementos que conmocionaron e cambiaron o mundo.

 

UNHA ARMA NOVA

Ata entón todos os estalidos revolucionarios utilizaran a rebelión e a violencia botando man das armas e a loita rueira. Aquelas revolucións do ano 68 descubriron unha arma secreta nova, a palabra: foron as revolucións da palabra. O seu campo de batalla instalouse nos edificios institucionais, máis que nas rúas, ocupados para convertelos en territorios libres de debate, o seu instrumento de axitación social por excelencia. E descubriron o seu medio de comunicación nos muros nos que se escribían lemas e mensaxes. Os peches nas aulas resolvíanse en longas discusións nas que se expuñan as bases ideolóxicas sobre as que debería asentarse o futuro. A comunicación baseábase en slogans, que se buscaba fosen imaxinativos, sorprendentes e creativos.

O 68 deixou sobre todo mensaxes, poemas e letras de cancións, poemas con música, a chamada canción protesta que elevou a cantantes como Bob Dylan, premiado co Nobel de Literatura moitos anos despois, Donovan, os Beatles, Simon e Garfunkel, Joan Baez, Jacques Brel. En España, Raimon, Paco Ibáñez, Lluís Llac, Joan Manuel Serrat. En Latinoamérica, Violeta Parra, Víctor Jara, Atahualpa Yupanqui. E un longo etcétera de ídolos da mocidade que transmitiron un espírito de rebeldía contra unha sociedade adormentada na que era necesario reivindicar xustiza social, equidade e solidariedade cos desherdados da fortuna.

Puntos quentes do 68 

Todo o ano estivo cheo de acontecementos importantes, algúns terribles, outros inicialmente esperanzadores e despois frustrantes. Recordemos algúns deles:

Guerra de Vietnam. Os Estados Unidos vivían o peor momento da súa implicación na guerra de Vietnam. En casa a impopularidade do conflito era total, sobre todo entre a mocidade ameazada de recrutamento. E no escenario bélico as dificultades eran xa imposibles de ocultar. A ofensiva do Tet, a principios do ano, mostrou o potencial bélico real dos guerrilleiros. Aínda que se puido dominar, evidenciou unha forza militar dos norvietnamitas inesperada e produciu unha drástica baixada de moral dos soldados ianquis que tivo como consecuencia accións descontroladas, como o asasinato nunha rúa de Saigón (hoxe Cidade Ho Chi Minh) dun guerrilleiro ?a imaxe espantou a todo o mundo? ou a matanza na aldea de My Lai. Empezaba a facerse evidente que o Exército norteamericano non podía gañar a guerra.

Primavera de Praga. O 5 de xaneiro alcanzou o poder en Checoslovaquia o líder Alexander Dubcek e comezou unha liberalización do réxime comunista que denominaría socialismo con rostro humano, e que no resto do mundo se chamou Primavera de Praga. O experimento terminou traxicamente coa invasión do país polas tropas do Pacto de Varsovia en agosto do mesmo ano.

Revolta estudantil en Francia. O 22 de marzo un grupo de estudantes dirixidos por Daniel Cohn-Bendit encerráronse na Facultade de Económicas da Universidade de Nanterre e comezaron unha protesta que se estendeu no mes de maio á Universidade da Sorbona, producindo o levantamento de Maio do 68 en París. Os estudantes tomaron a universidade e constituíronse en asemblea permanente. Os disturbios estendéronse por todo o barrio Latino e pronto se lles uniron os obreiros declarando a maior folga que perturbou Francia no século XX. Ata finais de xuño non se conseguiu restablecer a paz e a orde na capital francesa.

Asasinato de Martin Luther King. Loita polos dereitos civís. O 4 de abril foi asasinado nun motel de Memphis por un francotirador o líder da loita polos dereitos civís dos negros Martin Luther King. A consecuencia do asasinato estalaron motíns nas principais cidades dos Estados Unidos, cun resultado de preto de 50 mortos.

Revoltas na Universidade de Columbia en Nova York. Do 23 ao 30 de abril a Universidade de Columbia na Cidade de Nova York foi ocupada por miles de estudantes en protesta contra a contribución dos seus departamentos ás actividades do Pentágono e en solidariedade cos habitantes do gueto negro veciño de Harlem.

Concerto de Raimon na Facultade de Económicas de Madrid. O 18 de maio ofreceuse en Madrid un multitudinario concerto do cantautor Raimon ao que acudiron miles de estudantes que protestaban contra a represión da policía no campus. A Facultade de Ciencias foi clausurada.

España. Produciuse o 7 de xuño nun control de estradas o primeiro asasinato de ETA. A vítima foi o garda civil galego José Antonio Pardiñas. O segundo atentado foi contra o policía Melitón Mazás.

O diario Madrid foi suspendido durante dous meses pola publicación do artigo de Rafael Calvo Serer «Retirarse a tempo», no que falando de De Gaulle proponse a retirada de Franco.

Asasinato de Robert Kennedy. O 6 de xuño foi asasinado nos Ánxeles o senador Robert Kennedy, candidato do Partido Demócrata á presidencia dos Estados Unidos.

Matanza de Tlatelolco (México ). As revoltas universitarias comezaron en México a finais de xullo, e ameazaban con continuar durante a celebración dos Xogos Olímpicos deste ano 1968, que ían celebrarse na capital azteca. As revoltas estudantís terminaron traxicamente o 2 de outubro, cando miles de estudantes que se concentraron na praza das Tres Culturas, de Tlatelolco, foron metrallados polo Exército. Morreron un número indeterminado de vítimas, que anos máis tarde se calculou en 250. Os detidos excederon de 3.000. Dez días máis tarde inauguráronse na cidade os XIX Xogos Olímpicos, coma se nada ocorrera.

O poder negro maniféstase na Olimpíada de México. Os atletas negros norteamericanos visualizaron nos Xogos Olímpicos o seu apoio á loita polos dereitos civís, recibindo no podio as súas medallas cos puños en alto enfundados en luvas negras.

OS MUROS TEÑEN A PALABRA

A forza da comunicación das paredes naqueles días da primavera de 1968 foi tan poderosa que aínda perduran na memoria de quen os viviron. Esta é unha mostra das máis coñecidas:

«A imaxinación ao poder»

«Prohibido prohibir»

«Sexamos realistas, pidamos o imposible»

«Queremos o mundo e querémolo agora»

 «Non te fíes de alguén que teña máis de trinta anos»

 «Se non formas parte da solución, formas parte do problema»

 «As paredes teñen oídos. Os vosos oídos teñen paredes»

 «Esquece o que aprendiches, comeza a soñar»

ACTIVIDADE

Hai moitos datos para profundar e investigar en calquera dos acontecementos que ocorreron no mundo durante aquel ano sinalado. Isto permite a libre iniciativa do profesor ou dos alumnos para escoller a que sexa máis do seu interese.