Ernest Hemingway, de profesión escritor

LA VOZ DE LA ESCUELA

Ernest Hemingway
Ernest Hemingway National Archives and Records Administration

Ímonos seguir ocupando este curso de grandes escritores europeos e americanos que levaron a literatura a niveis de gran calidade. Nin a poesía nin, sobre todo, a novela actuais serían as mesmas sen a achega literaria de cada un deles. Deste xeito, queremos render unha modesta homenaxe escolar á súa memoria e axudar a que sexan un pouco mellor coñecidosUnha placa na praza de mazarelos lembra o seu paso por Santiago de Compostela en 1927

15 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro que un pensa ao coñecer a biografía de Hemingway é que, ademais de ser un gran xornalista e escritor de novelas e contos, tivo un don especial: o de estar no sitio exacto no momento oportuno. Foi ferido na Primeira Guerra Mundial, cando conducía unha ambulancia na fronte de Italia, e no hospital, onde estivo oito meses, coñeceu e namorou dunha enfermeira, que lle serviría logo como modelo da protagonista da súa novela Adeus ás armas. En 1925 apareceu en Pamplona, cun pano vermello disposto a correr os encerros de San Fermín, e este feito serviulle para escribir unha mediocre novela, Festa, ademais de deixar asociada a súa figura ás corridas de touros e ás vivencias da España máis castiza.

Uns anos máis tarde, en 1937, apareceu Hemingway en Madrid, durante o asedio que sofre a capital en plena Guerra Civil, o que lle servirá de material literario para a súa novela Por quen dobran as campás. Fora enviado como correspondente pola revista Life. E, tamén como enviado especial dese medio, reaparecerá en París, coas tropas aliadas que liberarán a capital do dominio nazi. Pódese dicir que Hemingway viviu os principais feitos históricos do século XX en primeira fila.

PRIMEIROS PASOS: PARÍS

Ernest Hemingway naceu en Oak Park, Illinois, en 1899. Despois de terminar os seus estudos secundarios, atopou traballo nun modesto xornal local, no que estivo só seis meses, pero que deixou unha fonda pegada no futuro escritor, xa que sempre recoñeceu que o seu libro de estilo constituíu a base da súa escritura: «Utilice frases curtas. Utilice primeiros parágrafos curtos. Use unha linguaxe vigorosa. Sexa positivo, non negativo». Deixou o traballo ao apuntarse no Exército, e foi destinado á fronte bélica como chofer de ambulancias, ata que caeu ferido. Ao acabar a guerra, trasladouse a París como correspondente do xornal Toronto Star.

Alí, sen un franco, casou con Elizabeth Hadley Richardson, que lle leva oito anos. Viviron nunha bufarda misérrima, mentres Hemingway traballaba como sparring de boxeadores a cambio de algo de queixo e unhas copas de viño. Neses anos lúgubres empezou nacer o escritor. Esta época foi moi importante na carreira literaria do escritor americano, pois lle servirá para ir adaptando o seu estilo a un molde persoal. Ademais, en París Hemingway coñeceu a escritores como Gertrude Stein, que lle axudou a subir os primeiros banzos da súa carreira. O Hemingway dos primeiros anos de París era un mozo «alto, guapo, musculoso, de ombros anchos, de ollos marróns, de rosadas fazulas, de mandíbula cadrada, de voz suave». O seu gusto polos deportes conservouno toda a vida. Stein foi quen máis o axudou, pois foi ela quen o puxo en contacto con artistas e escritores expatriados do barrio de Montparnasse a quen a escritora americana bautizou como a Xeración Perdida, termo que Hemingway se encargará de popularizar. Como habitual do salón de Stein, Hemingway coñeceu a pintores influentes como Pablo Picasso, Joan Miró, e Juan Gris. Ou ao poeta estadounidense Ezra Pound, co que mantivo unha longa amizade, e ao escritor James Joyce, co que compartiu moitas conversacións literarias. En París viviu sete anos (desde 1921 ata 1928), tivo un fillo con Hadley, a súa primeira esposa; divorciouse dela e volveu casar, con Pauline Pfeifer, coa que tivo outro fillo, xa en Key West (Florida). Nestes anos vinte veu varias veces a España, onde descubriu os sanfermines de Pamplona e atopou unha gran afinidade coa súa cultura.

HEMINGWAY EN GALICIA

Foi nesta época cando coñeceu tamén Galicia. O escritor Carlos Casares indagou nesta relación do norteamericano coa nosa terra e chegou á conclusión de que Galicia lle gustou desde a primeira viaxe que realizou ata aquí, en concreto a Santiago de Compostela, no verán de 1927. Hospedábase no hotel Suizo, na rúa que desemboca na praza de Mazarelos, en cuxo portal se conserva unha placa que o recorda. De Santiago chegou a dicir: «É a cidade máis fermosa que vin xamais». Volveu no verán de 1929 e pasou días en Noia, outro pobo que tiña un encanto especial para el. Hemingway era un gran afeccionado á pesca, tanto de río como de mar, e a este deporte dedicou varios dos seus artigos xornalísticos. Sempre falou marabillas da pesca de troitas nos ríos españois, por iso, cando viña a Santiago, non faltaba ás súas citas co Tambre, que desemboca na ría noiesa, cos seus correspondentes descansos bebendo viño da terra nas tabernas ribeiregas. Tamén os salmóns do Ulla eran tentados pola cana de pescar do escritor.

A súa admiración por Santiago quixo deixala certificada ao pórlle o nome da cidade ao vello pescador da súa mellor novela, O vello e o mar. En Por quen dobran as campás o narrador establece conversación cun soldado de Negreira (pobo ribeirego do Tambre e próximo a Noia) que resultou ser un personaxe real, tío do meu amigo poeta Pepe Ardeiro.

RETORNO A NORTEAMÉRICA

Durante os anos trinta Hemingway pasou os invernos en Key West (Florida) e os veráns en Wyoming -«O país máis fermoso que atopara no oeste», deixou escrito-, onde practicaba a súa afección cinexética cazando veados e alces. Durante estes anos seguiu viaxando a Europa como correspondente de distintos xornais. E tamén tivo tempo para viaxes de lecer: en 1933 foi coa muller e uns amigos a un safari de dez semanas a África oriental, experiencia que lle servirá para escribir Os verdes outeiros de África e o conto As neves do Kilimanjaro, que logo sería levado ao cine.

En 1937 veu a España como correspondente de guerra, cunha decidida postura á beira da República. Escribiu unhas crónicas que son exemplo do mellor xornalismo de acción, mentres se movía entre Madrid e Valencia. Acompañouno unha xornalista e escritora americana, Martha Gellhorn, coa que iniciou unha relación que terminaría en voda, despois de divorciarse de Pauline Pfeifer. En 1938 estivo presente na batalla do Ebro e consta que foi un dos últimos xornalistas estranxeiros en cruzar o río.

Entre Cuba, Estados Unidos, España e outros países de Europa transcorreu a vida itinerante e bohemia do vitalista Hemingway. Escribiu para os xornais con asiduidade, pero tamén novelas que ían cultivando un éxito crecente. Como Por quen dobran as campás (1940), que naceu inspirada pola súa nova esposa Marta Gellhorn.

De maio de 1944 a maio de 1945 Hemingway estivo en Londres e en Europa. Cubriu o desembarco de Normandía nunhas crónicas que son xoias literarias. Casou coa súa cuarta esposa, á que coñeceu en Londres, Mary Welhs. O 25 de agosto de 1945 estivo presente na liberación de París do dominio nazi. No hotel Ritz bebeuse a champaña francesa que os alemáns tiñan gardada nas neveiras do bar. Hoxe un busto recorda a súa presenza alí nun día tan significado. En 1947 Hemingway foi galardoado cunha Estrela de Bronce pola súa valentía durante a Segunda Guerra Mundial, e pola completa información que dela deu ao mundo.

A SÚA RELACIÓN CON CUBA

Con todo, despois da guerra, Hemingway entrou nunha etapa depresiva que irá minando a súa vitalidade. Viu como os seu amigos escritores morrían (Scott Fitzgerald, Joyce, Stein), tiña dificultades de entendemento coa súa esposa, as enfermidades e accidentes que tivo anteriormente empezaron a pasarlle factura, aumentada polo uso excesivo de alcol. E nin o premio Pulitzer que recibiu por O vello e o mar en 1952 nin o Nobel de Literatura que lle conceden en 1954 serán suficientes para rescatar do pesimismo ao home maior e deprimido en que se converteu.

Nun dos seus regresos de Europa, en 1928, fixo escala por primeira vez na Habana, á que volvería con certa regularidade nos anos trinta, durante a lei seca. As súas finalidades eran a pesca, o whisky e o ron. Instalábase no hotel Ambos Mundos, preto do porto, e alí falaba con pescadores e aventureiros, que lle ensinaron a técnica de pescar o peixe espada, abundante naquelas augas, antes de darse unha volta polo bar Floridita, onde tomaba uns daiquiris en soidade ou en compañía. Neste bar ten aínda hoxe unha escultura e unha banqueta baleira fronte a ela, tanto é o culto que se lle rende aínda hoxe na Habana.

En 1940 comprou a Finca Vigía, no poboado de San Francisco de Paula, preto da capital, onde residiu por tempadas. Aquí estaba en 1959 cando trunfou a revolución castrista, e ao ano seguinte fotografouse con Fidel Castro, por quen nos primeiros momentos mostrou unha gran simpatía. Outra vez Hemingway no sitio adecuado da historia e no momento oportuno. Pero a mediados dese mesmo ano, Hemingway e a súa cuarta esposa, Mary, abandonaron Cuba para instalarse en Idaho (EE.UU.), nunha casa recentemente comprada. E aquí foi onde, ao ano seguinte, o 2 de xullo de 1961, se suicidou coa súa escopeta de caza. Ao principio a viúva fixo crer que fora un accidente fortuíto, pero a autopsia e outros informes médicos confirmaron o suicidio.

A Finca Vigía, cunha biblioteca de máis de seis mil libros, foi expropiada polo Goberno cubano despois do desembarco en praia Girón, en 1961.

Obra literaria

Hemingway escribiu moito e de todo, nunha dedicación absolutamente profesional á escritura. Foi, ademais de xornalista, autor de numerosos e excelentes contos literarios, de varias novelas e de centenares de artigos xornalísticos de grande plasticidade e beleza. Entre as súas dez novelas publicadas (tres delas póstumas), destacaremos as máis coñecidas:

  • «Festa» (1926). É a súa primeira novela importante. Tivo moi boa acollida entre o público e dá a coñecer ao seu autor pola porta grande da literatura. A obra narra as peripecias dun grupo de novos escritores pertencentes á xeración de entreguerras, a coñecida como Xeración Perdida, que viaxan por Francia e España, se divirten nos sanfermines e teñen problemas persoais e amorosos entre eles. A historia termina en Madrid.
  • «Adeus ás armas» (1929) narra a historia de amor entre un novo soldado e a enfermeira que o coida no hospital, mentres se recupera dunha ferida nun xeonllo recibida nun bombardeo durante a Primeira Guerra Mundial, en Italia. Na súa maior parte a novela é autobiográfica.
  • «Por quen dobran as campás» (1940). Esta novela desenvólvese en España durante a Guerra Civil. Conta como un profesor americano de Montana loita no bando republicano e como se lle encarga, por ser un experto en explosivos, a delicada misión de voar unha ponte en Segovia para impedir o avance do exército franquista. Nesta misión coñece a María, unha rapariga nova da que se namora. El sabe que nunca poderá vivir con ela en Madrid, como sería o seu desexo, porque non sairá vivo desta perigosa acción que lle encomendaron. A morte mestúrase coa vida para torcer vontades e impedir que se cumpran os soños particulares. As campás, cando dobran, tocan por calquera de nós.
  • «O vello e o mar» (1952) é, a xuízo da crítica, a súa mellor novela e, desde logo, a máis famosa. Foi o seu último traballo de ficción importante publicado en vida. Para gran parte da crítica é unha das mellores novelas do século XX. Foi levada ao cine en varias ocasións, e unha das versións máis populares é a protagonizada por Spencer Tracy, en 1958. A obra conta como un vello pescador cubano, Santiago, que levaba un mal período sen pescar nada e sae ao mar sen esperanza, nota que un enorme peixe espada morde o anzol do seu aparello e, a pesar de que desata unha pelexa titánica, non logra librarse do anzol. A loita co peixe dura tres días, durante os cales Santiago dá un repaso á súa vida pasada. Por fin, logra capturar ao peixe, xa canso: mátao co seu arpón, átao á súa barca e pon rumbo a terra. Pero ao cheiro do sangue acoden quenllas que se disputan a comida que ofrece o gran peixe espada. Santiago loita contra elas, pero non logra impedir que coman o peixe capturado. Logra chegar a porto, pero só coa cabeza e o esqueleto da enorme peza cobrada. A novela é un canto á constancia e á valentía do home na súa loita contra a adversidade. A anécdota narrada é inventada, pero na novela atopamos alusións a personaxes reais, protagonistas da guerra, e moitas anécdotas históricas.