Paseos pola natureza en pleno inverno

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha garza real á beira do río Mero (Cambre, A Coruña)
Unha garza real á beira do río Mero (Cambre, A Coruña) Carlos Ocampo

Ideas para disfrutar da observación da biodiversidade nos meses máis fríos do ano

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vale que os días son curtos, que a meteoroloxía non adoita ser favorable, que hai moitos compromisos familiares, que temos que facer compras e axudar a cociñar, e a pór e retirar a mesa de cada día de festa... Aínda así, o Nadal está cheo de intres libres para gozar do que máis che apeteza. De feito, estas vacacións son as que máis se parecen a un agasallo de todas as do curso escolar, se no que pensas é en facer máis dunha excursión á natureza. E non só porque nestas celebracións coincidan Noiteboa e a noite de Reis, e poidas aproveitar para pedir uns prismáticos, unha guía de campo ou unhas botas resistentes. É que poucos momentos hai no ano tan ideais para saír ao descubrimento dalgunhas das nosas paisaxes silvestres máis fascinantes. Entre outras cousas, porque é posible que apenas te atopes a ninguén.

Igual tes sorte e preto de onde vives ou vas pasar eses días hai un bosque, un monte, unha lagoa, unha ría ou unha praia. Ou sinxelamente un xardín o suficientemente grande como para albergar unha diversidade de flora e fauna silvestres capaz de manter entusiasmado durante horas e horas ao explorador que levas dentro. Se ademais hai por aí máis dunha persoa que comparta a túa paixón pola natureza coa que saír a camiñar, xa dispós de case todo o que necesitas para emprender as túas aventuras. Porque é moito máis divertido, e desde logo seguro, ter compañía. Igual resulta que, por outro lado, tes uns pais, padriños ou tíos encantadores, dispostos a achegarte en coche a ti e aos teus amigos a algún dos parques naturais de Galicia... Sexa como sexa, non perdas a oportunidade.

Unha opción moi interesante, antes de que chegue o día de vacacións, é organizar esas expedicións na aula, con axuda do profesor ou profesora, e contando con canta xente desexe apuntarse. Incluso familiares, ou amigos que estuden noutros centros. O caso é pasalo ben, ¿non?

 

GRANDES EXPLORADORES

Neste caso, o mellor xeito de comezar é estendendo un mapa da vosa comarca sobre unha mesa. Ou na pantalla do computador. Que lugares vos parecen máis propicios para investigar desde un punto de vista naturalista? Por que? Se tedes que quedarvos só con dous ou tres deles, cales serían? Cal é o mellor xeito de chegar ata cada un? E o percorrido máis apropiado, en termos de distancia e tempo, para facervos unha idea o máis completa posible da diversidade das súas paisaxes e da súa flora e fauna? Que tipo de ferramentas de campo, ademais de comida e bebida, credes máis oportuno levar? Probablemente esta lista inclúa prismáticos, guías, lupa, cámaras, cadernos, o mapa ou un móbil con GPS... Que máis? Antes de que vos preguntedes pola roupa máis adecuada, recordade que nestas datas o tempo pode cambiar de xeito drástico en só uns minutos. E máis dunha vez ao día.

Preguntas e consideracións moi similares ás do parágrafo anterior foron as que se fixeron durante séculos os máis grandes exploradores da historia, desde o cartaxinés Himilcón, que pasou por Galicia no século V antes de Cristo, ata quen hoxe investigan as profundidades abisais dos océanos a bordo de modernos batiscafos. Marco Polo, Juan Sebastián Elcano, James Cook, Roald Amundsen, a monxa galega Egeria, que chegou ata Exipto no século V, Jane Goodall... Cada unha destas persoas, nunca o esquezas, comezou a súa carreira de exploración na súa infancia e non lonxe da súa casa. A miúdo, inspirada polos seus pais, os seus profesores e as súas lecturas. E logo, cada vez máis, polos seus persoais achados. Uns achados que ás veces tiñan forma de pequena flor, outras de durmideiro de aves, ou de lontras na corrente dun río... Pero, sobre todo, dese tipo de sensacións e aventuras tan formidables que xamais se esquecen. Sensacións e aventuras do tipo, precisamente, das que che esperan na natureza só co feito de que saias ao seu encontro co espírito adecuado.

Nestas páxinas propómosche algunhas ideas de paseos naturalistas bastante fáciles de acometer. Xa sexan estas ou outras que se vos ocorran, boa sorte e que descubras moitas cousas!

 

Observación de aves en rías, lagoas e encoros

Son multitude as especies de aves que escollen os nosos humidais para invernar. Patos, garzas, ou pernilongas chegan a sumar varios miles en lugares como a enseada do Grove, a desembocadura do Miño ou as rías de Ortigueira e Ribadeo. E centos ou uns poucos miles en encoros como o de Abegondo-Cecebre, a desembocadura do río Anllóns, a ría de Noia ou a lagoa de Cospeito. É posible que preto de onde vaias pasar as vacacións haxa un lugar non tan populoso en termos de aves, pero aínda así moi interesante. Infórmate.

Un destino estupendo para observar de preto moitas destas especies é a ría do Burgo, entre Culleredo, Oleiros e Cambre, ao fondo da ría da Coruña. Dáse a coincidencia de que é á vez fogar de numerosas aves e destino diario de miles de camiñantes que nunca abandonan o paseo marítimo. Grazas a isto último, numerosas aves salvaxes, algunhas oriúndas de Siberia ou Canadá, poden observarse desde distancias moi próximas, imposibles en case calquera outro lugar. Algo parecido sucede coa lagoa de Valdoviño.

A fin de asegurarte unha xornada proveitosa, non esquezas os prismáticos e unha guía de aves. E se tes a man un telescopio, mellor.

Procura e identificación de pegadas no barro ou na neve

Esta actividade chega a resultar en grao sumo adictiva e pode realizarse en moitos lugares, incluso na contorna do teu pobo ou cidade. Se neva, o cal é cada vez menos frecuente, será como ler historias en páxinas tan brancas como infinitas. Quen pasou antes e despois? Un corzo, un xabaril, un raposo? Un ratiño, un paxaro?

Se choveu, recoñece aqueles recunchos de camiños e beiras nos que o barro se abranda máis e polo que á vez pasan máis destes animais, a maioría deles nocturnos. Aprende nunha guía, e de forma práctica despois agachándoche no campo, os detalles que diferencian por exemplo as pegadas dun raposo das dun can pequeno.

Paseo por un bosque invernal

Os bosques autóctonos no inverno son ambientes moi especiais, case máxicos. Desprendidos das súas follaxes, as árbores revélannos as arquitecturas das súas ramas, e é fácil descubrir nelas niños feitos, ocupados e abandonados hai meses. Descubrirás que no inverno, sobre todo se o día é solleiro, continúa habendo alí moita actividade en forma de pequenos invertebrados. Tamén baixo as follas caídas e as pedras. Dá a volta a algunha destas, a ver que atopas. Pero recorda logo deixala tal e como a atopaches.

En canto ás follas secas, fai unha colección das de diferentes árbores. Estuda as súas formas, as súas nervaduras, o xeito en que foron devoradas por pequenas criaturas ou se teñen bugallos, esas boliñas nas que crecen certo tipo de diminutas avespas. Intenta identificar especies de mofos e liques nos troncos. Unha vez máis, virache ben unha guía de campo. Tamén podes facer fotografías e dedicar daquela varios intres en casa a pórlles o nome que lles corresponde.

A través da praia

A luz das praias no inverno, sobre todo á primeira hora, xusto ao amencer, pode chegar a asombrare ata extremos que non imaxinas. Tamén á noitiña, só que entón é probable que che rodeen máis persoas. Na area atoparás bastantes pegadas de animais, e na beira, traídas polo mar, infinidade de algas, cunchas, e moitos outros restos de flora e fauna mariña. Incluídos, ás veces, cadáveres de aves ou golfiños. Tamén, e isto é aínda máis triste, moitos restos de lixo, sobre todo plásticos.

No verán demasiados concellos esfórzanse aínda por retirar todo isto, cando deberían deixar as algas, pois son refuxio e alimento de moitos invertebrados que á súa vez manteñen as praias como o ecosistema que sempre foron, e non como unha mera chaira areosa. Os plásticos e outros lixos si que hai que levarllos. Igual podes botar unha man nisto, e de paso identificar as orixes dalgunhas deses restos artificiais. Iso si: ten coidado cos cristais e outras superficies cortantes.

A fauna da cidade

Se non tes previsto abandonar a cidade nestas datas, non te preocupes. Tamén nela hai multitude de oportunidades para os naturalistas máis entusiastas. Parques e xardíns acollen moitas especies de aves, algunhas delas tamén hibernantes: picas, tordos... E sobre todo estorniños pintos. As súas bandadas á tardiña rumbo aos seus durmideiros forman enormes, vertixinosas e hipnóticas nubes escuras baixo o ceo. Se a cidade ten costa, nas pozas intermareais das rocas acharás acuarios salvaxes en miniatura repletos de vida. Se a atravesa un río, seguro que nas súas beiras non é difícil observar garzas, patos e incluso algunha lontra.

Un libro inspirador

É esta unha deliciosa colección de recordos das andanzas naturalistas infantís e xuvenís do fotógrafo de natureza Luis Manuel Iglesias , especializado en retratar a fauna galega, sobre todo a máis diminuta e descoñecida, e por iso mesmo máis fascinante. Ambientados moitos na parroquia de Vilaboa, no municipio coruñés de Culleredo, estes relatos poderían ter ocorrido en calquera outro recuncho de Galicia. Son o mellor estímulo para animarnos a mozos e maiores a saír cara a onde a biodiversidade forma selvas minúsculas, case ao bordo dunha beirarrúa, ou ecosistemas tan complexos como é posible imaxinar. Como di Luis, «alá onde vaiamos, a natureza sempre ten sorpresas que mostrarnos, e renunciar a elas é simplemente renunciar a nós mesmos».