Cada área de aprendizaxe ten a súa noticia

Comprobámolo nun curso de formación de profesores sobre como traballar co xornal que realizamos en Santiago os días 21, 23, 28 e que finalizará mañá, día 30 de novembro. A pregunta foi esta, a comezo da primeira xornada: ¿é posible atopar cada día, todos os días, unha noticia para as principais áreas de ensino, por exemplo a nivel de primaria ou secundaria? A resposta foi breve e contundente. Os asistentes ao curso tomaron a palabra, boli en man, e escribiron. Estes son, sen máis, os resultados que damos en brevísimo esquema. ¡Parabéns! Foi a mellor forma de entrar noutras actividades. ¡Non hai desculpa! Todas as áreas teñen a súa noticia? todos os días.

.Pintar as noticias (a partir delas) é unha posible actividade para traballar a noticia na aula
Pintar as noticias (a partir delas) é unha posible actividade para traballar a noticia na aula

 

1. BIOLOXÍA E XEOLOXÍA

Un galego realiza a primeira operación cirúrxica na válvula mitral co corazón latexando

Paciente de 63 anos, con múltiples operacións, practícanlle unha operación a vida ou morte para coser cun fío a válvula mitral danada.

  • ACTIVIDADES: Cun fonendoscopio, escoitar o latexado do corazón / Correr e saltar con intensidade, parar e ver como latexa rapidamente / O mesmo cando se está relaxado / Comparar latexos en repouso e en movemento
  • RECURSOS: Visualización da serie «Érase unha vez o corpo humano. Aparello circulatorio»
  • Selección da noticia e propostas de Marina , Conchi e Pili

 

2. XEOGRAFÍA E HISTORIA

Achan o fósil dun león dunha especie extinta hai 12.000 anos

Atópase en Siberia unha cría de león cavernario en perfecto estado de conservación. O animal podía ter entre 20.000 e 50.000 anos. Foi atopado na beira do río Tirekhtykh, en Siberia, por un residente.

  • ACTIVIDADES: Localiza nun mapa ese río de Siberia / Fai unha liña do tempo e sitúa a época na que viviu o león cavernario / Desenterrar osos de animais. Con barro, pincel, etcétera, ir formando o oso do esqueleto / Estudar o tempo de Siberia e facer un climograma
  • RECURSOS: Película «Ice Age» / Google Maps / Esqueletos /Barómetro, termómetro, pluviómetro / Contos sobre historia da Terra.
  • Selección da noticia e propostas de Eva e Águeda

 

3. LINGUA CASTELÁ

Roubo de móbil con final feliz

Un repartidor sofre un roubo en pleno día e grazas ao número do aparello descubriron a venda deste dispositivo roubado.

  • ACTIVIDADES: Traballaremos esta noticia en Lingua: Composición e redacción / Vocabulario / Ortografía / Tipoloxías textuais / Inventar outro titular / Dado só o titular, redactar a noticia / Transformar a noticia nunha entrevista
  • RECURSOS: Escenificar o sucedido / Presentar a noticia en distintos formatos: televisión, radio…
  • Selección da noticia e propostas de Carmen e Susana

 

4. LINGUA ESTRANXEIRA

Dous grapos acusados de reter a Cordón en Lyon e alugar a casa négano

Ambos, que están no cárcere pola súa colaboración co grupo, compareceron na primeira sesión do xuízo na Audiencia Nacional.

  • ACTIVIDADES: Localización en Google Maps dos lugares mencionados na noticia. Cítase ao aragonés Publio Cordón e a cidade de Lyon. Investiga aspectos xeográficos e culturais de ambos os lugares . Datos sobre historia e repercusión dos Grapo
  • RECURSOS: Extraer vocabulario do campo semántico do aloxamento e traducilo ao francés / TIC e redes sociais
  •  Selección da noticia e propostas de Isabel e Blanca

  

5. MATEMÁTICAS

Ofrecen 500 opcións de traballo a mozos con talento en Santiago

Feira de emprego que se desenvolve na Facultade de Económicas da USC coa finalidade de pór en contacto a mozos galegos con talento.

  • ACTIVIDADES: Procura da noticia no interior do xornal / Rodear os números que aparecen na noticia, con signos numéricos e letra /Representar os números no ábaco e coas regretas.
  • RECURSOS: Conectar coa Facultade de Económicas da Universidade de Santiago e decatarse de por onde van esas ofertas de traballo e en que sectores se atopan
  • Selección da noticia e propostas de Ángela e Helena

 

6. EDUCACIÓN FÍSICA

A comisión galega antiviolencia, en tramitación

O control da violencia no deporte terá como finalidade sancionar e erradicar condutas racistas, violentas e intolerantes.

  • ACTIVIDADES: Pautas de conduta e normas no ámbito educativo / Fomentar a coeducación nos xogos e deportes da área de Educación Física, extensible a outras materias / Pór ao alumnado en situacións de responsabilidade do control de normas
  • RECURSOS: Invitar á colaboración do árbitro no programa / Regras de xogo / Respecto do adversario / Saber estar
  • Selección da noticia e propostas de Roberto e Oliver

 

7. RELIXIÓN OU VALORES  ÉTICOS

Compañía de María presenta mañá unha nova oenegué

Presentación na igrexa do Centro. Pilar Martín Casalderrey, voluntaria da entidade en Nicaragua, falará sobre Os dereitos humanos básicos na Nova Vida.

  • ACTIVIDADES: Traballar e investigar sobre os dereitos humanos básicos
  • RECURSOS: Día dos dereitos básicos o 22 de novembro / Organizar actividades intercentros e plasmar o traballo nun periódico
  • Selección da noticia e propostas de Susana González.

 

8. MÚSICA

O pianista escocés Steven Osborne tocará este xoves coa Filharmonía

Atesoura dous premios: Gramophone e instrumentista do ano 2013. Ofrecerá dous concertos en Galicia.

  • ACTIVIDADES: Antes do concerto terá lugar unha charla onde o público poderá interactuar / Audición do pianista / Preparar preguntas para esa charla aberta.
  • RECURSOS: Buscar información sobre Steven Osborne / Presentar datos en lousa dixital do colexio / Internet dedica ampla información
  • Selección da noticia e propostas de Jesús e María del Carmen

 

Votación
0 votos
Comentarios

Cada área de aprendizaxe ten a súa noticia