Algo noso está a se queimar

Francisco Armesto

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os incendios de copa son os que máis rapidamente se extenden dunhas árbores a outras
Os incendios de copa son os que máis rapidamente se extenden dunhas árbores a outras miguel souto

É hora de facer balance e sacar consecuencias tras unha campaña de grandes incendios

22 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O perigo dos incendios volveuse tan presente na nosa vida cotiá que os informativos xa adoitan avisar sobre o nivel de risco. E comezouse a limitar comportamentos que antes eran libres, pois nalgunhas comunidades hai tempo que é necesario pedir un permiso para queimar restrollos, e incluso existen municipios que prohibiron as grelladas. Ten a súa lóxica, pois a maior parte dos incendios, máis do 90 %, están provocados polo ser humano, xa sexa deliberadamente ou de forma involuntaria. Esta é unha das razóns polas que Galicia, a pesar de ser unha das rexións máis húmidas de España, é a que adoita rexistrar unha maior cantidade de incendios forestais. E é que a seca ambiental, as temperaturas elevadas ou a acumulación de matogueira seca tan só son motivos polos que os incendios se estenden, pero non os causan.

Galicia viviu unha das súas peores vagas de incendios no 2006, cando as chamas queimaron unhas 90.000 hectáreas. Pero todas as tempadas, por uns ou outros motivos, os incendios convértense en catástrofes ambientais. O comezo deste ano recordarase polo de Chile, que arrasou case 590.000 hectáreas, ou o de principios de verán en Portugal, que calcinou 40.000 hectáreas, pero que permanecerá na memoria polos 64 falecidos, moitos abrasados na estrada pola que tentaban escapar daquel inferno. Desgraciadamente, o pasado outubro tamén pasará á historia galega polo falecemento de varias persoas, e pola queima dunhas 35.000 hectáreas en só uns poucos días. A situación volveuse dramática nalgúns momentos nos que houbo arredor de 140 incendios simultáneos ao longo da nosa xeografía e o lume ameazou núcleos urbanos e vivendas que foi necesario desaloxar.

Recordemos que unha das agresións que máis está a contribuír á desertización do chan galego son os incendios forestais. E parece que a ameaza aumenta, pois os estudos indican que a tempada de incendios é cada vez máis longa e hai máis superficie en perigo.

O mundo en lapas

Estímase que no mundo se producen anualmente uns 100.000 incendios forestais, é dicir, algún máis de 270 cada día. Os expertos definen como grandes incendios forestais os que queiman unha superficie maior de 500 hectáreas. Aínda que non sexan os máis frecuentes, son os que provocan as maiores perdas. O seu estudo indica que os bosques que se queiman máis facilmente son os que proceden de repoboación (ás veces formados por unha soa especie arbórea, como piñeiros ou eucaliptos), mentres que os naturais parecen arder con máis dificultade. De aí a necesidade de mellorar as prácticas de repoboación forestal, o mantemento dos bosques e a responsabilidade que ten a Administración pública na xestión dos bosques, pois, por exemplo, non todos os bosques e árbores se comportan igual fronte ao lume.

Unha vez desencadeado o incendio, os factores que determinan o seu comportamento son a meteoroloxía (humidade, vento, calor, etcétera), os combustibles forestais (madeira seca ou verde, tipo de árbores, etcétera) e o relevo do terreo. En función destas circunstancias, adoitan estenderse a unha velocidade de entre 4 e 6 quilómetros por hora, pero poden chegar a 12 ou máis cando as condicións o favorecen. O que máis determina o tipo de incendio é a parte do bosque que se queima. Por iso se fala de incendios de superficie, de copas e de subsolo. Nos primeiros arden as follas do chan, as ramas caídas e as matogueiras; os incendios de copas son aqueles que se estenden rapidamente polas copas das árbores. O terceiro tipo é o incendio de subsolo, que afecta á materia orgánica en descomposición e ás raíces. Esténdese a menor velocidade e apenas produce chamas, pero é o máis devastador, pois resulta difícil de extinguir e destrúe sementes, raíces e aos organismos que viven nel.

AMANTES DO LUME

Mentres o bosque está en chamas a temperatura chega a alcanzar entre 1.000 e 1.200 graos de temperatura. Como esa situación é pasaxeira, o quecemento do chan non adoita ser tan elevado, queda arredor duns 200-300 graos; incluso por baixo duns 3 centímetros a elevación térmica adoita ser pequena. Con todo, a destrución biolóxica comeza cara aos 40-70 graos. A pesar destas temperaturas, existen rexións do mundo, como zonas de Australia, Chile, Estados Unidos e algúns países mediterráneos, onde a presenza do lume é tan habitual que os seres vivos evolucionaron para sobrevivir á súa presenza. A sobreira, por exemplo, ten unha cortiza grosa e illante que lle proporciona resistencia fronte aos incendios de superficie, aínda que non fronte aos de copas. Outras especies aproveitan a destrución que causan os incendios para estenderse e colonizar territorio: son as denominadas pirófitas, é dicir, especies amantes do lume. Os eucaliptos, por exemplo, recupéranse moi rápido grazas á capacidade para brotar con novas xemas de crecemento; e nalgunhas especies de piñeiros a calor provoca a apertura das piñas e a dispersión das súas sementes (piñóns).

 

Infórmate

O ministerio español responsable do noso medio ambiente ten un informe sobre os incendios forestais na última década, o 2001-2010. Nas primeiras páxinas, ofrece gráficas para coñecer a evolución deste tema no noso país:

Hai cada vez máis incendios? Quéimase cada vez máis superficie arborizada? Cal ano foi o peor dos últimos 30?:

  • goo. gl/zcQQwo

Investiga

Resulta curioso que o que destrúe unhas especies a outras poida beneficialas. É o caso das especies chamadas pirófitas. Coñecelas pode ser importante para previr os incendios. Pescuda, utilizando Internet, cales son, se existen en Galicia e como logran sobrevivir ás chamas.

Debate

Un recente artigo na seguinte revista dixital propón unha diversidade de motivos polos que suceden os incendios: goo.gl/KHsnV8

  •  Debatede na aula cales son os máis importantes e que se podería facer para evitalos.