Esqueletos que falan de historia

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Esqueleto achado nunha das tumbas escavadas no castro de San Lourenzo (Cereixa, Lugo)
Esqueleto achado nunha das tumbas escavadas no castro de San Lourenzo (Cereixa, Lugo) CARLOS CORTÉS

A aparición dos restos óseos de dúas persoas na Pobra de Brollón e en Mondoñedo abre unha ventá a coñecer mellor a vida no Medievo

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Pulvis es et in pulverum reverteris». Ou sexa, como di ese proverbio latino sacado do Xénese, po es e en po te converterás. Quizais Atilano e unha muller de nome descoñecido ignoraban todo iso, pero acabaron reducidos a po. O que non sabían era que un milenio despois ían atopalos os seus descendentes. É dicir, neste ano que xa remata e co que eles nin poderían ter soñado. Porque esas dúas persoas saíron á luz hai moi pouco pero, claro está, amosando a quen as descubriron tan só o seu esqueleto. As partes brandas do corpo acabaron reducidas e iso, a po.

Dous puntos xeográficos de interese: A Pobra do Brollón e Mondoñedo. Na Pobra do Brollón apareceu un esqueleto humano con preto dun milenio de antigüidade. Estaba no castro de San Lourenzo de Cereixa, que anda a ser escavado coa colaboración veciñal (aí está en primeira liña a asociación María Castaña), e de feito un emigrante do lugar que con 15 anos marchou a Venezuela foi o primeiro en poñer os cartos enriba da mesa para que a escavación se puidese levar a cabo.

O curioso do caso é que ese esqueleto, que foi bautizado polos arqueólogos co nome de Atilano, non pertenceu a un nobre nin a un bispo ou un abade. Deses hai uns cantos en Galicia, moitos deles co seu cenotafio nas igrexas de todo o país. Atilano era un home dunha clase social baixa, carecía de poder ou fortuna. E sabémolo porque é un enterramento moi humilde. Iso é o que o fai especial: existen poucos casos coma el.

A muller foi descuberta en Mondoñedo na escavación que se levou a cabo entre o 7 de setembro e o mesmo día de novembro. Estaba na zona dos Castros, a carón do centro urbano. Atopábase nunha tumba perfectamente selada con pedras (lousa sobre todo) que actuaron como illante, de maneira que a osamenta se presentou completa.

Quen era? Segundo os investigadores, unha muller de máis de 45 anos que padecía unha enfermidade chamada osteoartrose, a cal produce cambios na cartilaxe ata degradala. Aquí tamén hai que remontarse á Idade Media, até antes do século XI, para entender o mundo onde viviu esa muller. O curioso é que o lugar exacto foi habitado antes polos castrexos e logo polos romanos.

Pero no fondo, quen foron Atilano e esa descoñecida? Xamais o saberemos.

 

NOS CAMIÑOS DE SANTIAGO

A aparición destes dous esqueletos súmase a outras que tiveron lugar no País Vasco, Navarra e Aragón. E todas elas son obxecto de estudo por parte dun arqueólogo compostelán, Patxi Pérez Ramallo, que nunha iniciativa financiada por unha entidade bancaria está a traballar no impacto xenético que tiveron as peregrinacións a Santiago nas poboacións do norte español. O problema, como declaraba o propio Pérez Ramallo a este xornal, é que en Galicia a terra é ácida e iso non favorece a conservación de restos orgánicos, mentres que «en Aragón e Navarra é espectacular a cantidade e calidade dos restos óseos que se conservan».

Nos tempos de María Castaña

Ignoramos quen foron Atilano ou a muller de Mondoñedo. Pero si sabemos quen foi María Castaña, que na Pobra do Brollón, de onde era veciña, está considerada unha heroína. Ela, segundo a tradición, foi a líder dunha rebelión na Idade Media contra un recadador de impostos. Hoxe en día o seu nome forma parte do acervo popular galego: emprégase para facer referencia a algo que pasou hai moito tempo: «Iso éche dos tempos de María Castaña».

«Hai continuidade de ocupación dos castros desde a Idade de Ferro ata a Idade Media»

(ENTREVISTA | FRANCISCO JAVIER CHAO, ARQUEÓLOGO)

Francisco Javier Chao Álvarez (A Pastoriza, Lugo, 1970) é un arqueólogo agora radicado en Ourense. Entre as múltiples escavacións nas que leva participado, destacan varias con esqueletos: o convento de San Francisco (A Coruña), dúas igrexas en Pontevedra e outra en Santiago, a carón do mercado de abastos.

?Son importantes os descubrimentos da Pobra do Brollón e Mondoñedo?

?A aparición de esqueletos sempre o é, porque esa é a mellor forma de testemuñar a presenza humana nun xacemento. Nestes dous casos, resulta moi interesante comprobar como hai unha continuidade na ocupación das aldeas da Idade do Ferro ata a Idade Media.

?Iso non o sabiamos?

?A cotío damos por feito que os castros deixan de utilizarse contra finais da época romana.

?Que imos coñecer grazas a esas dúas persoas?

?Cando o estado de conservación dun esqueleto é bo, podemos saber dela o sexo, a idade á que morreu, as enfermidades que tivo, o que comía... Se ademais aparecen enxovais vinculados aos enterramento, podemos coñecer como vestían, que adornos ou mesmo que utensilios ou ferramentas usaban.

?Como é iso?

?En ocasións colócanse a carón do cadáver. Por suposto, tamén podemos obter algo de información sobre o ritual de enterramento en si mesmo, orientación, posición do corpo ou tipo de cadaleito.

?Pero entón non sería mellor deixar os ósos onde están?

?O terreo en Galicia é moi ácido e descompón a materia orgánica con moita rapidez, polo que non é moi frecuente atopar esqueletos en bo estado. O problema unha vez descubertos é que se acelera ese proceso de descomposición se non se tratan de forma axeitada.

?Entón mellor non deixalos no sitio.

?É que mantelos no sitio orixinal en boas condicións de humidade e temperatura é case imposible, polo que o habitual é recollelos e conservalos nun laboratorio nesas condicións idóneas.

?Por que ten que estar un arqueólogo nunha escavación?

?O traballo arqueolóxico require moito coidado e precisión, e aplicar técnicas axeitadas que non danen os restos que se poden atopar. Ademais é necesario entender e interpretar eses restos que aparecen, porque normalmente os atopamos en pequenos anacos, e non completos, polo que non sempre é doado saber de qué se trata.

Actividades

Para empezar, as noticias suscitan interrogantes elementais: Onde están eses concellos? De cando a cando é a Idade Media? Que ten que ver que a terra sexa ácida para que non se conserven ben os restos óseos (diso fala o entrevistado)?

  • Coas peregrinacións moita xente quedaba a vivir nalgunha das partes polas que pasara: Galicia, Asturias, Cantabria... Así pois, todas estas terras teñen unha poboación mesturada. Segue sendo igual na túa clase? Ten todo o mundo o mesmo cor de ollos ou de pel?
  • Moi poucas zonas do mundo teñen poboación sen mesturas, porque emigrar é unha característica do ser humano. A onde queren emigrar grandes masas de xente de África?
  • En ningún caso hai que escavar sen un arqueólogo diante. Estás de acordo? Por que?
  • Que cres que pensarían naqueles tempos Atilano e a muller de Mondoñedo? Que relixión terían? Que obxectos que poidas coñecer ti xa tiñan eles?
  • Máis actividades e enlaces: vai a www.prensaescuela.es. Na Noticia do día, no calendario de abaixo, elixe o día 5 deste mes.
  • Tes dúbidas? Na web www.prensaescuela.es hai un botón Pregunta a un científico. El te responderá.
  • E se queres saber como conseguimos estas información, nesa mesma web hai un botón Pregunta a un xornalista.