Sentido crítico para as noticias políticas

LA VOZ DE LA ESCUELA

A imaxe é exemplo dun engano, dun efecto óptico. O temerario protagonista que desafía a furia do Atlántico achábase, en realidade, a unha distancia máis que prudencial do mar, pero o teleobxectivo crea unha ilusión ao anular os planos visuais
A imaxe é exemplo dun engano, dun efecto óptico. O temerario protagonista que desafía a furia do Atlántico achábase, en realidade, a unha distancia máis que prudencial do mar, pero o teleobxectivo crea unha ilusión ao anular os planos visuais CARLOS OCAMPO

Algunhas das formas mediante as que os dirixentes tratan de manipular a opinión pública poden ser enganosas

24 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiven unha cadela que me intentaba enganar. Cando a deixaba soa na casa, subía á miña cama, aínda que o tiña prohibido. Ao sentirme chegar, no canto de vir saudar, como é elemental obrigación canina, baixábase e enrolábase no seu almofadón cama, pondo cara de que pasou aquí, quen rompeu ningún prato. Para min foi todo un descubrimento comprobar que os animais poidesen ter vontade de intentar enganar.

Non pouco pensei sobre este comportamento que ata entón sempre considerara prerrogativa exclusiva do único ser dotado de linguaxe. De feito, o influente lingüista Charles Hockett consideraba que a prevarication (falso amigo que debería traducirse por mentira ou falsidade) é unha propiedade exclusiva da linguaxe humana grazas á cal «as mensaxes lingüísticas poden ser falsas […] e poden non ter ningún significado en sentido lóxico», o que está «na base da mentira, da ficción, do erro...».

Sei que a miña cadela non mentía, así que non vou martirizar a ninguén con aquilo de que só lle faltaba falar. Con todo, si intentaba facerme crer algo falso: que non se movera do seu almofadón. E aínda que, grazas á miña superior astucia, nunca o conseguiu, si descubrín que unha cousa é enganar (facer crer a alguén que algo falso é verdadeiro) e outra, ligada á capacidade de falar, mentir.

MENTEN E SABÉMOLO, PERO...

Rechamou nas derradeiras semanas do pasado ano a cantidade de análises, noticias e entrevistas publicadas por La Voz e por outros xornais nas que termos como mentira, farsa, falsidade, engano ou ficción asomaron nos titulares a propósito do proceso secesionista catalán. Un rosario de sinónimos que pode dar idea de que o engano adopta moitas formas e é de distintas clases.

Por se o río leva a auga que soa, analizamos algunhas destas noticias, como a titulada «El juez impone prisión bajo fianza para la presidenta del Parlamento de Cataluña» (10/11/2017) -xa sabes que na cabeceira da web www.lavozdegalicia.es tes un buscador para localizalas e lelas-. O primeiro parágrafo recolle como Carme Forcadell negou ante o xuíz que houbera unha declaración de independencia no Parlamento catalán, é dicir, afirmou que era falso algo que era verdade. Pero enseguida matizou que esa declaración só foi simbólica; é dicir, usando o mecanismo contrario, quixo facerlle crer ao xuíz que era verdade algo que era falso.

Nun estudo sobre as propiedades da linguaxe política, a profesora Marina Fernández Lagunilla afirma que os dirixentes «se expresan ás veces dun modo ambivalente e ambiguo, cualificado tamén de vago, opaco ou precavido ou de eufemístico ou indirecto» e que diso «os cidadáns teñen un certo coñecemento». É coma se estivésemos dispostos a tolerarlles certos embustes moi evidentes talvez porque xa nos afixemos a escoitalos no seu discurso.

MANIPULAR A LINGUAXE

Hai xeitos máis refinados de non dicir a verdade. Por exemplo, admitir só a parte que convén, como fixo o exvicepresidente catalán: «Oriol Junqueras, sobre el cambio de las sedes de los bancos: “Se van a los Països Cataláns, no a Madrid”» (6/10/2017).

A ambigüidade empregada para crear envurullos que parecen afirmar ao mesmo tempo unha cousa e a contraria require certos dotes oratorios, como os exhibidos polo expresidente da Generalitat ao asumir a independencia e menos dun minuto despois suspendela, como podes ler en «El final del discurso de Puigdemont» (10/10/2017).

Con isto entramos no terreo da manipulación da palabra, para o que son moi efectivos os slogans, que se basean en presuposicións. As presuposicións son información que se dá por sentada ou por sabida e que o oínte necesita recuperar para atribuír a unha oración valor de verdade (decidir se é certa ou falsa). O slogan «España róubanos» basea o seu éxito na presuposición de que Cataluña e o resto de España son dous territorios ou dous entes políticos distintos.

O NOME DAS COUSAS

Cambiar o nome das cousas busca unhas veces o disfemismo ou mesmo o insulto co obxectivo de provocar reaccións airadas no adversario político, e outras un eufemismo que presente a realidade nun ton máis amable. Recórrese en ambos casos aos valores connotativos (hainos lingüísticos, pero tamén culturais ou sociais) dos termos empregados. Exemplo disto último é chamar presos políticos -«Amnistía Internacional [unha das oenegués a prol dos dereitos humanos máis reputadas] no considera presos políticos a los dirigentes catalanes detenidos» (8/11/2017)- a quen están detidos por levar a cabo un referendo ilegal ou por alborotar as rúas. E é que no noso imaxinario común esta expresión vai unida a connotacións como as de ‘vítima’ ou ‘inxustiza’.

Ler entre liñas para chegar á verdade

Pódese enganar a un moitas veces ou a todo o mundo algún tempo, pero a todos todo o tempo... Esta máxima de Abraham Lincoln contrasta con este titular: «En el 2022 la información que se creerán la mayor parte de los usuarios occidentales será falsa» (9/11/2017). Quere isto dicir que somos inxenuos? Será que nos sentimos máis inclinados a crer a certas persoas, que nos caen simpáticas ou ás que nos sentimos afíns, que a outras que nos resultan máis antipáticas? Ou é que descargamos a culpa no de sempre (chiove, porco Governo, que diría un auténtico italiano)?

Xulgar con superficialidade, deixarse levar máis polas emocións que por unha análise obxectiva do que vemos, lemos e escoitamos ou permitir que a fácil eficacia dos slogans moldee o noso pensamento son perigos nos que non resulta difícil caer nestes tempos nos que triunfa a posverdade (mira a primeira das actividades para afondar neste concepto). Se queremos evitalo e ser capaces de pensar por nós mesmos, temos que esforzarnos por superar os niveis mecánico da lectura (converter as letras en sons) e semántico (asignar significado ás palabras), algo que se estás lendo este texto damos por suposto, e mesmo o comprensivo, que require entender o propósito do autor. Esoutro nivel de lectura, o que se chama crítico, é aquel en que serás capaz de ver como pode influír en ti a ideoloxía que hai oculta entre liñas.

 actividades

Sabes que é a posverdade, un termo que se puxo de moda durante a campaña electoral do actual presidente de Estados Unidos, Donald Trump? Isto último pode xerar invencións como a que dá título a «La farsa de la cifra de heridos que no eran reales» (4/10/2017). Busca noticias nas que apareza este neoloxismo.

«Es mucho más verdadera la ficción de una novela que el discurso político» (1/11/2017). Nun momento desta entrevista, a escritora arxentina de orixe galega Claudia Piñero di que a linguaxe política carece de contido e que está pensada con ferramentas de márketing para lograr fins inmediatos. Estades de acordo? Buscade exemplos.

Debate: «Los ejércitos del futuro tendrán más informáticos y menos soldados» (7/1/2018) dá pistas sobre a guerra fría que vén. A ameaza non provén das armas, senón da intoxicación informativa que provocan as noticias falsas difundidas masivamente polas redes sociais.

Buscade noticias que inclúan as expresións «referendo ilegal» e «mandato popular». Falan do mesmo? Parécevos que son disfemismos ou eufemismos?